Modesto García Nóvoa, nado en Buenos Aires en 1896 e finado en Vigo en 1978, foi un médico e político galego.

Traxectoria Os seus pais eran naturais de Gomesende e estiveron emigrados na Arxentina principios do século XX, cando regresaron a Ourense. Estudou Medicina en Valladolid e colexiouse nesa provincia en 1925. Simpatizante de Izquierda Republicana e admirador de Manuel Azaña, co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e condenado sen xuízo a ser confinado no campo de concentración das Cocheras dos tranvías de Valladolid. A súa familia foi sometida a acosos e rexistros. Foi expulsado do Colexio de Médicos en decembro de 1936. Saíu do cárcere en decembro de 1937 e foi expedientado coa prohibición para exercer a nivel público a súa profesión. Trasladouse a Vigo e instalouse en Canido. A súa esposa faleceu en xaneiro de 1938, quedando viúvo con tres nenos pequenos. Nos anos corenta abriu consulta en Vigo, pero non foi rehabilitado para a función pública ata os anos sesenta, e obtivo unha praza en Baiona. Colaborou coa rede da oposición antifranquista de Vigo, deu apoio e axuda sanitaria a enlaces da guerrilla e escapados e fuxidos da zona de Vigo. Foi detido en varias ocasións, a máis perigosa o 8 de setembro de 1947, acusado polas súas supostas actividades políticas. Foi procesado na causa 438/47 da Coruña contra Francisco Rey Drox e outros. Finalmente foi posto en liberdade o día 20 ao non aparecer cargos contra na súa contra.

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Modesto García Nóvoa. Un médico perseguido

Categoría:Médicos de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1978