A Torre PwC, antes chamada Torre Sacyr Vallehermoso, é o terceiro rañaceos máis alto de Madrid e de España, así como o sexto da Unión Europea, cunha altura de 236 metros e 58 plantas. A súa construción comezou en 2004 e acabou o 12 de abril de 2008. Historia e características 150px|miniatura|esquerda|A torre Sacyr Vallehermoso, de noite, xunto á entón Torre Caja Madrid, agora Torre Bankia. O edificio está no barrio madrileño de Fuencarral-El Pardo, no complexo de rañaceos Cuatro Torres Business Area, onde se atopa tamén a Torre Bankia, a máis alta de España. Os arquitectos do proxecto, que inicialmente prevían unha altura de 215 metros, son Carlos Rubio Carvajal e Enrique Álvarez-Sala Walter. A súa planta é aproximadamente a dun triángulo equilátero cuxos lados son curvos (aínda que máis ben poderíase definir como tres arcos que envolven a tres cilindros situados en triángulo) e as fiestras teñen unha disposición especial que ofrece unha resistencia mínima ao vento.

Alberga o hotel de cinco estrelas EuroStars Madrid Tower, que ocupa ata a planta 31 (o 60% da torre) e dispón dun comedor de dúas alturas que ofrece unha vista panorámica de toda a cidade. A empresa de servizos profesionais PricewaterhouseCoopers (PwC) trasladou en xullo de 2011 todas as súas oficinas da capital (uns 2.500 profesionais) a este edificio, polo que ocupa dezasete plantas, entre os pisos 34 e 50, que quedaban vacantes ata ese momento na torre. Nesa mesma data, coa montaxe do logotipo de PwC no alto do edificio, instálase o logo máis alto de España, a case 236 metros de altura. Co traslado das oficinas de PwC á torre, o edificio renomeouse Torre PwC en lugar de Torre Sacyr Vallehermoso.

Todas as plantas de oficina teñen a mesma superficie de 1.258,23 m² e divídense en tres sectores. As plantas 51 a 54 están destinadas a instalacións xerais e equipos da torre. As plantas 55 a 58 están destinadas ás cubertas do edificio e outras instalacións xerais e equipos da torre.

É a única torre con fachada de dobre pel e está cuberta completamente de vidro a modo de escamas. Na cuberta superior hai 3 aeroxeradores capaces de producir enerxía eólica para uso do edificio. Estímase unha produción de 25kWh.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Cuatro Torres Business Area Lista de rañaceos en Madrid

Ligazóns externas A torre no sitio web de Rubio & Álvarez-Sala

PwC Categoría:Hoteis