O SMS Elbing foi un cruceiro lixeiro pedido pola mariña rusa baixo o nome Admiral Nevelskoy ao estaleiro Schichau-Werke de Danzig en 1913. Tras o estoupido da Primeira Guerra Mundial, o barco foi confiscado en agosto de 1914 e botado o 21 de novembro dese ano como SMS Elbing. Tivo un barco irmán, o Pillau, líder da súa clase. O buque foi asignado á Hochseeflotte en setembro de 1915. Foi armado cunha batería principal de oito canóns SK L/45 de 150 mm e acadaba unha velocidade máxina de 27,5 nos (50,9 km/h).

O Elbing participou só en dúas grandes operacións durante a súa carreira. A primeira foi o bombardeo de Yarmouth e Lowestoft, acontecido en abril de 1916; alí enfrontouse brevemente á Harwich Force británica. Un mes despois participou na batalla de Xutlandia, onde logrou o primeiro impacto do enfrontamento. Loitou con dureza nos confusos combates nocturnos da batalla e pouco despois da medianoite foi embestido accidentalmente polo acoirazado Posen, abríndose un burato no casco do barco. As inundacións incapacitaron os motores e os xeradores eléctricos do buque, deixándoo inmobilizado e sen potencia. Ao redor das 02:00, un torpedeiro alemán recolleu á meirande parte da súa tripulación, e unha hora despois os homes restantes afundiron o barco; escaparon nunha barca de salvamento e posteriormente foron recollidos por un vapor neerlandés.

Categoría:Cruceiros lixeiros Categoría:Barcos de 1914 Categoría:Buques da primeira guerra mundial Categoría:Naufraxios