Philippe Lacoue-Labarthe, nado en Tours o 6 de marzo de 1940 e finado en París o 27 de xaneiro de 2007, foi un filósofo, crítico literario e tradutor francés.

Traxectoria Lacoue-Labarthe escribiu extensamente sobre Martin Heidegger, Jacques Derrida, Jacques Lacan, o romanticismo alemán, Paul Celan e a deconstrución. Ademais, traduciu obras de Heidegger, Celan, Nietzsche, Walter Benjamin e Hölderlin ao francés.

Lacoue-Labarthe foi membro e presidente do Colexio Internacional de Filosofía (Collège international de philosophie).

Obra filosófica Colaboración con Jean-Luc Nancy Despois das sesións de seminarios conxuntos, Lacoue-Labarthe escribiu algúns libros e artigos en colaboración con Jean-Luc Nancy, quen fora o seu colega e amigo, máis que colaborador na Université Marc Bloch en Estrasburgo. Colaboracións que inclúen Le Titre de la lettre: une lecture de Lacan (1973), e L'Absolu littéraire: théorie de la littérature du romantisme allemand (1978). Pierangeli Di Vittorio refírese a ambos, e á súa influencia en filósofos de todo o mundo, como á "Escola de Estrasburgo".

En 1980, Lacoue-Labarthe e Nancy organizaron unha conferencia en Cerisy-la-Salle, centrada en torno ao ensaio de 1968 de Derrida: Les fins de l'homme. Posteriormente á conferencia, e a solicitude de Derrida, en novembro de 1980 fundaron o Centre de Recherches Philosophiques sur la Politique. O Centre operou durante catro anos, e pretendía buscar enfoques filosóficos, máis que empíricos, ás cuestións políticas. Durante este período, Lacoue-Labarthe e Nancy produciron algúns estudos importantes, tanto xuntos como por separado. Algúns destes textos aparecen en Les Fins de l'homme à partir du travail de Jacques Derrida: colloque de Cerisy, 23 juillet-2 août 1980 (1981), Rejouer le politique (1981), La retrait du politique (1983) e Le mythe nazi (1991).

Sobre Martin Heidegger En 1986, Lacoue-Labarthe publicou un libro sobre Celan e Heidegger intitulado La poésie comme expérience (1986). Lacoue-Labarthe recibiu o seu doutoramento estatal (Doctorat d'état) en 1987, fronte a un xurado presidido por Gérard Granel, que incluía a Jacques Derrida, George Steiner e Jean-François Lyotard. A monografía entregada nesa ocasión foi La fiction du politique (1988): un estudo sobre a relación de Heidegger co Nacionalsocialismo. A obra precede así o interese que levantou posteriormente Victor Farías en torno á relación de Heidegger co nazismo.

En La Poésie comme expérience (1986), Lacoue-Labarthe argumentou que, aínda que a poesía de Celan estaba profundamente informada pola filosofía de Heidegger, Celan foi sempre consciente das vacilacións de Heidegger co Nazismo, o cal implicou sempre unha actitude circunspecta de parte de Celan cara Heidegger. Celan, porén, estivo disposto a coñecer persoalmente ao pensador da Selva Negra. Heidegger mesmo profesaba unha grande admiración pola poesía do poeta xudeu, aínda que nunca escribiu extensas consideracións filosóficas sobre a súa poesía, como si foi o caso con Hölderlin e Trakl.

En canto á discutida cuestión política, para Lacoue-Labarthe o erro de Heidegger non consistiu tanto na temperá adición ao nazismo, como no seu silencio respecto do holocausto e no que puido ter sido unha deconstrución do nazismo (se ben, Heidegger sempre afirmou que a súa crítica do nazismo tiña que ser buscada nos seus extensos textos sobre Nietzsche).

Con todo, Lacoue-Labarthe estima que o pensamento de Heidegger ofrece moitas alternativas para a confrontación frontal co nazismo, aínda que Heidegger non fose claro ao respecto.

Obra teatral Lacoue-Labarthe tamén estivo envolto en producións teatrais. Traduciu a versión de Antígona de Hölderlin, e colaborou con Michel Deutsch para montar a obra no Teatro Nacional de Estrasburgo en 1978. Lacoue-Labarthe e Deutsch montaron tamén as Mulleres fenicias de Eurípides en 1980. A tradución de Lacoue-Labarthe de Edipo Rei de Hölderlin foi escenificada en Aviñón en 1998, con Charles Berling no papel principal.

Obras Le Titre de la lettre: une lecture de Lacan (1973). L'Absolu littéraire: théorie de la littérature du romantisme allemand (1978). Portrait de l'artiste, en général (1979). Le Sujet de la philosophie: Typographies 1 (1979). Les Fins de l'homme à partir du travail de Jacques Derrida: colloque de Cerisy, 23 juillet-2 août 1980 (ed.) (1981). Rejouer le politique (ed.) (1981). La retrait du politique (ed.) (1983). Retrait de l’artiste en deux personnes (1985). L'Imitation des modernes: Typographies 2 (1986). La Poésie comme expérience (1986). La Fiction du politique: Heidegger, l'art et la politique (1988, ed. revisada). Sit venia verbo (1988). Le mythe nazi (1991). Pasolini, une improvisation : d’une sainteté (1995). Retreating the Political (1997). Métaphrasis; suivi de Le théâtre de Hölderlin (1998). Phrase (2000). Poétique de l'histoire (2002). Heidegger: la politique du poème (2002). Agonie terminée, agonie interminable (2004). Le chant des muses: Petite conférence sur la musique (2005). L’«allégorie»: Suivi de Un commencement (2006). Préface à la disparition (2009). Ecrits Sur l'Art (2009).

Véxase tamén Bibliografía Jacques Derrida, "Désistance," en Psychè. Pierre Joris, Heidegger, France, Politics, The University. John Martis, Philippe Lacoue-Labarthe: Representation and the Loss of the Subject (Nova York: Fordham University Press, 2005). Avital Ronell, "The Differends of Man," en Finitude's Score.

Categoría:Filósofos de Francia Categoría:Tradutores de Francia Categoría:Nados en Tours Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2007