Esperanza Guisán Seijas, nada na Coruña o 23 de abril de 1940 e falecida o 27 de novembro de 2015, foi unha profesora e filósofa galega. Catedrática de Filosofía Moral e Política pola Universidade de Santiago de Compostela, introduciu no panorama intelectual de fala hispana o utilitarismo contemporáneo, un dos principais modelos actuais de pensamento ético e político a nivel internacional. Tal e como ela mesma describiu, a súa actividade centrouse na ética normativa, a educación ou desenvolvemento moral, a vinculación entre a ética e a filosofía política e a investigación meta-ética, en especial as cuestións referidas á fundamentación da racionalidade práctica.
Biografía Nada no seo dunha familia pequenoburguesa, Esperanza Guisán sentiuse atraída dende moi nova polas humanidades. Aos sete anos comezou a escribir pequenos poemas á par que sobresaía na escola en redacción e sintaxe. Era a maior de dez irmáns descritos por ela como “marabillosos, distintos e moi iguais” cos que xogaba a ser mestra, facer teatro, escribir e debuxar. Debido á oposición do seu pai, empresario madeireiro que pretendía que fose a súa sucesora no negocio, non estudou bacharelato. No seu lugar, ingresou con doce anos na Escuela de Altos Estudios Mercantiles da súa cidade para cursar comercio, o cal non lle interesou demasiado a non ser polo alemán comercial, a publicidade e o dereito laboral.
Arredor dos vinte anos comezou a traballar como axudante administrativa no departamento de exportacións dunha fábrica de tecidos, onde coñeceu o mundo da grande empresa e a deficiente organización sindical que había durante a época franquista.
Con todo, as súas inquedanzas filosófica xa se foran xestando durante este período e ata o momento tiña escrito, alén dos poemas cos que se entretiña cubrindo cadernos durante as aulas, un artigo titulado “Igualdad de oportunidades” para o diario compostelán La Noche. Nel reclamaba a importancia do acceso a estudos universitarios por parte da totalidade da cidadanía, independentemente da posición económica de cadaquén, o cal lle custou o comentario dun membro da Falange próximo á súa nai, mais sen maior repercusión.
Aos vinte e tres anos, e tralo suposto quebro da empresa na que traballaba, decide trasladarse a Londres para traballar como au-pair girl. Nesta cidade fica uns meses mentres perfecciona o seu nivel de inglés. Ao seu regreso a España recibe a noticia de que a súa solicitude para seren “Spanish Assistant Teacher” en Inglaterra fora aceptada. Os seus coñecementos en inglés eran moi elevados por aquel entón, grazas ao cal obtivo o primeiro diploma de Cambridge e puido dar clases de conversación na Hornsey High School e na Tollington School.
Tras volver de novo a España, rexeita un traballo que o seu pai lle buscara como tradutora en Madrid, e ingresa na facultade de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, mentres simultaneamente traballa como profesora de inglés no actual colexio Peleteiro. Tres anos despois, no 1967, e tras rematar os estudos comúns de Filosofía, marcha a Valencia a cursar Filosofía, grazas a un préstamo persoal concedido pola “Caja de Ahorros de Galicia”. Alí xerminou definitivamente a súa inquietude intelectual e foi perfilando, entre os anos 1967 e 1970, a vocación específica polos estudos de ética. Ao remate da súa licenciatura, no 1970, presenta a súa tese de doutoramento, denominada "Necesidad de una crítica de la razón pura y práctica", á cal lle seguirá no 1976 a súa tese doutoral, pola que recibiu unha bolsa que lle permitiu abandonar a docencia privada e centrarse na investigación.
A partir de entón continuou a traballar nun amplo e rico conxunto de obras e artigos que adquiriron un gran recoñecemento internacional e que a levaron a ser nomeada vicepresidenta da Sociedade Internacional de Estudos Utilitaristas. No ano 1991 fundou a Sociedad Iberoamericana de Estudos Utilitaristas e, un ano despois, puxo en marcha a revista Télos.
En canto á súa carreira como docente na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi catedrática de Ética, salientou o seu compromiso co fomento do espírito crítico característico da filosofía entre as alumnas e alumnos, sempre dende a defensa da democracia e os dereitos fundamentais das persoas, e en especial das mulleres. Nunha ocasión sufriu acoso por parte dun alumno, ao que denunciou por insultos e ameazas.
Finalmente, o día 27 de novembro do 2015 faleceu á idade de setenta e cinco anos.
Influencias Esperanza Guisán especializouse particularmente na filosofía anglosaxoa, realizando lecturas de autores como John Locke, Thomas Hobbes, David Hume, John S. Mill (no que era unha recoñecida especialista), Henry Sidgwick, George E. Moore, Alfred J. Ayer, Charles L. Stevenson, Helen M. Warnock, Annette C. Baier, Richard M. Hare, Iris Murdoch, Martha C. Nussbauum, Sharon R. Krause, Peter Singer, e un moi longo etcétera. Ademais, leu e coñeceu a tradución castelá de autores como Kierkegaard, Pascal, Max Scheler, Heidegger, Hegel e Marx.
No eido académico, ela mesma destaca a influencia do seu profesor na Universidade de Valencia, Fernando Montero Moliner, quen a animou a traballar sobre a Falacia Naturalista de George E. Moore e dirixiu a súa tesiña de licenciatura, nomeada Necesidad de una Crítica de la Razón Pura Práctica.
Obras Los presupuestos de la falacia naturalista, 1981. Cómo ser un buen empirista en ética, 1985. Razón y pasión en ética. Los dilemas de la ética contemporánea, 1986. Esplendor y miseria de la ética kantiana, 1988. Manifiesto hedonista, 1992. La ética mira a la izquierda. 1992. Ética sin religión, 1993. Introducción a la ética, 1995. Más allá de la democracia, 2000. Una ética de libertad y solidaridad: John Stuart Mill, 2008.
Estilo literario Habitualmente, Esperanza Guisán, tanto nas súas intervencións públicas como nas súas obras mostraba preferencia por un ton coloquial, mediante o cal era facilmente entendible o que pretendía transmitir. Filosofía Nocións xerais da filosofía ética Esperanza Guisán declarouse a si mesma como unha defensora dos valores ilustrados, crítica co dogmatismo e o autoritarismo (o cal enfrontou durante a etapa franquista) pero, sobre todo, como unha “utilitarista cosmopolita”, ou mellor, unha “cosmopolita milliana”, xa que dentro do utilitarismo John S. Mill parecíalle o pensador máis refinado, sensato, sensible e humano. Esta centrouse, primordialmente, no estudo, tradución e reivindicación da obra de John S. Mill, a súa influencia máis notable e predilecta. Así, o seu traballo filosófico dirixiuse principalmente ao eido da ética, que coma ela mesma afirmaría, cambiaríalle a vida no momento en que acadou o curso no cal se impartía a devandita materia. Esta conta como nese momento soubo que iso era todo canto anhelara dende as súas primeiras meditacións sobre a vida boa, xusta e feliz.
A proxección ética das súas obras dirixiríase a amosar a capacidade da filosofía para axudar aos seres humanos no seu crecemento persoal, e ao desenvolvemento da civilización como froito non só da paz, senón da amizade e da concordia entre todos os humanos. Así mesmo, esta buscaría co seu traballo intelectual consolidar unha ética de principios morais baseados na condición humana, na busca dunha pretensión de validez universal, inda que sempre aberta a novas melloras, como ela mesma afirmou en máis dunha ocasión. Outro dos obxectivos da súa obra sería o estudo dos conceptos de culpa, satisfacción, honestidade, xustiza, benestar, dignidade ou autoestima, deixando un lugar especial á cuestión central da felicidade, que desenvolverá en obras coma Introducción a la Ética (1995), ou artigos como “Da xustiza á felicidade” (1989), entre outras.
Como ela conta nas súas notas autobiográficas, esta baseou a súa actividade intelectual en cinco eidos: a ética normativa, os estudos utilitaristas, a educación e desenvolvemento moral, o estudo da cuestión de como podemos emitir xuízos (e razoamentos) morais correctos ―recorrendo a Piaget e Kholberg―, e a investigación en meta-ética (en concreto, cuestións de fundamento da racionalidade práctica). É respecto desta derradeira vía que constrúe o seu sistema ético propio, artellando elementos da xustiza kantiana, de cariz deontolóxico, con outros hedonistas, coma os epicúreos, ou utilitaristas, coma os de John S. Mill.
En definitiva, a proposta ética de Guisán será a dunha teoría da xustiza que inclúa a felicidade, e que teña unha razón práctica empiricamente condicionada ―a diferenza da razón formal kantiana― coma punto de partida, ademais dunha base de mínimo natural en ética― consistente en valores, deberes, dereitos e normas propios da condición humana― que eviten calquera fundamento da moral nalgo trans-mundano ou superior. Ademais, a súa proposta avoga pola recuperación do sentimento de “simpatía” ou “humanidade”, ao estilo de David Hume, coma fundamento persoal do ético, do xusto e do moral; así como por unha concepción do benestar e da felicidade que integre a igualdade, a individualidade e a liberdade como elementos eticamente importantes.
Manifesto hedonista (1992)
Do mesmo xeito que outros autores especializados no eido da ética, Guisán viuse obrigada a teorizar sobre as contradicións producidas entre o eido da razón e o da paixón no ser humano. A solución que esta propón ao conflito é a do “bo hedonista”, que supón a fusión e confusión de paixón e irracionalidade, felicidade e imparcialidade, xustiza e satisfacción do desexo.
A obra magna do seu pensamento ético foi o Manifesto hedonista (1992), que reformula as propostas primeiramente expostas en Razón e paixón na ética (1988). Esta obra destaca pola súa constitución anti-academicista, por estar dirixida non só ás filósofas, senón a calquera lector ou lectora potencialmente intelixente e preocupado polos dilemas morais cotiáns. A proposta central da mesma eríxese ao redor da liberación do ser humano con respecto aos tabús e poderes humanos e sobre-humanos de todo signo. Aquí a liberación non se refire unicamente ao eido negativo de remover obstáculos, senón tamén ao logro do auto-despregue e auto-realización do individuo, tanto nas vivencias subxectivas como no referente á convivencia.
Coma ela mesma sostería, o obxectivo da obra sería dobre. Por un lado, trataría de superar o hedonismo rudimentario e groseiro, baseado na satisfacción elemental das necesidades primarias. E, polo outro, de refutar as teorías de inspiración deontolóxica, neokantiana e neopuritanas―que na actualidade pretenden ser correctivas do hedonismo “vulgar” imperante―, tanto pola formulación académica das devanditas teorías, como polo uso e desenvolvemento que delas fan a Igrexa e as Institucións moralizadoras.
Ademais, o hedonismo defendido nesta obra non nega o amor propio, senón que pretende aumentalo e potencialo. Nela non se rexeita a busca da comodidade nin o gozo dos bens de todo tipo ―desprezados polos puritanos―, senón que se redefine a “comodidade” e o “benestar” de maneira que se axusten a aquilo que satisfaga as esixencias da intelixencia e da sensibilidade. Para este obxectivo, tomaranse como base dous presupostos optimistas: que o home virtuoso é o home feliz ―e o home feliz é o home virtuoso―, e que á súa vez, o home atópase nunha das fontes máis fondas e duradeiras de goce na loita por transformar e mellorar a sorte dos seus conxéneres. En definitiva, o interese primordial de Guisán vai na liña da elaboración dunha síntese das aportacións de Inmanuel Kant e John S. Mill, así coma do neokantismo e o neoutilitarismo. Outras obras sobre ética As principais aportacións de Guisán no eido da ética xiran en torno ás reivindicacións dun fundamento ético con supostos universais revisables, de cariz laico. O seu obxectivo foi sempre a defensa de valores utilitaristas e cosmopolitas, tales como a liberdade de expresión ou a defensa do benestar, ambos expresados no concepto de “bo hedonista”.
Ética sen relixión (1993)