Didinium é un xénero de protozoos ciliados do que polo menos hai dez especies aceptadas. Todos son protozoos de vida libre que se alimentan depredando a outros protistas. A maioría viven en augas doces ou salobres, pero tres das especies son mariñas. A súa dieta consiste principalmente en Paramecium, pero poden tamén atacar e consumir outros ciliados. Algunhas especies, como D. gargantua, tamén se alimentan de protistas non ciliados como dinoflaxelados, criptomónadas, e algas verdes.

Características

Os Didinium son arredondados, ovais ou con forma de barril e a súa lonxitude vai de 50 a 150 micrómetros. O corpo celular está circundado por dúas bandas de cilios, ou pectinelas. Isto distíngueos do xénero relacionado Monodinium, que ten unha soa banda, excepto durante a división celular. Utiliza as pectinelas para moverse na auga mediante un movemento de rotación da célula sobre o seu eixe. No extremo anterior ten unha estrutura cónica que sobresae, sostida por unha barreira de rexos bastóns microtubulares (os chamados nematodesmos ou nematodesmata). Este cono encerra o citostoma ou abertura "bucal", como noutros ciliados haptorios. As dimensións desta protuberancia varían nas diferentes especies.

O macronúcleo é longo, e pode estar curvado, ter forma de ferradura ou retorto formando unha figura que parece o número oito. Na parte posterior da célula hai un vacúolo contráctil e un poro anal.

Como todos os ciliados os Didinium reprodúcense asexualmente por medio de fisión binaria, ou tamén sexualmente por conxugación.

Didinium nasutum miniatura|320px|esquerda|Didinium nasutum alimentándose dun paramecio. Ilustración de S. O. Mast, 1909. Moito do que se publicou sobre este xénero está baseado nos numerosos estudos que se fixeron da especie Didinium nasutum. Esta especie é un voraz depredador, e usa estruturas especializadas chamadas toxicistos para atrapar e paralizar o ciliado que se converteu na súa presa. Unha vez que o capturou, a presa é rodeada polo citostoma expandible de Didinium.

Aínda que ás veces se describe a D. nasutum como un microorganismo que se alimenta só de Paramecium, tamén se observou que come outras especies de ciliados, como Colpoda, Colpidium campylum, Tetrahymena pyriformis, Coleps hirtus e Lacrymaria olor. Ademais, as cepas de Didinium que creceron alimentándose de Colpidium campylum mostrarán preferencia por alimentarse desa especie, e diminuirá a súa capacidade de matar e inxerir paramecios.

En ausencia de alimento, D. nasutum enquístase, permanecento dormente dentro dunha cuberta protectora que forma. No laboratorio, outros estímulos ambientais, como a idade do medio de crecemento ou a acumulación de certos produtos metabólicos residuais, poden tamén causar o enquistamento. Cando a forma enquistada de D. nasutum se expón a un cultivo vigoroso de Paramecium, desenquístase, volvendo á súa forma activa nadadora.

O quiste de Didinium permanece viable polo menos durante 10 anos.

Historia e clasificación miniatura|160px|Vorticella nasuta, de O. F. Müller, 1786. Este foi o primeiro nome que tivo Didinium nasuta. Didinium descubriuno no século XVIII o naturalista O.F. Müller e describiuno no seu libro Animalcula Infusoria dándolle o nome de Vorticella nasuta.Müller, O.F. Animalcula Infusoria, Fluvia Tilia et Marina. 1786. Hauniae, Typis N. Mölleri. pp. 268-9. En 1859, Samuel Friedrich Stein moveu a especie ao xénero de nova creación Didinium, que situou na orde Peritricha, xunto con outros ciliados que tiñan unha banda ciliada na parte anterior da célula, (como Vorticella e Cothurnia). Máis tarde nese mesmo século, no esquema taxonómico creado por Otto Bütschli, Didinium foi separado dos Peritricha, e situado na orde Holotricha. En 1974, John. O. Corliss creou a orde Haptorida, dentro da subclase Haptoria, para as "formas carnívoras rapaces" como Didinium, Dileptus e Spathidium. Este grupo foi despois situado na clase Litostomatea Small & Lynn, 1981.

A análise xenética dos ciliados haptorios indica que non son un grupo monofilético.

Lista de especies

Didinium alveolatum Kahl, 1930 Didinium armatum Penard, 1922 Didinium balbianii Fabre-Domergue, 1888 Didinium bosphoricum Hovasse, 1932Didinium chlorelligerum Kahl, 1935Didinium faurei Kahl, 1930Didinium gargantua Meunier, 1910Didinium impressum Kahl, 1926Didinium minimumDidinium nasutum''(Müller, 1773) Stein, 1859

Notas

Categoría:Cilióforos