As apolipoproteínas son proteínas que se unen a lípidos (como o colesterol) para formar lipoproteínas. A súa misión é a de transportaren os lípidos a través dos sistemas linfático e circulatorio.

Os compoñentes lipídicos das lipoproteínas son insolubles en auga. Porén, debido ás súas propiedades similares ás dun deterxente (anfipáticas), as apolipoproteínas e outras moléculas anfipáticas (como os fosfolípidos) poden rodear aos lípidos, orixinando partículas lipoproteicas que son hidrosolubles, e poden así ser transportadas en sistemas de circulación acuosos como o sangue e linfa.

As apolipoproteínas tamén serven como cofactores de encimas, ligandos de receptores, e transportadores de transferencia de lípidos, que regulan o metabolismo de lipoproteínas e a súa captación nos tecidos.

Funcións No transporte de lípidos, as apolipoproteínas funcionan como compoñentes estruturais das partículas de lipoproteínas, cofactores de encimas e ligandos de receptores da superficie celular. En concreto, a apoA1 é o principal compoñente proteico das lipoproteínas de alta densidade; a apoA4 crese que actúa principalmente na absorción intestinal de lípidos. Ademais, a apoE é unha proteína do plasma sanguíneo que media o transporte e captación de colesterol e lípidos por medio da súa interacción de alta afinidade con diferentes receptores celulares, como o receptor de lipoproteínas de baixa densidade (LDL). Descubrimentos recentes sobre a apoA1 e apoE suxiren que as estruturas terciarias destes dous membros da familia xénica das apolipoproteínas intercambiables humanas están relacionadas. A estrutura tridimensional do dominio de unión ao receptor de LDL da apoE indica que a proteína forma un agrupamento de catro hélices inusulamente alongado que pode ser estabilizado por unha parte central hidrofóbica empaquetada moi estreitamente, que inclúe interaccións do tipo cremalleira de leucina, e tamén por numerosas pontes salinas formadas na superficie na súa maior parte cargada. Os aminoácidos de carácter básico importantes para a unión ao receptor de LDL están agrupados nunha área da superficie nunha longa hélice.

Resumo das funcións: Son coencimas de encimas (C-II para a lipoproteína lipase, e A-I para a lecitina-colesterol aciltransferase). Proteínas de transporte de lípidos. Ligandos para a interacción con receptores de lipoproteínas en tecidos (apoB100 e apoE para os receptores de LDL, apoA-I para os receptores de HDL).

Clases Hai dous grandes tipos de apolipoproteínas. As apolipoproteínas B forman partículas de lipoproteínas de baixa densidade (que levan o chamado "colesterol malo"). Estas lipoproteínas teñen principalmente estruturas en folla beta e asócianse irreversiblemente con gotas lipídicas. Outras apolipoproteínas forman partículas de apolipoproteínas de alta densidade (o "colesterol bo"). Estas proteínas teñen estruturas en hélice alfa e asócianse reversiblemente coas gotas lipídicas. Durante a unión ás partículas lipídicas estas proteínas cambian a súa estrutura tridimensional.

Hai seis clases de apolipoproteínas e varias subclases: A (apo A-I, apo A-II, apo A-IV, e apo A-V) B (apo B48 e apo B100) C (apo C-I, apo C-II, apo C-III, e apo C-IV) D E H

As apolipoproteínas intercambiables (apoA, apoC e apoE) teñen a mesma estrutura xenómica e son membros dunha familia multixénica e probablemente evolucionaron a partir dun xene ancestral común. A ApoA1 e a ApoA4 forman parte do cluster de xenes APOA1/C3/A4/A5 situado no cromosoma 11 humano.

Describíronse centos de polimorfismos xenéticos das apolipoproteínas, e moitos deles causan a alteración da súa estrutura e función.

Síntese e regulación A síntese de apolipoproteínas no intestino está regulada principalmente polo contido de graxa da dieta.

A síntese de apolipoproteína no fígado está controlado por un conxunto de factores, como a composición da dieta, hormonas (insulina, glicagón, tiroxina, estróxenos, andróxenos), consumo de alcohol, e de varios fármacos (estatinas, niacina, e fibratos). A apo B é unha apolipoproteína integral menteres que as outras son proteínas periféricas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Apolipoproteína A1 Apolipoproteína A2 Apolipoproteína B Apolipoproteína C1 Apolipoproteína E

Ligazóns externas HuGENet Review Apolipoprotein AI Mutations and Information

Categoría:Apolipoproteínas