Fernando Barros Pumariño, nado en Santiago de Compostela o 15 de agosto de 1906 e finado en París o 22 de marzo de 1959, foi un político galego.

Traxectoria

Estudante de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, delegado da Sociedad General de Autores. Amigo e compañeiro de Arturo Cuadrado. Pertenceu á masonería. Participou no Pacto de Lestrobe en representación da ORGA e foi elixido secretario do Centro Republicano de Santiago de Compostela en xaneiro de 1931.El Pueblo Gallego, 20-1-1931, p. 8. Despois integrouse en Izquierda Republicana. Foi detido pola folga xeral revolucionaria de 1934. Amigo de Ramón María del Valle-Inclán, acompañouno nos seus últimos momentos e foi o seu testamenteiroRivas, Manuel (23/5/2008). "O enterro que fixo tremer Galicia" El País..

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, permaneceu agochado no Sanatorio Baltar até que logrou atravesar a fronteira portuguesa e pasar á zona leal. Integrouse no exército republicano como comandante. Contactou en Valencia con Borobó. Coa derrota republicana foi detido e internado na prisión de San Miguel de los Reyes (Valencia) o 14 de abril de 1939. Despois pasou á prisión de Porlier. En xuño de 1945 as autoridades franquistas conmutáronlle a pena pola de seis anos de confinamento, que tería que cumprir en Vigo. En abril de 1948 desapareceu do seu domicilio de Vigo e fuxiu a Francia. Alí traballou de albanel. Reuníase no café Mabillon de París xunto con outros exiliados.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha no Repertorio biobibliográfico do exilio galego

Categoría:Masóns de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1959