Vilarbón (Villarbón en castelán e oficialmente) é unha parroquia do concello leonés de Candín, na comarca do Bierzo. En 2013 estaba deshabitada, se ben na década de 1950 contaba cuns 150 habitantes; porén, a partir de 1960 comezou a despoboarse e en 1982 quedou deserto. Nos últimos anos téñense levado a cabo iniciativas de rehabilitación de numerosos edificios en ruínas, dotándoos de rede eléctrica para utilizalos en actividades socioculturais. Recentemente, a vila foi dotada de estrada asfaltada para poder chegar a ela e visitala. Os antigos habitantes de Vilarbón falaban un dialecto do galego chamado ancarésRicardo Carballo Calero, Gramática del gallego común, p.120., que aínda se fala nas vilas veciñas.

Patrimonio A maior parte dos edificios están en ruínas, aínda que algúns están a ser rehabilitados de forma privada. Vilarbón ten unha arquitectura típica dos Ancares con casas feitas con pedra local e lousa, usando a cachotaría coma técnica de construción. O monumento máis sobranceiro é un hórreo, que está en bo estado de conservaciónhttp://villarbon.blogspot.com.es/. Tamén posúe unha fonte, un lavadoiro, unha casa corredor e as ruínas da Igrexa de Santa Bárbara.

A principal atracción é a natureza e a paisaxe que atrae a moitos excursionistas.

Rehabilitación Nos últimos anos xurdiu un interese de rehabilitar as aldeas abandonadas da zona dos Ancares por parte de persoas privadas e asociacións. No caso de Vilarbón, o aventureiro e cooperante en África Miguel Yuma leva a metade da súa vida nun proxecto de recuperación da aldea; fíxose propietario de varias casas e terras de labor, as cales restaurou e implicou unha vintena de arquitectos galegos voluntarios do movemento 'Arquitectos sen fronteiras' para deseñar un proxecto para restaurar e reconstruír a aldea tal como era hai un século. Chegou acordos coas compañías eléctricas e telefónicas para dotar ao poboado de luz e teléfono, e xunto coa súa familia conseguiu resucitar a xunta veciñal extinta desta aldea abandonada.http://elpais.com/diario/1995/08/06/espana/807660017_850215.html

Notas

Véxase tamén Outros artigos Candín Serra dos Ancares O Bierzo

Categoría:Parroquias de Candín Categoría:Artigos sen imaxes