San Lourenzo de Bruma é unha parroquia exclave do concello de Mesía. Segundo o padrón municipal en 2023 tiña 43 habitantes (17 homes e 26 mulleres), once menos ca en 1999. Ten unha única entidade de poboación, O Hospital, así chamada por ter en orixe unha pousada e hospital de peregrinos do Camiño Inglés, onde se unen as dúas variantes da Coruña e Ferrol e Neda. O antigo hospital é agora un albergue do camiño.

Xeografía e xeoloxía Bruma é un exclave de Mesía, que non ten conexión directa co resto do concello, que ten unha superficie de 1,11 km². Está situado a uns 1,8 km da parroquia máis próxima de Mesía, que é Visantoña. Limita ao norte, oeste e sur con Ardemil (Ordes) e ao leste con Beira (Carral) e Vizoño (Abegondo).

Está a unha altitude de entre 400–450 m no seu oeste e de entre 350-400 no seu leste. Por el pasa o rego dos Santeiros e o rego dos Outeiros, que son afluentes un do outro e ambos do río Samo.

Demografía Bruma en 2017 tiña unha poboación de 41 persoas. Iso supón un descenso na poboación desde o 2000, cando había 51 residentes. A súa poboación supón o 0,92 % do concello de Mesía.

Xeoloxía Atópase nunha rexións dos xistos de Ordes, que son do precámbrico-cámbrico, e preto dunha sección do sur con arxilas brancas con gibbsita na no línde co Seixo, Ardemil. Os regos teñen unha base indiferenciada de areas e grava, entre outras, propias dunha ribeira do holoceno. Hai un reducido afloramento de rochas filonianas.

Historia No Coto, entre Ardemil e Bruma, atópase restos de mámoas que poden ser do neolítico ou do comezo da idade de bronce.Sección: Restos arqueolóxicos.

Inda que non existe unha proba directa, a Vía XX romana que describiu Antonino pasou ou ben por preto ou pola parroquia.

O Hospital foi cando menos desde o século XII un lugar de viaxeiros que peregrinaban a Compostela. Xa o rei Afonso VII declarou cales eran os lindes do convento e do hospital no 1140. Ese hospital funcionaría como tal xa que puido ser unha leprosería. O hospital está cerca do monte da Malata, en Vizoño; e ese topónimo refírese a lepra; co que parece apoiar que o hospital tivese esa función. O abade do condado de Némitos ou Nendos, Pedro Crescóniz, foi o fundador dese hospital, que se emprazou nun lugar chamado Rania Longa, hoxe en día lugar de Raña Longa. Ese hospital estaba entre as "terras de Montaos" e o condado de NemitosO condado de Némitos ou Nendos ocupou un territorio similar á comarca de Betanzos no baixo medievo.. Neses anos Pedro Martis e a súa muller Urraca cedéronlle ao Hospital de Santiago nun documento do 25 de maio de 1175 unha parte do terreo do lugar de "Rama-Longa" en "Gruma", referíndose a Bruma:

A parroquia do "San Lourenzo do Hospital", a que se lle ten chamado así, pertenceu ata o século XV, xunto con San Xiao de Poulo e o coto de Buscás, aos señores de Mesía, aveciñados nese lugar e torre. O rei Carlos I fixo unha parada da súa viaxe para almorzar en Bruma no século XVI. Pedro Villuga e o Padre Sarmiento fixeron mención ao Hospital como ruta de paso da Coruña ata as Travesas.

O 25 de abril de 1836 publícase a resolución do goberno pola que se crea o concello de Mesía e nel se inclúen, entre outras, Bruma e Ardemil como parroquias do concello. Porén, no verán dese mesmo ano de 1836, unha nova orde do estado move a parroquia de Ardemil para o concello de Ordes, co cal Bruma convértese nun exclave de Mesía. Poucos anos despois, en 1842, valorouse a integración dos concellos de Mesía, Frades e Oroso nun só, que se chamaría Vitre; e en escindir Bruma de Mesía e incluíla en Ordes. Malia a todo, esa proposta non se levou a cabo e Bruma continuou sendo parte do concello de Mesía ata a actualidade.

Topónimo A orixe do topónimo é incerta. En galego, bruma significa 'néboa pouco densa' e tamén é un dos nomes da folla do piñeiro. Non parece que a segunda acepción teña a ver co nome da parroquia á vista de que o completo estudo sobre fitotoponimia de Gonzalo Navaza non inclúe Bruma entre as formas recollidas. Tampouco existen evidencias de que deba o seu nome ao antedito fenómeno atmosférico. Higino Martins sitúa a súa orixe no latín brūma, “o día máis breve do ano; solsticio de inverno”, que deriva de breuima, brevissima [dies], mais é difícil intuír como un concepto temporal puido xerar o topónimo.

A construción dun hospital para peregrinos na parroquia fixo que a parroquia de Bruma pasase a ser coñecida como "Hospital de Bruma" ou mencionada como "San Lourenzo do Hospital", e que o lugar onde se atopa tamén reciba o nome de "O Hospital ".Sección: Arquitectura relixiosa.

Patrimonio Patrimonio arqueolóxico No lugar do Coto do Regueiro, entre Bruma e Ardemil atópase o xacemento dunha mámoa que data do neolítico ou idade de bronce.Xacemento arqueolóxico número 31.Mámoa do Coto con referencia: GA15047059-60.

Patrimonio arquitectónico O Hospital de peregrinos No lugar do Hospital está o albergue de peregrinos do camiño inglés de Santiago. Ese edificio, de estilo do gótico tardío, construíuse no século XVI á beira do rego de Outeiros. Está feito de cachotaría, ten unha cociña cunha boa cheminea e ten linteis con inscricións relixiosas. A planta do edificio é rectangular e ten un pórtico.Plan xeral de ordenación municipal de Mesía. Arquitectura cultural.

Coa súa reforma do século XX o edifio ampliouse, sen respectar o estilo inicial do hospital.

Hórreos

Os hórreos catalogados da parroquia son de tipo Mahía e de dous ou tres vans.Sección do catálogo "Hórreos da parroquia de Bruma".

Patrimonio relixioso Igrexa de San Lourenzo A igrexa parroquial de San Lourenzo de Bruma e capela está no lugar do Hospital, no rueiro do Hospital e polo que pasa o Camiño inglés de Santiago. É unha igrexa de estilo gótico tardío que posiblemente se construíu no século XVI e que tivo arranxos desde o século XVIII ata o XX. Está feita con fábrica de canteira e cachotería e posúe un arco triunfal, que arestora está cegado e agochado detrás dun falso teito. A espadana está feita como os muros e a planta da igrexa é rectangular. Está sen cuberta e os seus muros están en parte en ruínas.

A igrexa citouse na viaxe do rei Filipe II.

Patrimonio cultural O camiño inglés e camiño real miniatura|Indicación do camiño inglés en Bruma na súa saída cara a Ardemil. As dúas variantes do Camiño inglés xuntáronse historicamente na entrada á parroquia de Bruma, entre San Bertolameu, Montouto e o comezo do lugar das Travesas, Carral Esas dúas variantes do camiño inglés proceden do "Porto do Faro" na Coruña e a de Ferrol e Neda. ou na capela de San Roque das Travesas. Boa parte deste itinerario que conflúe preto do Hospital cadra cos "camiños reais" que comunicaron as cidades do norte de Galicia con Compostela. O camiño inglés definido en 1997 xuntaba as dúas variantes no mesmo centro do Hospital. Revisións posteriores volveron definir a xuntanza das dúas vías polo camiño histórico, nas Travesas á súa entrada na parroquia de Bruma.

Espazos recreativos e culturais

Á beira do Hospital hai unha área recreativa con espazo de lecer para a xuventude e unha fonte. Bruma conta cun local social.

Festas San Lourenzo os días 10 e 11 de agosto.

Lugares e parroquias Lugares de Bruma

Parroquias de Mesía

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Mesía

Ligazóns externas Bruma na web do concello de Mesía

Categoría:Parroquias de Mesía Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Lourenzo Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía