Santa María de Sobradelo é unha parroquia que se localiza no noroeste do concello de Carballeda de Valdeorras. Segundo o padrón municipal en 2018 tiña 585 habitantes (295 mulleres e 290 homes).
Descrición A vila de Sobradelo é a capital do concello. Está situada a carón do río Sil. Por Sobradelo discorre a estrada N-536 (N-120 até a década de 1980) e o ferrocarril León - A Coruña (con parada na estación de Sobradelo), e desde aquí parte a estrada OU-122 cara a Casaio e o porto de Fonte da Cova.
É vía de paso entre as comarcas de Valdeorras e O Bierzo xa desde a romanización, ao pasar por aquí a Vía Nova do itinerario de Antonino. A Ponte Nova sobre o río Sil data do século XVI e consta de sete arcos. O Padre Sarmiento conta que a cruzou en 1755. En xaneiro de 1809, no marco da guerra da independencia española, o abade de Casaio fixo destruír o arco central logo de que atravesasen a ponte as tropas británicas ao mando de Pedro Caro y Sureda (marqués de la Romana), que fuxían cara a Vigo perseguidos por tropas francesas ó mando do xeneral Franceschi.
A igrexa parroquial da Nosa Señora da Encarnación ocupa o espazo dunha antiga central térmica construída entre 1943 e 1944 para dar servizo eléctrico ás minas de Valborraz, en Casaio, xestionada por empresas alemás. Porén, non chegou a entrar en funcionamento como tal. O edificio foi mercado polo avogado vasco Pedro Luis Aguirre, que en 1956 llo vendeu á diocese de Astorga. O 30 de outubro de 1966 inaugurouse o templo.
Galería de imaxes
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Sobradelo
Parroquias de Carballeda de Valdeorras
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Carballeda de Valdeorras
Categoría:Parroquias de Carballeda de Valdeorras Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María