A beluga, Delphinapterus leucas (Pallas, 1776), é unha especie de cetáceo odontoceto que habita na rexión ártica e subártica. É a única especie do xénero Delphinapterus e, xunto co narval (Monodon monoceros), conforman a familia dos monodóntidos.

Moitas veces aparece na bibliografía denominada, erroneamente, como balea branca, debido a que un dos seus nomes máis populares en inglés é white whale, e mesmo ás veces tamén co de golfiño branco,Lahuerta e Vázquez (2000), p. 313. pero, aínda que sexa o único cetáceo que, de adulto, é de cor completamente branca,Monodontidae en Mammal Species of the World balea, en sentido estrito, non é aplicábel aos cetáceos con dentes, reservándose para os desdentados (misticetos) integrantes das familias dos balénidos, neobalénidos e escrictíidos (porque os da outra familia, a dos balenoptéridos, denomínanse rorcuais). E a pesar de que ten dentes (pequenos) tampouco ten nada que ver cos golfiños, que son os membros da familia dos delfínidos.

Etimoloxía Nome científico O nome do xénero, Delphinapterus, significa "golfiño sen aleta". Deriva do grego antigo e está formado polas voces δελφίν ,delphín, "delfín" ou "golfiño", e απτερóς apterós, "sen aleta" (do α- privativo e πτερόν pterón, "á", "aleta").

E o nome específico, leucas, significa "branco", e deriva do grego λευκóς leukós, "branco".Leatherwood, Stephen e Randall R. Reeves (1983): The Sierra Club Handbook of Whales and Dolphins. San Francisco, California: Sierra Club Books. ISBN 978-0-87156-340-8.

Nome común O nome común, beluga, vén dos seus nomes en ruso, белуга beluga, ou белуха belukha, que derivan da palabra белый belii, que significa "branco".

Nalgunhas bibliografías denomínase en ocasións balea beluga (en inglés Beluga whale), co fin de non confundila co Huso huso ou esturión beluga (ademais do xa citado white whale).

A Lista Vermella da IUCN acepta os nomes beluga e balea branca (white whale) como sinónimos; pero, recordemos, en sentido estrito o termo balea aplícase só aos integrantes da familia dos balénidos (con algunhas excepcións).

Nomes galegos Dada a distribución da especie, por riba do círculo polar ártico, é normal que, a pesar dos afastados lugares que frecuentan e frecuentaron os pescadores galegos, non teña moitos nomes vernáculos galegos.

A Delphinapterus leucas, na Lista patrón dos vertebrados de Galicia, proposta provisionalmente pola SGHN,Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 210. asígnaselle o nome de blancón, un evidente castelanismo por brancón, pero que foi recollido en Portonovo por Ríos Panisse,Ríos Panisse, M. C. (1983), p. 7. nome debido seguramente á cor completamente branca deste animal que, por outra parte, é de forma parecida, aínda que máis pequeno, que o negrón ou falsa candorca, Pseudorca crassidens, un cetáceo da familia dos delfínidos máis coñecido nas nosas augas, e que é de cor gris escura ou totalmente negra. Ríos Panisse tamén recolleu para esta especie os nomes de campelo, en CormeSen establecer ningunha relación máis alá que a semántica, cómpre lembrar que Cuveiro recollera en 1876 o nome de capelo para un cetáceo que describía así: "Especie de delfin provisto de una piel, que deja caer sobre los ojos cuando acomete, de donde le viene el nombre de capelo ó capillo: es posible que sea el mismo golfin o arrôaz duante los primeros meses; parecen ciegos por lo demasiado que se introducen en las rias hasta llegar á varar en la arena, como se han visto en la ria de Pontevedra"; Cuveiro recolleuno de Francisco Javier Rodríguez, que á súa vez o tomara de Sarmiento e Cornide. Por suposto, ningún cetáceo ten esa pel que deixe caer sobre os ollos cando acomete. O mesmo autor recolleu tamén o nome de peixe capelo para designar o lobo mariño ou foca (Phoca vitulina). e santo, en Ribadeo e nas Figueiras (Castropol), na Asturias de fala galega.

Máis recentemente, no Gran dicionario Xerais,Carballeira Anllo, Xosé Mª (coord.) (2009) denomina a especie como beluga, adaptación do seu nome ruso, e de acordo cos nomes que se lle dan na maioría dos idiomas da nosa contorna.Cf. portugués beluga (tamén baleia-branca); castelán beluga; catalán beluga; italiano beluga; romanés beluga (tamén balena-albă); alemán Beluga (tamén Weißwal); francés béluga/bélouga (tamén baleine blanche, dauphin blanc e marsouin blanc), e mesmo en inglés (idioma que inventou o termo balea branca), denomínase beluga (pero tamén beluga whale e white whale).

Características As principais características definitorias da beluga son:Carwaedine, Marck (1995), pp.92-95.

Adultos miniatura|Beluga mostrando a súa aleta caudal en auga pouco profunda, no acuario de Vancouver, Canadá. Corpo repoludo e, no adulto, de cor moi clara, case branca, uniforme, que pode aparecer amarelado en certas épocas do ano. Cabeza relativamente pequena, e cun melón ou mamelón frontal arredondado. Este pode cambiar de tamaño e resoar durante a produción de sons. Boca co bico moi curto, coas comisuras labiais anchas. Colo ben diferenciado, na rexión ventral. Prega ben definida por detrás do espiráculo. Crista dorsal, duns 50 cm de lonxitude, en lugar de aleta. Ás veces pode levar uns vultos escuros. Aletas pectorais curtas e anchas, en forma de espátula, moi móbiles. Nos machos están curvadas cara a arriba, efecto que se vai pronunciando coa idade. Aleta caudal cunha comisura ben marcada no centro. Os bordos posteriores dos lóbulos ás veces son de cor parda escura.

Acabados de nacer As crías acabadas de nacer teñen o corpo de cor gris lousa escura que, ás veces, pode ter unha tonalidade parda rosada, o mamelón cefálico menos pronunciado que nos adultos e a aleta caudal plana, e cos bordos posteriores máis rectos que nos exemplares de máis idade.

Xuvenís A cor do corpo é máis clara que nos acabados de nacer, pero menos que nos adultos, o mamelón máis pronunciado que nas crías, pero, así mesmo, menos que nos adultos, e a aleta caudal máis convexa que nas crías. Os subadultos son de cor branca cun ton azulado en ambos os sexos.

Femias As femias son de tamaño considerabelmente menor que o dos machos, teñen o mamelón cefálico menos pronunciado, e as aletas pectorais non curvadas cara a arriba; adoitan presentaren no corpo cicatrices das feridas producidas polos ataques dos osos polares.

Hábitat e bioloxía Distribución A beluga ten unha distribución cicumpolar setentrional ampla, pero descontinua, chegando desde a rexión ártica á subártica, en augas estacionalmente cubertas de xeo. Pódese ver fronte as costas do norte de Escandinavia e da Federación Rusa, desde a península de Kola, no mar de Barents, até a illa de Sakhalin, no mar de Okhotsk, no Pacífico e, en Norteamérica, desde o oeste de Groenlandia até a península de Alasca (incluíndo unha zona descontinua no sur da península do Labrador e en Terra Nova).

A distribución estacional está directamente relacionada coas condición do xeo, aínda que a maioría das poboacións non realiza migracións moi longas; a máis prologada é a efectuada entre os invernos no mar de Bering e os veráns no río Mackenzie (Canadá), no que algunhas poboacións poden nadar 1 000 km ou máis río arriba. Outras poboacións non migran en absoluto, como as residentes no río San Lourenzo, no Canadá.

As belugas adoitan pasar os veráns en baías pouco profundas e en estuarios de grandes ríos, e os invernos en zonas de baixa densidade en xeos, onde os ventos e as correntes oceánicas manteñen fendeduras nas placas que lles permiten respirar.

Existen cinco poboacións principais de belugas: nos mares de Bering, Chukchi e Okhotsk – de 25 000 a 30 000 individuos na zona ártica do Canadá e Groenlandia – de 10 000 a 14 000 nas baías de Hudson e de James (Canadá) – de 9 000 a 12 000 na zona de Svalbard – de 5 000 a 10 000, e no estuario do río San Lourenzo (Canadá) – de 300 a 500

O tamaño do corpo das belugas varía considerabelmente segundo as poboacións: as máis grandes son as que viven en Groenlandia e no mar de Okhotsk, e as máis pequenas, as do mar Branco e a baía de Hudson.

Comportamento

A beluga adoita nadar con lentitude e pasar moito tempo cerca da superficie. Desprázase con movementos ondulantes suaves, e a secuencia de inmersión típica consiste en 5 ou 6 inmersións pouco profundas nun minuto, seguidas doutra máis profunda que dura outro minuto. É un animal curioso, e moitas veces saca a cabeza fóra da auga, talvez para mirar; a diferenza doutros moitos cetáceos o seu pescozo é flexíbel, o que lle permite subir e baixar a cabeza, e xirala. Case nunca salta (e cando o fai, non realiza acrobacias, como os golfiños), pero con frecuencia saca a cabeza da auga para vixiar, batendo a aleta caudal. Non adoita estar soa, salvo os individuos vellos cando realizan migracións.

É un dos cetáceos con dentes máis cantareiros, e ten un amplo repertorio de gorxeos, rechouchíos, estralos, chíos e risas que poden escoitarse dentro e fóra da auga. É probábel que teña o máis versátil e requintado sistema de sonar dos cetáceos. O seu sopro respiratorio é de vapor, pero pouco rechamante e baixo; porén, en días tranquilos pode oírse a varios centos de metros.

Está ben adaptada a vivir preto das costas, e pode manobrar e nadar en augas pouco profundas (até que lle cubran o corpo) e, de producirse un varamento e ninguén a molesta, pode sobrevivir até que a marea suba de novo.

Alimentación As belugas son os odontocetos máis abundantes nas augas do océano Ártico, e por tal motivo desempeñan un papel determinante na estrutura e función dos recursos mariños nesta rexión. Adoita describirse como un animal oportunista, pois os seus hábitos alimentarios varían dependendo da situación xeográfica e da estación. Por exemplo, no mar de Beaufort comen de forma predominante bacallau ártico (Boreogadus saida) e en Groenlandia encontráronse no seu estómago Sebastes marinus, fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) e camaróns da especie Pandalus borealis, mentres que en Alasca o seu alimento principal é o salmón do Pacífico (Oncorhynchus kisutch). miniatura|Salmón do Pacífico, base da dieta das belugas de Alasca.

En liñas xenerais a dieta principal deste cetáceo está conformada por peixes; á parte dos mencionados identificáronse entre outros: Mallotus villosus, Osmerus ssp., linguados, sollas, arenques, Cottidae ssp. e outros salmóns.Tamén consomen un volume considerábel de invertebrados, ademais dos camaróns, como luras, cangrexos, ameixas, polbos, caracois, vermes e outros habitantes do fondo mariño.Os animais en cativerio comen aproximadamente do 2,5 % ao 3 % do seu peso corporal por día, máis ou menos de 18,2 a 27,2 kg.

A busca de alimento no leito mariño tipicamente ten lugar a profundidades de entre os 20 e os 40 m, pero poden mergullarse con facilidade a máis de 700 m para buscar comida.M. P. Heide-Jorgensen; P. R. Richard e A. Rosing-Asvid (1998). "Dive Patterns of Belugas (Delphinapterus leucas) in Waters Near Eastern Devon Island" en: PDF Artic 51 (1): 17–26. Xeralmente unha inmersión dura de 3 a 5 min, pero observáronse individuos que permanecían baixo a superficie até os 18 min.

O pescozo flexíbel lles permite un amplo rango de movemento mentres buscan o alimento no fondo oceánico. As observacións mostraron que estes animais poden succionar auga e despois expulsar chorros fortes coa boca, método co cal poden apañar presas na lama. Debido a que a súa dentadura non é moi grande nin afiada utilizan a succión para levar as presas á boca; en consecuencia, todos os alimentos deben ser consumidos enteiros, e por iso as presas non poden ser demasiado grandes, xa que correrían o risco de esganarse.