Daniel Basteiro, nado en Vilalba, é un xornalista galego. Dende 2020 é director de Infolibre.
Traxectoria Licenciouse en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e completou os seus estudos na Universidade de Bergen, en Noruega. Entre 1993 e 2004 cursou estudos musicais de piano e clarinete no conservatorio de Vilalba, onde ten desenvolvido unha intensa actividade cultural ligada aos colectivos da vila, como a Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba.
Tras colaborar na súa mocidade con La Voz de Galicia e a Cadena Cope a través de pequenas incursións, comezou a traballar en La Voz de Almería antes de pasar a integrar a redacción en liña de 20 minutos, en Madrid. En 2008 comezou a traballar como correspondente desde Bruxelas para o xornal español Público, onde cubriu todo tipo de informacións, entre elas a irrupción da crise económica, os rescates de Grecia, Irlanda, Portugal e España, así como as reunións de xefes de estado e de goberno e outros asuntos de política europea e internacional. Tamén realizou colaboracións de temática comunitaria para La Voz de Galicia, Radio France Internationale ou La Sexta.
En 2012, co peche desa cabeceira, integrou o equipo fundador da versión española do The Huffington Post baixo a dirección de Montserrat Domínguez, encargándose de asuntos de política nacional e europea.
En xaneiro de 2015 pasou a formar parte do equipo fundacional de El Español, onde se encargou fundamentalmente de cubrir informacións políticas e parlamentarias. Dende 2020 é director de Infolibre.
Notas
Categoría:Xornalistas de Vilalba Categoría:Nados en Vilalba Categoría:Nados en 1980 Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid