Santa Baia de Castro é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE, no 2018 a súa poboación descendera ata os 256 habitantes, sendo 126 homes e 130 mulleres. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 347 habitantes: 183 mulleres e 164 homes distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 354 habitantes.

Toponimia Séguense as propostas de Fernando Cabeza Quiles e Xosé Pumar Gándara. Para este último o nome da parroquia procede dunha santa traída de Mérida polos mozárabes, Baia de Mérida. Outros topónimos poderían ser: Castro que claramente fai alusión a un recinto fortificado propio da época prerromana; O Batán pode proceder do latín co significado de bater, golpear e esa parece ser a finalidade destas construcións destinadas a mazar a roupa tecida nos teares artesanais caseiros. A Carambola, co significado de pedra ou rocha, aludiría a un territorio con abundancia das mesmas. O Cercedo parece ser un fitónimo e aludiría á abundacia de cereixas. A Igrexa fai referencia ao punto no que se asenta o templo parroquial. Lumián tería un significado relacionado co lume e Pedralta cun asentamento próximo a unha pedra. Lume da Cova estaríanos a falar dun lume ou fogar situado nunha cova; en tanto que Lume de Suso viría a ter o mesmo significado pero a segunda parte viría a referirse a que está arriba ou no alto en referencia a algunha antiga vivenda alí emprazada que ben puideran ser as do veciño castro do seu nome.

Patrimonio A igrexa de Santa Baia de Castro, que foi constituída en 1736 segundo se aprecia na fachada, está considerada como un bo exemplo do estilo barroco. A parroquia de Castro é, con diferenza, a de maior densidade castrexa de todas as do concello, dado que no seu espazo hai nada menos que tres castros: O de Lume de Suso, o da Insua e o da propia aldea de Castro.

Lugares e parroquias Lugares de Santa Baia de Castro

Parroquias de Coristanco

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Coristanco

Categoría:Parroquias de Coristanco Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa Baia Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía