San Miguel de Figueiroa é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Ten unha extensión de 112 hectáreas e está a unha altitude media de 149 metros. Segundo o IGE, en 2022 tiña 210 habitantes (106 homes e 104 mulleres), distribuídos en oito entidades de poboación. Linda cara ao leste coa parroquia de Abegondo, ao oeste coa de Sarandós, ao sur coa de Montouto, todas do concello de Abegondo, e cara ao norte con Cañás, do concello de Carral.
A Torre de Figueiroa é un castelo da parroquia que se construíu no século XII, propiedade do marquesado do mesmo nome, e que está protexido e declarado como ben de interese cultural. Figueiroa contou co couto de Gundín, fóra dos seus lindes e en Vizoño, entre o século XVII e XVIII. A súa ribeira do Barcés está dentro do ZEC do encoro de Abegondo-Cecebre e ten a carballeira da Chousa declarada como de interese local.
O topónimo oficial Figueiroa, que xorde do termo latino FĪCĀRĬŎLA (diminutivo de "figueira") entre o século X e o XI.
Xeografía e xeoloxía Situación Figueiroa é unha parroquia do centro-oeste do concello de Abegondo, no sur e centro-leste da comarca da Coruña. A parroquia está comunicada pola DP-0103, que pasa por Figueiroa Pequeno, A Praza e Erminde; e que conecta a AC-542 desde Santín, Montouto, ata a N-550 na vila de Paleo, en Carral. A estrada comarcal que vai desde A Praza ata San Marco, Abegondo, comunica a outra parte da parroquia.
Orografía O Castro Maior de Abegondo, na parte meridional da parroquia de Vizoño forma un macizo que se estende por Figueiroa configurando un dos tres sistemas orográficos do concello, que desfilan entre o río Barcés e o río Gobia. Os lugares poboados de Figueiroa atópanse en altitudes aproximadas de entre os 150 e 120, e nesa vertente cara ao Barcés. O Outeiro, o monte por riba da Chousa e Figueiroa Pequeno, está a 256 m de altitude e é o punto máis alto. Os montes da Revolta e o Casarón rematan en picos de 215 m xa nos Barreiros. Desde estes montes báixase ata os 110 m, aproximadamente, nas ribeiras do Barcés.
Xeoloxía Figueiroa está sobre dunha unidade alóctona do macizo ibérico de rochas metamórficas formada entre o Proterozoico e o Paleozoico. Esta é de rochas básicas e xistos pobres en cuarzo. A cunca do Barcés é aluvial e do Holoceno.
Hidrografía O río principal que flúe por Figueiroa é o Barcés, delimitando a parroquia con Sarandós e con Cañás na súa parte de ribeira. O rego conflúe co Barcés no lugar das Pontes da Barciela, lindando con Cañás, despois de nacer en Figueiroa Pequeno e na Chousa de Abaixo e despois de pasar por Damil.
Clima O clima é temperá oceánico, cun ombroclima húmido inferior. Considerando que está preto da estación meteorolóxica de Mabegondo, a media anual de temperatura está entre os 12 e 14 °C, coas media das mínimas entre 8 e 9 °C e media das máximas entre os 17 e 20 °C. A variación de temperaturas non é acusada ao longo do ano. A humidade relativa media está entre o 75-80%. As choivas danse en entre 160 e 180 días do ano e deixan unha media de precipitación por día de 800–1050 mm. Adoitan dominar os ventos do oeste e o norte e no verán momentos de néboa, inda que pouco frecuentes.
Figueiroa está dentro da rexión bioxeográfica eursiberiana, no sector fisterrá e na unidade bioclimática subhiperoceánica.
Demografía A parroquia de Figueiroa ten recoñecidos oito núcleos de poboación: Damil de Abaixo, Damil de Arriba, Erminde, Figueiroa Pequeno, A Manga, A Nespreira, O Outeiro e A Praza. A poboación total era de 213 habitantes segundo o censo do 2014. En 2001 eran 213 persoas, 108 mulleres e 105 homes, e deles, o 11,3% dos residentes eran menores de 16 anos e un 31% de máis de 65. Con isto, a demografía da parroquia está caracterizada polo avellentamento da poboación. En 2016 a poboación foi de 104 mulleres e 100 homes. O 30% das casas foron construídas entre 1950 e 1981, e outro 30% ata o ano 2001.
No Censo do Sal de 1631, Figueiroa aparece con 39 veciños. Documentación do ano 1831 recolle que a poboación da parroquia era de 436 persoas..
Historia Idade de Bronce No lugar do Outeiro e das Viñas, no lugar de Figueiroa Pequeno e cunha posible parte en Santín, Montouto, está o castro de Figueiroa.Véxase o Castro de Figueiroa, Figueiroa no Anexo 2: Catálogo de edificacións e xacementos arqueolóxicos, páx 169 do PXOM de 1996 Data de entre o século I e IV d.c. e é o primeiro xacemento, e castrexo, do que hai rexistro na parroquia.
O medievo miniatura|300px|page=6|Manuscrito do Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia na Biblioteca Nacional de España. O pazo de Figueiroa foi construído entre os séculos XII e XIV. A liñaxe deste pazo de Figueiroa ten un primeiro relato histórico asociado, que é o tributo das cen doncelas. No relato indícase que doncelas do pazo foran raptadas por mouros en Figueiroa en 791 e levadas para á Torre de Peito Bordel. Cinco irmáns fidalgos desa familia, armados de pólas de figueira saíron cara a alí e libraron unha batalla cos mouros en Peito Bordel e rescataron as súas irmás, salvándoas de que os mouros as levasen e as embarcasen cara a Córdoba como parte dun famoso tributo. Esa lenda argumenta de onde viría o nome da liñaxe, que seria unha honra outorgada aos cinco irmáns dos Figueroa e que usaran as pólas de figueira. Vasco da Ponte fixo referencia no seu libro Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia ao seguinte:
Esta lenda de liberación das doncelas vencella os lugares de Figueiroa e Bordel, da parroquia limítrofe de Sarandós. Nos dous tiveron asento en casaríos os Figueroa: en Figueiroa están as propiedades do marquesado de Figueiroa, como é a Torre de Figueiroa, e en Bordel, a torre de Peito Bordel, e que hoxe está restaurada parcialmente.
Idade Moderna Figueiroa contou cun couto redondo: o couto de Gundín. Isto é, entre o século XVII e XVIII, durante a vixencia da provincia de Betanzos, a parroquia tiña ademais unha entidade xurisdicional, de pequeno tamaño, con lindes alleos aos límites parroquiais. Este lugar era o couto de Gundín, actualmente en Vizoño, e dependía directamente do Marqués de Figueiroa, e non do Correxemento de Betanzos.
Cultura Toponimia O topónimo Figueiroa ten a súa orixe no termo latino de figueira e apareceu entre o século X-XI. A orixe do topónimo estaría no derivado latino do adxectivo FĪCĀRĬA (un figal), de FĪCŬS (figueira, figo), co sufixo -ola, *FĪCĀRĬŎLA. O remate -ola derivou a -oa (Figueiroa) seguindo a deriva predominante galega; e non en -oá (Figueiroá) ou -uá (Figueirúa), como aconteceu para outros lugares co topónimo da mesma orixe.
Porén, no Nomenclátor de 2003, o topónimo oficial non era «Figueiroa», mais si «Figueroa», malia que o emprego habitual na fala dos residentes da parroquia fose «Figueiroa». A Xunta de Galicia instou o Concello de Abegondo á súa corrección durante a elaboración dos planos xerais de ordenación municipal de 2012, pero na aprobación final o Concello mantivo o topónimo Figueroa. No entanto, coa actualización Nomenclátor de 2026, o topónimo finalmente corrixiuse a «Figueiroa». Con respecto ao apelido, no IV Encontro para a normalización lingüística cítase Figueroa como unha deturpación dicindo:
O apelido e o topónimo 180px|miniatura|esquerda|Sinal manipulado, remarcado como Figueiroa. Nalgúns escritos do tributo das cen doncelas relátase que a aparición do apelido Figueroa vén de xente á que se lle outorgou por seren gañadores da batalla. Nesas referencias remátase dicindo que, a partir dese triunfo, tamén a parroquia natal dos gañadores recibiría ese nome. Porén, esta lenda só se recolle nos últimos douscentos anos, cando, pola contra, é un topónimo galego e portugués común. Igual ca outros apelidos frecuentes na parroquia de Figueiroa, como o son Vilamarín e Andrade; o apelido Figueroa puido aparecer como un sobrenome, ou alcume, de orixe detoponímica entre o século XII e XVI. Os sobrenomes complementaban os nomes da xente dos señoríos dun lugar cando chegaban á nobreza ou á fidalguía. Así, na literatura existen referencias como as que din «Pedros Lastres vezino das Figueiras criado de Ares Pardo (1564, Lores)», sendo «das Figueiras» un equivalente a «Figueroa»; ou outras como «Gonçalo Barba de Figueroa (1548)» ou «Aldonça Cordera vezina de Figueroa (1564)». Con isto, o apelido Figueroa sería un detoponímico: un apelido xurdido do topónimo figueiroa.
Patrimonio Patrimonio arqueolóxico Castro de Figueiroa Entre o lugar do Outeiro e das Viñas, en Figueiroa Pequeno, e cunha posible parte en Santín, está o castro de Figueiroa. Data de entre o século I e IV d.c, ten un tamaño de 160 por 200 m e ocupa 2.51 ha. O seu recinto ten unha croa circular e unha explanada, en dirección norte, que pecha o recinto. Outra maior pecha o conxunto do recinto. A pista de Figueiroa Pequeno a Santín cortou unha parte do sur do xacemento. O terreo emprégase para uso forestal e a conservación do castro podería ser media.
Patrimonio arquitectónico A Torre de Figueiroa 220px|miniatura|Entrada á Torre de Figueiroa, no que se pode ver na cabeceira o escudo do Marqués de Figueroa. 300px|miniatura|Panorámica da Torre de Figueiroa desde O Casal, Figueiroa. A Torre ou Pazo de Figueiroa atópase no lugar da Praza, o centro histórico da parroquia de Figueiroa, e na vía que vai desde Montouto a Carral. Pertencente ao marquesado de Figueiroa, familia galega nobre á cal Carlos II lle outorgou esa liñaxe no ano 1675 a Baltasar Pardo de Figueroa y Lupidana, cabaleiro da Armada e gobernador xeral de Tucumán.
A Torre de Figueiroa foi construída no século XII e, segundo unha inscrición feita sobre o lintel da porta do muro sur,:
Isto é, o pazo que se construíu arredor da torre foi construído no século XV, e a torre, como di a cita anterior, construída no século XII e reformada no século XVII.
O pazo componse de dous volumes claramente diferenciados: unha torre de planta rectangular con tres alturas e o resto do edificio de dúas alturas. A construción sufriu numerosas remodelacións ao longo da súa historia. A levada a cabo por D. Ares Pardo de Figueroa no 1608 é á que se debe a ornamentación barroca do edificio. Na entrada do pazo sobresae unha porta alintelada de cantería, rematada por unha cruz sobre pedestal. Tamén resalta a presenza dun escudo nunha das fachadas, na que aparecen as armas dos Gaioso, Puga, Freixomil e Moscoso e un perpiaño con inscricións que fan alusión aos Figueroa. A Torre está construída en cachotería e posúe tres andares que rematan nunha cornixa ameada. Apegada á Torre hai unha capela, tamén de cachotería, e unha gran galería de madeira nunha das fachadas laterais. A Torre está situada nun enorme terreo amurallado, con amplas vistas sobre do val cara ao monte do Saco (que son vistas ao outeiro onde linda Figueiroa con Abegondo) A fábrica orixinaria remontaríase ao século XII, pero as reformas posteriores pouco deixaron desta.
O Pazo de Figueiroa foi declarado castelo a protexer por un decreto de 1949 e consolidado como tal nunha resolución de 1994. Actualmente consta como ben de interese cultural de Galicia.
A historia literaria deste pazo está ligada ao famoso Tributo das cen doncelas, disputado na Torre de Peito Bordel.
A escola da Ave María do Neno Xesús No lugar da praza de Erminde sitúase a escola da «Ave María do Neno Xesús». Ata a década do 1970 foi unha das dúas escolas parroquiais, neste caso a de propiedade eclesiástica. O edificio está formado por tres volumes diferentes, cun central de muros de cachotería e linteis de madeira e os laterais, engadidos ao longo do tempo, de formigón e estrutura diferente. Está rodeado por un muro de pedra, do que resalta a porta, cun anxo na cabeceira e o nome da antiga escola.