A Universidade do Sur de Florida, tamén coñecida como USF, é unha universidade pública localizada en Tampa, Florida. Fundada en 1956, forma parte do Sistema Universitario Estatal de Florida, sendo a cuarta universidade pública dese estado, con 47.646 estudantes matriculados no ano académico 2012–2013. A USF ten tres institucións independentes: USF Tampa, USF San Petersburgo e USF Sarasota-Manatee. Cada institución está acreditada separadamente pola comisión universitaria da Asociación do sur de escolas e universidades. A universidade inclúe 14 facultades, que ofrecen preto de 80 estudos de grao e máis de 130 de posgraduado.
A USF aparece clasificada pola Carnegie Foundation for the Advancement of Teaching no nivel superior de universidades en canto á investigación, e é unha das catro únicas universidades en Florida que obtén esta clasificación. Na clasificación do ano 2011, a Intellectual Property Owners Association clasificou á USF na décima posición a nivel mundial en canto ao número de patentes rexistradas. A universidade conta cun presuposto anual de 1.500 millóns de dólares e ten un impacto económico de 3.700 millóns de dólares. Segundo unha clasificación realizada pola National Science Foundation, a USF atópase entre as 50 universidades dos Estados Unidos que adican un gasto maior á investigación, sendo só superada en Florida pola Universidade de Florida.
A USF aparece no top 100 das mellores universidades públicas do ano 2012 segundo U.S. News & World Report. Nese mesmo ano, foi considerada como a oitava universidade con maior progresión por esa mesma revista. A universidade foi nomeada líder na educación en liña pola Guía de Universidades en liña.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web oficial
Sur Categoría:Tampa, Florida