Durante a tempada 2014–15 o Deportivo da Coruña competiu na Primeira División (afrontando a súa 43ª campaña na máxima categoría), logrando o 16º posto na clasificación. Na Copa do Rei alcanzou os 1/16 de final.

Resumo da tempada Xuño O 13 de xuño anunciouse a renovación do defensa Albert Lopo, por dúas tempadas.

O 18 de xuño o club ofreceulle continuar un ano máis como xogador a Manuel Pablo, afrontando así a súa 17ª tempada como xogador do Deportivo.

O 25 de xuño foi a quenda para Germán Lux, que finalizaba contrato, quen renovou por dúas tempadas máis.

O 27 de xuño anunciouse a primeira incorporación no mercado de fichaxes. Trátase de Roberto Canella, cedido polo Sporting de Gijón por unha tempada.

Xullo O 2 de xullo o club anunciou que abrirá unha nova tenda oficial no centro comercial Marineda City.

O 4 de xullo presentouse a campaña de abonos para a tempada 2014–15. Ese mesmo día, a LFP anunciou un amigable que xogará o Deportivo o 20 de xullo contra o Gimnasia y Esgrima de La Plata na Arxentina, no eido do LFP World Challenge.

O 8 de xullo o club destituíu a Fernando Vázquez como adestrador, logo dunhas polémicas declaracións.

O 10 de xullo o club presentou a Víctor Fernández como novo adestrador branquiazul. Ademais, anunciou a incorporación de Isaac Cuenca, atacante procedente do Barcelona.

O 11 de xullo a LFP anunciou cambios na programación da xira LFP World Challenge, cancelando o encontro que enfrontaría ao club coruñés co Gimnasia y Esgrima de La Plata arxentino e anunciando dous partidos amigables en Colombia, contra o Independiente Santa Fe (en Bogotá) e Deportivo Cali (en Cali), os días 22 e 24 de xullo, respectivamente.

O 14 de xullo púxose a andar o Deportivo da tempada 2014–15, estando citados para o primeiro adestramento da pretempada en Abegondo: Germán Lux, Manuel Pablo, Álex Bergantiños, Borja Bastón, Juan Domínguez, Arizmendi, Fabricio, Laure, Luisinho, Toché, Wilk, Seoane, Albert Lopo, Luis Fernández, Juan Carlos, Insua, Canella, Rudy e Isaac Cuenca. Ese mesmo día, o xogador do filial Bicho foi cedido por dúas tempadas ao Barcelona.

O 17 de xullo deuse a coñecer que o Deportivo percibirá 36 millóns de euros polos dereitos televisivos das tempadas 2014–15 e 2015–16. Igualmente, o xuíz declarou culpable o concurso de acredores de Ediciones Deportivas Gallegas, editora do xornal do club Dépor Sport (editado entre 2005 e 2013). Así, o club está obrigado a pagar o 50% dos créditos pendentes aos acredores tras a liquidación da entidade.

O 18 de xullo anunciouse a incorporación do atacante coruñés Lucas Pérez, cedido polo PAOK por unha tempada con opción de compra. Pola contra, o atacante Luis Fernández marchou cedido ao Lugo por unha campaña. Esa tarde o club presentou os equipamentos para a nova tempada, nun acto público.

O 20 de xullo Víctor Fernández anunciou a lista de 20 convocados para a xira americana: Lux, Manuel Pablo, Canella, Álex Bergantiños, Insua, Rudy, Borja Bastón, Juan Domínguez, Arizmendi, Fabricio, Cuenca, Laure, Luisinho, Toché, Seoane, Lopo, Juan Carlos, Queijeiro, Deak e David.

O 21 de xullo o club cedeu ao centrocampista Álvaro Lemos ao Compostela, de Segunda División B.

O 22 de xullo presentouse ao centrocampista José Rodríguez, cedido polo Real Madrid Castilla por unha tempada. O primeiro partido da precampaña saldouse con derrota, fronte ao Independiente Santa Fe (1–0), no que resultou mancado o meta Germán Lux.

O 23 de xullo o club confirmou a incorporación do portugués Diogo Salomão, que afronta así a súa cuarta etapa como deportivista.

O 24 de xullo quedou definido o calendario da Primeira División da tempada 2014–15. Na madrugada do 24 ao 25 de xullo (hora galega) o Deportivo xogou o seu segundo partido de pretempada, contra o Deportivo Cali, e que se saldou con derrota (3–1).

O 28 de xullo confirmouse a localización do encontro contra o Celta de Vigo en favor do fútbol base galego, sendo o estadio de Pasarón o recinto elixido. Ademais, o club confirmou a incorporación do centrocampista arxentino Luis Fariña, cedido unha campaña polo Benfica.

Agosto O 8 de agosto deuse a coñecer que a firma lucense Enfíos Texgroup será a encargada de relanzar a marca de roupa oficial do club, RCD Sport, nas vindeiras datas. Tamén anunciouse a incorporación da sétima fichaxe da pretempada, o dianteiro portugués Ivan Cavaleiro, cedido por unha tempada polo Benfica.

O 13 de agosto o Celta de Vigo levouse o derbi galego amigable (0–2), conquistando o I Trofeo Federación Galega de Fútbol, no estadio de Pasarón.

O 14 de agosto presentouse a oitava incorporación no mercado estival, o mediocampista bosníaco Haris Medunjanin, que firmou por tres campañas.

O 22 de agosto rescindiron os seus contratos Rudy e Javier Arizmendi.

O 23 de agosto iniciouse o campionato de Liga, caendo fronte o Granada a domicilio (2–1), no que anotou Ivan Cavaleiro o seu primeiro tanto.

O 27 de agosto o club decidiu non prorrogar a cesión de Borja Bastón, quedando así desvinculado. Igualmente, rescindiron o seu contrato co club Stefan Deak, Oumar Sidibé e Felipe Ramos.

Setembro O 1 de setembro, derradeiro día do mercado de fichaxes, firmaron polo Deportivo Hélder Postiga (chegando libre), Juanfran Moreno (cedido polo Real Betis) e Sidnei Rechel (cedido polo Benfica). Esa mesma noite anunciouse a lista de dorsais dos xogadores.

O 2 de setembro anunciouse a derradeira incorporación, o central francés Modibo Diakité, que pechou o mercado de fichaxes do club para a tempada 2014–15.

O 11 de setembro firmouse un acordo co hospital HM Modelo para ser o centro médico oficial do club para as próximas tres campañas.

O 12 de setembro anunciouse que o presidente do Deportivo recibirá o premio Taiwan Experience o día 14. Ademais, esa mañá firmouse un acordo coa cadea hoteleira Meliá Hotels para albergar o Deportivo nos seus desprazamentos.

O 18 de setembro, o club, dentro do eido de redución da débeda, anunciou un acordo cun "prestixioso grupo hostaleiro coruñés" para a explotación da Sala de Eventos e Sala Boite do complexo hostaleiro Playa Club, a partir de xaneiro de 2015, deixando así de estar presente o Deportivo na actividade hostaleira.

O 29 de setembro, o ex asesor xurídico do club e candidato á presidencia Germán Rodríguez Conchado, dirixiuse ao presidente do Deportivo para reclamarlle 2.759.416,17 euros en concepto de honorarios polos seus servizos na fase común do concurso de acredores e en diferentes incidentes.

Outubro O 1 de outubro o club informou que conta cunha masa social de 23.745 abonados, superior á dos dous anos anteriores nas mesmas datas. Ademais, ese día anunciouse un nove amigable, que será o xoves 9 de outubro coincidindo co parón ligueiro, fronte o Ordes (de Terceira División) no campo de Vista Alegre. Días máis tarde foi adiado até nova data, por mor da cantidade de baixas de xogadores.

O 2 de outubro informouse dun novo acordo co grupo hostaleiro Meliá Hotels para que os socios do Deportivo puidesen obter un 7% de desconto nas súas reservas.

O 15 de outubro o club informou de que liquidou a débeda concursal con carácter de privilexio especial, máis intereses, que mantiña coa Tesorería General de la Seguridad Social, sendo a suma liquidada de 158.553,18 euros. Ese mesmo día firmouse un acordo de colaboración co Club Básquet Coruña, contemplando descontos para os socios de ambas entidades que desexen ver os partidos do outro, así como abonarse.

O 19 de outubro o equipo logrou unha vitoria fronte o Valencia CF (3–0) logo de catro xornadas sen vencer, facendo a súa primeira aparición nesta campaña Fabricio, Juan Carlos Real e Lucas Pérez, que ademais anotou un gol.

O 21 de outubro o club puxo a disposición do Club Básquet Coruña parte das dependencias do estadio de Riazor para a súa xestión diaria, logo de sufrir un incendio na súa sede.

O 22 de outubro anunciouse a convocatoria a Xunta Xeral de Accionistas, con carácter ordinario e extraordinario, para o 24 ou 25 de novembro, na que, entre outros puntos, se votará unha proposta de ampliación do capital social da entidade. Ao día seguinte, o presidente Tino Fernández explicou en rolda de prensa que a ampliación de capital nace como un compromiso coa AEAT en marzo de 2014, que se desenvolvería en 5 fases ao longo de 25 meses, cuxa operación máxima é de 7.819.971,60 euros (se se cobre nas dúas primeiras fases), sendo esta a cifra idéntica ao capital social actual, divido en 150.118 accións de 60,10 euros cada unha; ou 6.000.000 de euros no caso de chegar ás fases 3, 4 ou 5.

Novembro O 5 de novembro anunciouse un novo patrocinador, esta vez para as medias dos uniformes. Trátase da empresa asiática Sockatyes.

O 6 de novembro o club informou que anticipou o pago da cota do mes de xaneiro de 2015 do acordo firmado coa Agencia Tributaria, ingreso de 2 millóns de euros, máis intereses. Así, o Deportivo atópase ao día de todas as súas obrigas fiscais.

O 25 de novembro celebrouse a Xunta Xeral de Accionistas, con carácter ordinario e extraordinario, na que se aprobaron por ampla maioría todas as propostas do Consello de Administración, incluída a ampliación de capital.

O 30 de novembro, horas antes do encontro da 13ª xornada ante o Atlético de Madrid no estadio Vicente Calderón, faleceu un seareiro do Deportivo logo dunha liorta entre ultras dos dous equipos, no que 12 persoas resultaron feridas. O club emitiu un comunicado rexeitando "de forma contundente calquera tipo de violencia que prexudica ao deporte, ao fútbol e á Liga", así como enviou a súa solidariedade aos familiares e amigos da vítima.

Decembro O 2 de decembro o club anunciou que pechaba a bancada de Maratón Inferior do estadio de Riazor durante dous partidos, en repulsa aos acontecementos violentos ocorridos en Madrid, así como ofrece prezos populares para o partido da 14ª xornada en Riazor fronte o Málaga CF, ao prezo dun euro.

O 3 de decembro o equipo xogou o seu primeiro partido na edición 2014–15 da Copa do Rei, nun partido en Riazor con pouca afluencia de público e coa bancada de Maratón Inferior pechada, que acabou en empate (1–1) e no que se gardou un minuto de silenzo polo seareiro asasinado en Madrid. Neste partido debutou co primeiro equipo o mediapunta coruñés Marcos Remeseiro. Ese mesmo día, o presidente da LFP, Javier Tebas, destituíu a Augusto César Lendoiro como embaixador da Liga logo de asistir ao enterro do seareiro asasinado, cargo que lle fora concedido ao remate da pasada tempada.

O 4 de decembro a directiva da Federeación de Peñas Deportivistas presentou a súa "dimisión irrevogábel", que se fará efectiva a final de temporada, alegando falta de confianza no Consello de Administración do Club e aclarando que non vendeu ou puxo en disposición de Riazor Blues entradas para o partido contra o Atlético de Madrid. Horas máis tarde o club publicou un comunicado aclarando que transmitiu "toda a información dispoñible proporcionada polos responsables da xestión de venda de entradas" para o partido contra o Atlético de Madrid, así como pide que se solucionen os feitos.

O 13 de decembro medio centenar de peñas deportivistas emitiron un comunicado respaldando á peña Riazor Blues, pedindo que se "deixe de criminalizar, desde os medios de comunicación, á afección de Riazor", así como critican a actitude do Consello de Administración.

O 14 de decembro o club emitiu un novo comunicado ante a situación de malestar e desunión entre os afeccionados, pedindo desculpas polas medidas levadas a cabo polo Consello de Administración que puideran molestar aos seareiros, e alentando á unión para afrontar os seguintes partidos.

O 15 de decembro o equipo logrou a súa terceira vitoria da temporada, 7 xornadas despois da anterior, ante o Elche CF en Riazor (1–0).