O narval,narval no dicionario da RAG . Monodon monoceros Linnaeus, 1758, é unha especie de cetáceo odontoceto, a única do xénero Monodon e que, xunto coa beluga (Delphinapterus leucas), conforman a familia dos monodóntidos.

Ambas as especies distínguense, sobre todo, porque os machos do narval teñen un dente logo, recto, helicoidal, chamado popularmente corno, que en realidade é un dos dous dentes superiores, os únicos que posúe, concretamente o esquerdo, que pode chegar a medir 2 m de lonxitude e pesar até 10 kg, e do que se pensa que pode ser un receptor sensorial ou, máis ben, unha característica sexual secundaria.

O narval está perfectamente adaptado a vivir no Ártico. Carece de aleta dorsal e ten un tamaño mediano entre os cetáceos, cunha lonxitude media, nos machos adultos, que oscila entre os 4 e os 4,5 m, e un peso de entre 1 000 e 1 600 kg.

É un depredador especializado, cunha dieta que se restrinxe unicamente a uns poucos animais bentónicos, principalmente peixes planos, que consome sobre todo no inverno mergullándose a profundidades de até os 1 500 m baixo as placas de xeo (despois dos cachalotes, os zifios e os elefantes mariños é o mamífero mariño que se somerxe a maior profundidade).Laidre, K. et. al. (2004): "Deep-ocean predation by a high Arctic cetacean". ICES Journal of Marine Science 61 (1): 430–440. Resumo Estas inmersións poden durar até 30 min.

Distribúese principalmente en augas da rexión ártica do norte do Canadá, Groenlandia, os mares do océano Glacial Ártico de Rusia e o norte do océano Atlántico. Habita principalmente en torno aos bloques de xeo que se forman durante os prolongados invernos destas rexións tan setentrionais, migrando ás baías e fiordes circumpolares durante o verán.

Os narvais foron cazados desde hai máis de mil anos polo pobo inuit no norte do Canadá e en Groenlandia, para aproveitar a súa carne e o marfil do seu dente; e hoxe en día continúan practicando esta caza de subsistencia, regulada pola autoridades. Aínda que parece que as poboacións parecen estábeis, o narval é particularmente vulnerábel debido ao cambio climático e a ocupar unha estreita zona xeográfica e ter unha dieta moi especializada.Laidre, K. L.; Stirling, I.; Lowry, L.; Wiig, Ø.; Heide-Jørgensen, M. P. e Ferguson, S. (2008): "Quantifying the sensitivity of arctic marine mammals to climate-induced habitat change". Ecological Applications 18 (2): 97–125. Resumo

Crese que a poboación mundial é de algo máis de 75 000 individuos. En 2008 foi catalogado na Lista Vermella da IUCN como especie pouco ameazada (NT), debido a que aínda se mantén a súa caza (teoricamente controlada), pola evidente diminución dos efectivos da súa poboación nalgúns grupos, a incerteza da cifra total de animais e o descoñecemento das tendencias de crecemento.

Outras ameazas para a poboación deste cetáceo son a depredación por parte dos seus inimigos naturais (tiburóns, osos polares e candorcas), a elevada contaminación mariña por praguicidas e metais pesados, e polos moitos individuos que quedan atrapados dentro de densas capas de xeo ao inicio do inverno, que lles impide desprazarse a mar aberto morrendo de inanición ou por afogamento, e a pouca capacidade de adaptación ante os cambios climáticos.

Etimoloxía Nome científico O xénero Monodon foi establecido por Linneo en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae,Linnaeus, C. (1758): Syst. Nat. 10ª ed. p. 824. Ver en liña e o formou cos elementos do latín mon- (do grego μόνος mónos, "só, único") e -odon (do grego οδούς, -όντος odoús-, -óntos, "dente"), debido á característica deste animal de presentaren, os machos, un só enorme dente.

E canto ao nome específico, monoceros, tamén establecido por Linneo, vén do grego μονόκερως monókeros, de μόνος mónos, "só, único", e κέρας kéras, "corno", é dicir, "dun só corno", ou "unicornio".

Así que o nome científico completo, Monodon monoceros resulta ser algo así como o redundante "o dun só dente, que é un só corno".

Nome común O nome narval entrou nos idiomas europeos dos países meridionais a través do inglés narwhal ou narwal modificacións (seguramente influídas polo inglés whale, "balea") que á súa vez proceden do noruegués e o danés narhval e o sueco narval, probábel alteración do islandés nárhvalur, do antigo nórdico nāhvalr, de nár "corpo" ("cadáver") e hvalr "balea", literalmente, "cadáver de balea", facendo referencia talvez á cor gris con pintas do animal que lle lembraría a aparencia da pel dun cadáver humano.Merriam-Webster's Unabridged Dictionary.

Taxonomía miniatura|200px|Cranio dun híbrido de narval e beluga.</small>Museo Zoolóxico de Copenhaguen.</small> O narval foi unha das especies descritas por Linneo en 1758, na 10ª edición da súa obra Systema naturae.

É o único integrante do xénero Monodon e, xunto á beluga conforma a familia dos monodóntidos, pertencente á suborde dos odontocetos.

Crese que a hibridación entre estas dúas especies é posíbel, debido ao achado dun cranio con características intermedias.

A familia dos monodóntidos separouse do resto dos delfinoideos hai entre 11 e 15 millóns de anos, facéndoo máis recentemente da familia dos focénidos, a máis achegada en termos evolutivos.

Actualmente os dous integrantes da familia dos monodóntidos habitan nas rexións ártica e circumpolar. Porén, durante o mioceno e o plioceno frecuentaron augas máis cálidas, o que se evidencia polos fósiles descubertos na Baixa California.

No rexistro fósil encóntrase un xénero extinto relacionado co narval, denominado Odobenocetops (literalmente, "balea con cara de morsa"), que tamén posuía dentes moi longos pero, a diferenza deste, estaban orientados en dirección posterior e en xeral eran pares; unha adaptación similar á das morsas que posibelmente lle servía para obter alimento do fondo mariño.

Características As principais características distintivas do narval son:Duguy e Robineau (1987), pp. 140-142.Carwardine, M. (1995), pp. 96-99.

Corpo de forma xeral semellante á da beluga, coa cabeza relativamente pequena e globosa (aínda que menos que a desta), cos fronte bulbosa e con bico moi pequeno e, como ela, sen aleta dorsal, dun tamaño de entre os 4 e os 5 m nos machos adultos (máximo rexistrado de 6 m nos machos e de 5 nas femias), e cun peso de até 1 600 kg nos machos e uns 900 nas femias. Aleta dorsal ausente, substituída por unha lixeira e estreita xiba. Aletas pectorais curtas, de forma lanceolada e cor gris lousa, coas puntas curvadas cara a arriba, curvatura que se acentúa coa idade. Aleta caudal cunha marcada fendedura no centro, separando os lóbulos, que teñen os bordos anteriores cóncavos e os posteriores convexos, cocavidadce e convexidade que tamén aumentan coa idade. Coloración dos machos adultos moi escura, uniforme e case negra no dorso, incluídas as partes superiores da cabeza e da aleta caudal; os flancos son máis claros, e están cubertos de pequenas manchas escuras (entre gris lousa e negras), e o ventre é abrancazado. As femias son máis claras, e as crías, cando nacen, son de cor uniformemente gris azulada moi pálida, que vai escurecendo coa idade (non desenvolven a coloración manchada até os 2 anos de idade).

Hábitat e bioloxía Distribución, poboacións e hábitat Distribución miniatura|250px|Distribución do narvalEn azul: avistados frecuentemente.En raiado: presenza escasa..

O narval ocupa un dos hábitats máis setentrionais dos cetáceos, no ámbito circumpolar, en zonas descontinuas, case sempre por riba do círculo polar, xusto nos bordos do casquete polar, poucas veces por debaixo dos 70º N. É raro no Canadá central e occidental, así como nas augas de Alasca de Siberia, pero existen poboacións abundantes no estreito de Davis, no norte da baía de Hudson e na baía de Baffin, así como nos mares de Groenlandia e de Barents.

Poboación A poboación canadense e do noroeste de Groenlandia avaliouse nos anos 1980 entre os 20 000 e os 30 000 individuos. A importancia das outras poboacións non se coñecía ben nesa época.

As máis modernas estimacións sobre a poboación total mundial varían de acordo cos distintos autores e publicacións. Segundo Innes et al. e a Comisión para os mamíferos mariños do Atlántico Norte (NAMMCO), en 2002 a poboación global probabelmente excedía dos 80 000 .individuos, sendo a poboación máis numerosa a do Ártico canadense, cun número superior aos 70 000 exemplares que se reunían durante o verán.Stuart Innes, M. P. Heide-Jørgensen, Jeff L. Laake, Kristin L. Laidre, Holly J. Cleator, Pierre Richard e Robert E. A. Stewart (2002): "Surveys of belugas and narwhals in theCanadian High Arctic in 1996". NAMMCO Scientific Publications. Ver en PDF Laidre et al., en 2008, propuxeron unha cifra aproximada de 75 000 individuos. O Departamento de Pesca e Océanos de Canadá (DFO), no mesmo ano 2008 publicou unha estimación de 86 000 individuos nas augas do Ártico canadense, no territorio de Nunavut.

No fiorde Inglefield Bredning e lugares adxacentes do nordeste de Groenlandia, en 2001 e 2002 estimouse unha poboación de 2 297 e 1 478 individuos, respectivamente. No sector eurasiático do Ártico só se realizou unha estimación en Scoresby Sound e no fiorde King Oscar, ao oriente de Groenlandia, cunha cifra de ta só 176 animais. Nas augas do nordeste do Atlántico non existen estudos recentes.Jefferson, T. A.; Karczmarski, L.; Laidre, K.; O'Corry-Crowe, G.; Reeves, R. R.; Rojas-Bracho, L.; Secchi, E. R.; Slooten, E.; Smith, B. D.; Wang, J. Y. & Zhou, K. (asesores) (2008): Delphinapterus leucas, en Lista Vermella da IUCN. miniatura|250px|Narvais nas inmediacións da illa Somerset, no Ártico canadense.

Hábitat O narval é unha especie migratoria, e as migracións están determinadas polo avance e retroceso dos xeos, pasando o verán en fiordes profundos e de augas frías, así como en baías. Con frecuencia aparece entre os xeos flotantes, onde busca refuxiarse das candorcas.

En todas as áreas de distribución, esta especie prefire as augas profundas en mar aberto. As poboacións do Canadá e Groenlandia occidental teñen como sitio invernal a capa de xeo do estreito de Davis e a baía de Baffin. Os sitios invernais son os hábitats máis importantes dos narvais, pois constitúen os lugares onde se alimentan de animais do fondo mariño en maior cantidade, principalmente entre os meses de novembro e marzo, contrastando co baixo consumo alimentario durante os meses de verán.Laidre, K. L.; Heide-Jørgensen, M. P.; Dietz, R.; Hobbs, R. C. e Jørgensen, O. A. (2003): "Deep-diving by narwhals Monodon monoceros: Differences in foraging behavior between wintering areas?". Mar. Ecol. Prog. 261: 269-281. Resumo

Comportamento Os narvais son gregarios e forman pequenos grupos de dous a dez individuos, aínda que en ocasións, principalmente durante o verán, se reúnen en grandes grupos de centos e mesmo milleiros exemplares.

Estes grupos ou mandas son mixtos, aínda que existe segregación en función do sexo e a idade. As femias e as crías adoitan formar un grupo, e os machos novos e os adultos, asociacións separadas. Pero centos de mandas poden xuntarse para viaxar, agrupando a miles de individuos que se estenden ao longo de moitos quilómetros cadrados. A segregación sexual en mandas grandes é máis evidente nas migracións de outono.

Cando se alimentan móvense e forma errática e moi lenta, e pasan pouco tempo na superficie, mergullándose durante 7 a 20 min. Pero durante as migracións nadan rápido e permanecen na superficie ou cerca dela. Todos os membros do grupo poden saír á superficie e somerxerse ao mesmo tempo. Poden permanecer na superficie até 10 min, con parte do dorso ou dunha aleta pectoral fóra da auga. Ás veces só asoma o dente.

En mares tumultuosos adoitan permanecer a gran profundidade. Son bastante correntes as saídas para vixiar, e os golpes na auga coa cola ou coas aletas pectorais. Raramente saltan con todo o corpo fóra da auga, como fan os golfiños. O sopro respiratorio é débil e pouco visíbel.