O fósforo (P) é o elemento número 15 da táboa periódica; isto é, ten 15 protóns no seu núcleo, e, en estado neutro, outros tantos electróns. É un non metal multivalente pertencente ao grupo do nitróxeno, que se atopa na natureza combinado en fosfatos inorgánicos e en organismos vivos, pero nunca en estado nativo. É moi reactivo e oxídase espontáneamente en contacto có osíxeno atmosférico emitindo luz, dando nome ao fenómeno da fosforescencia.

Historia O fósforo —do latín phosphŏrus, e este do grego φωσφόρος, portador de luz— antigo nome do planeta Venus, foi descuberto polo alquimista alemán Hennig Brand en 1669 en Hamburgo, ao destilar unha mestura de ouriños e area mentres buscaba a pedra filosofal. Ao evapora-la urea obtivo un material branco que brillaba na escuridade e ardía coma unha chama brillante. Dende entón ás substancias que brillan na escuridade sen arder chámaselles fosforescentes. Brand mantivo o seu descubrimento en segredo pero outro alquimista alemán, Kunckel, redescubriuno en 1677.

Función biolóxica Os compostos de fósforo interveñen en funcións vitais para os seres vivos, polo que está considerado coma un elemento químico esencial. Forma parte das moléculas de ADN e ARN. As células emprégano para almacenar e transportar a enerxía mediante o adenosín trifosfato. Ademais a adición i eliminación de grupos fosfato ás proteínas, fosforilación e desfosforilación respectivamente, é o mecanismo principal para regula-la actividade de proteínas intracelulares, e dese modo o metabolismo das células eucariotas tales coma os espermatozoides.

Abundancia e obtención Debido á súa reactividade, o fósforo non se atopa nativo na natureza, pero forma parte de numerosos minerais. A apatita é unha importante fonte de fósforo, existindo importantes xacementos en Marrocos, Rusia i Estados Unidos entre outros países.

A forma alotrópica branca pódese obter por distintos procedementos; nun deles, o fosfato tricálcico obtido das rochas quéntase nun forno a 1450 °C en presenza de silicio e carbono, reducindo o fósforo que se libera en forma de vapor.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Fósforo, descrición

Categoría:Fósforo