O bacharel Pedro de Vitoria ou de Victoria, nado en data descoñecida e finado en 1541 ou 1542, está considerado como o primeiro reitor da Universidade de Santiago de Compostela xa que foi o primeiro catedrático do Estudio Vello, considerado o berce da universidade.

Traxectoria Poucos datos hai da súa vida. Polo seu testamento, datado o 13 de outubro de 1535, sábese que era fillo de Diego de Vaztierra e de María López de Letona, ambos os dous naturais de Vitoria; que probabelmente tiña un irmán en Compostela chamado Diego de Vaztierra, a quen aforou uns terreos propiedade do Estudio Vello; e que era clérigo, pois mandou ser soterrado cos seus hábitos sacerdotais. No mesmo testamento fai unha doazón de 500 ducados a outro Pedro de Vitoria, neno, o cal fai pensar que fora fillo seu.

Foi nomeado profesor do Estudio Vello por documento asinado en Salamanca o 22 de xaneiro de 1506 polo bispo de Mondoñedo, Diego de Muros, sendo o único profesor do Estudio e exercendo tamén os labores administrativos deste. Son de destacar as continuas queixas pola falta de cartos para a dotación de aparellos e mobiliario, manifestando en máis dunha ocasión ter que poñer do seu peto os cartos necesarios sen que estes lles fosen reintegrados.

Segundo o Cardeal Sanjurjo, o seu labor docente foi continuado e eficaz, ao tempo que fixo unha administracción moi intensa e proveitosa para o Estudio.

Descoñécese con exactitude a data da súa morte, mais pola análise de documentos da época, semella que debeu de ocorrer a finais de 1541 ou comezos de 1542. Deixou escrito no seu testamento que fora soterrado na Quintana de Palacios.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Universidade de Santiago de Compostela

Vitoria, Pedro de