O comercio internacional abrangue o intercambio de bens, servizos e, en ocasións, capital entre fronteiras nacionais, o que permite aos países aproveitar as diferenzas nas dotacións de recursos, na tecnoloxía e nos custos laborais para acadar ganancias mutuas a través da especialización. Este proceso está fundamentalmente impulsado polo principio da vantaxe comparativa, polo cal as nacións producen e exportan os bens nos que teñen un menor custo de oportunidade en relación cos seus socios comerciais, aínda que carezan de eficiencia absoluta en todos os ámbitos. En 2024, o comercio mundial de bens e servizos comerciais acadou os 32,2 billóns de dólares, o que reflicte unha expansión do 4% con respecto ao ano anterior, malia as tensións xeopolíticas e as disrupcións nas cadeas de subministración.
As institucións posteriores á Segunda Guerra Mundial, como o Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio (en inglés, GATT), que evolucionou ata converterse na Organización Mundial do Comercio (OMC) en 1995, reduciron de xeito significativo os aranceis medios e as barreiras non arancelarias, favorecendo unha liberalización comercial sen precedentes e integrando as economías de todo o mundo. A evidencia empírica demostra de xeito consistente que esta apertura impulsa a produtividade grazas ao acceso a insumos e variedades máis baratos, mellora o benestar dos consumidores mediante prezos máis baixos e correlaciónase cun maior crecemento do PIB, especialmente nas nacións en desenvolvemento que adoptan estratexias orientadas á exportación.
Con todo, o comercio internacional segue a ser controvertido, xa que os críticos sinalan o desprazamento de emprego nos sectores que compiten coas importacións, os desequilibrios comerciais persistentes —como os provocados polas subvencións e a manipulación de divisas— e as vulnerabilidades ante os choques na subministración, o que impulsou o resurximento de políticas proteccionistas, como os aranceis, para protexer industrias estratéxicas ou abordar prácticas percibidas como desleais. Aínda que a teoría do libre comercio prevé ganancias netas de benestar, as friccións do mundo real, incluídos os custos de axuste para os traballadores desprazados e os riscos xeopolíticos, poñen de relevo os debates continuos sobre o equilibrio óptimo de políticas entre a apertura e as salvagardas.
Galiza As exportacións consolídanse como a locomotora da economía galega. Malia diminuír un chico en 2012, en 2011 incrementou as súas exportacións un 15,7% a respecto do 2010, lixeiramente por riba da media estatal, o que converte a Galiza na comunidade autónoma española cun mellor saldo comercial (diferenza entre o que se vende e o que se compra fóra), un superávit de 3.502 millóns de euros, máis do dobre que o acadado un ano antes (2010).
A marca histórica acadouse en 2011, exportándose mercadorías por valor de 17.532 millóns de euros, unha marca que supera o máximo acadado en 2007 (16.699 millóns), antes de que a crise afectase a Galiza.
Galiza exporta logo o 8,2% das vendas totais de España fóra das súas fronteiras, que en 2011 ascendeu a 214.485 millóns de euros, mais tamén importa o 5,4% do total estatal, o que sitúa ao país galego en sexto lugar, tamén en importacións, con 14.029 millóns de euroshttp://www.laopinioncoruna.es/economia/2012/02/22/galicia-bate-record-exportaciones-cierra-2011-mayor-superavit-espana/582833.html.
O que máis exporta Galiza (datos de 2011-2012) son bens relacionados cos automóbiles (21,9%), téxtiles (21,84%), pesca (10,4%), produtos enerxéticos (4,3%), materias primas animais e vexetais (3,89%), e material de transporte. O que máis importa son produtos enerxéticos (30%), equipamento (8,37%), e téxtiles (11%). O 77,18% expórtase a outros países europeos, supondo a Unión Europea o 72%, especialmente Francia (27%), Portugal (14%), Italia (8%), Alemaña (4,9%) e o Reino Unido (4,2%). Outros países son Marrocos (2,9%), Alxeria (2,6%), os Estados Unidos (2,5%), os Países Baixos (2,10%) e Turquía (1,81%).
Á súa vez Galiza importa principalmente de Francia (17%), Portugal (12%), Alemaña (5%), Rusia (4,89%), México (4,49%), Estados Unidos (4,44%), Libia (3,91%), China (3,71%), Italia ou Nixeria.
Modelos do comercio internacional As diferentes teorías que explican o proceso de funcionamento do comercio internacional, tratan de atopar cales son as causas deste comercio, por que comercian os países e estudan os efectos do comercio internacional sobre a produción e o consumo dos países. Teorías tradicionais Modelo da vantaxe absoluta de Adam Smith A teoría clásica do comercio internacional ten as súas raíces na obra de Adam Smith, este pensaba que as mercadorías produciríanse no país onde o custo de produción (que no marco da súa teoría do valor-traballo se valora en traballo) fora máis baixo e dende alí exportaríanse ao resto de países. Defendía un comercio libre e sen trabas para acadar e dinamizar o proceso de crecemento, era partidario do comercio baseado na vantaxe absoluta e cría na mobilidade internacional dos factores produtivos. Segundo as súas teorías, a vantaxe absoluta téñena aqueles países que son quen de producir un ben utilizando menos factores produtivos ca outros, e polo tanto, cun custo de produción inferior.
Modelo de David Ricardo. Teoría da vantaxe comparativa
Esta teoría supón unha evolución a respecto da teoría de Adam Smith; para David Ricardo, o decisivo non son os custos absolutos de produción, senón os custos relativos, resultado da comparación cos outros países. De acordo con esta teoría un país sempre obtería vantaxes do comercio internacional, aínda cando os seus custos de produción fosen máis elevados para todo tipo de produtos fabricado, porque este país tenderá a se especializar naquela produción na que comparativamente fose máis eficiente.
Modelo Heckscher-Ohlin
Este modelo parte da teoría de David Ricardo da vantaxe comparativa e afirma que os países se especializan na exportación dos bens que requiren grandes cantidades dos factores de produción nos que son comparativamente máis abundantes; e que tende a importar aqueles bens que utilizan factores de produción nos que son máis escasos....
A nova teoría do comercio internacional e a política comercial estratéxica
O sustento básico das teorías antes expostas era a existencia de competencia perfecta, que permitía, pola vía do libre comercio, aumentar o benestar dos países. A finais dos anos 1970 e principios da década de 1980, xurdiron algúns economistas como Paul Krugman, Avinash Dixit, James Brander e Barbara J. Spencer que esbozaron unhas novas elaboracións teóricas fundadas na existencia de fallos de mercado que puñan en cuestión, non en todos os casos, a teoría clásica do comercio internacional de que os intercambios internacionais se fundamentan exclusivamente na teoría da vantaxe comparativa e que a defensa baixo calquera circunstancia do libre comercio e, da non intervención estatal nesta área económica puidese non ser a práctica óptima. En palabras de Krugman: a reconsideración da base analítica da política comercial é unha resposta ao cambio real ocorrido no ambiente e ao progreso intelectual logrado no eido da economía.
Estas novas teorías utilizan as ferramentas da teoría económica e mais da formalización matemática e supoñen unha crítica de maior profundidade ás teorías neoclásicas que as provenientes doutros eidos da economía como a socioloxía ou a estrutura económica. Así mesmo, tratan de responder a dúas cuestións: a primeira é por que se comercia e a segunda, como debe ser a política segundo estas novas explicacións.Steimberg, F. (2004) La nueva teoría del comercio internacional y la política comercial estratégica.
A base argumental desta teoría radica en cando non é posíbel acadar un óptimo de Pareto a nivel mundial por mor de fallos de mercado, hai que optar por elixir situacións denominada second best ou segundo óptimo. Entre as infinitas situacións de segundo óptimo, os Estados poden preferir unhas a outras e tomar as medidas que leven a se colocar nun segundo óptimo distinto do establecido. Os fallos de mercado que xustifican a política comercial estratéxica son basicamente a existencia de beneficios extraordinarios nun sector económico e a existencia de externalidades tecnolóxicas de carácter positivo.
Restricións ao comercio internacional Librecambismo Proteccionismo: estuda as barreiras establecidas contra o libre comercio internacional. Taxa alfandegueira (aranceis) Política arancelaria Continxente Dumping Guerra comercial Barreiras non arancelarias Salvagarda económica Argumento da industria nacente Beggar my neighbour
Estudos económicos Para promover as exportacións, moitos organismos gobernamentais publican os estudos de mercado por sector industrial e país. Listaxe dos organismos gobernamentais por estado:
Estados Unidos: USCS, dependente do US Department of Commerce e USDA (Department of Agriculture) nos sectores da agricultura e a agroalimentación. España /Galiza: Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), ten como misión promover a internacionalización das empresas españolas. Canadá: Export Development Canadá (EDC) e Agriculture and Agri-Food Canadá que publica estudos internacionais no seu sector. Francia: Ubifrance (promoción das exportacións)
AFII (implantación de empresas foráneas) Reino Unido: UK Trade & Investment encárgase tanto da promoción das súas exportacións como da implantación no Reino Unido de empresas forasteiras. Hong Kong: Hong Kong Trade Development Council (HKTDC). Xapón: JETRO Australia: Austrade
Regulación do comercio internacional Tradicionalmente, o comercio era regulado mediante acordos bilaterais entre dous países. Baixo a crenza no mercantilismo, durante moitos séculos os países impuñan altos aranceis e outras restricións severas ao comercio internacional. No século XIX, especialmente na Gran Bretaña, a crenza no libre comercio tomou forza, e esta perspectiva veu dominando o cálculo político entre os países occidentais até hoxe en día. Dende o final da segunda Guerra Mundial, varios tratados multilaterais intentaron crear unha estrutura global de regulación comercial.
A maior parte dos países comunistas e socialistas cren na autarquía, a cal supón a ausencia completa de comercio internacional e a satisfacción das necesidades económicas mediante a autosuficiencia. Malia a existencia destas crenzas, todos os países involucráronse nalgún tipo de comercio internacional, xa que é moi difícil para un só país satisfacer todas as súas necesidades económicas.
Utilizáronse varios instrumentos para manipular o comercio internacional. Estes inclúen a taxa alfandegueira, as salvagardas, as cotas de exportación e importación e as barreiras non arancelarias. Un compoñente esencial do comercio internacional é o transporte internacional de mercadorías. As condicións e termos do mesmo están regulados polos Incoterms.
Termos internacionais do comercio (Incoterms)
A Comisión de Prácticas Comerciais da Cámara de Comercio Internacional desenvolveu o que se chamou Incoterms, acrónimo procedente da expresión inglesa International Commercial Terms. Pretendíase con isto que, con independencia da nacionalidade das partes ou do lugar xeográfico do seu uso, os implicados puidesen en todo momento saber cales eran cadanseus dereitos e obrigas nun contrato determinado.
Os Incoterms carecen de toda forza normativa ou legal, e obteñen o seu recoñecemento do seu cotián e constante uso a nivel mundial, polo que, para que sexan de aplicación a un contrato determinado, este deberá especificalo así.