miniatura|Fisión binaria ou bipartición en bacterias. A fisión binaria ou bipartición é unha forma de reprodución asexual celular que se leva a cabo en arqueas, bacterias, lévedos de fisión, algas unicelulares e protozoos, que consiste na división dunha célula en dúas despois da replicación e separación do ADN, seguida da división do citoplasma (citocinese).
A fisión "binaria" contraponse coa fisión "múltiple", na cal unha célula dá lugar a moitas células fillas. A fisión múltiple a nivel celular dáse en moitos protistas como esporozoos e algas, nos cales o núcleo se divide moitas veces por mitose orixinando moitos núcleos, e máis tarde divídese o citoplasma formando moitas células fillas. Nos apicomplexos, a fisión múltiple ou esquizogonia dáse durante a formación de merozoítos, esporozoítos e microgametos en distintas fases do seu ciclo vital. Tamén se denomina división múltiple ou pluripartición.
Os termos fisión binaria e bipartición, ademais de para a división de procariotas e protistas, utilízanse tamén en zooloxía para denominar certos tipos de reprodución asexual de animais nas que o animal se divide en fragmentos que orixinan un novo individuo. Son divisións do tipo da xemación (por exemplo en hidra de auga doce) ou da fragmentación (por exemplo, a fisiparidade das estrelas de mar).
Fisión binaria procariótica A fisión binaria comeza coa replicación do ADN, o cal en procariotas consta esencialmente dunha soa molécula circular, e tamén de pequenos plásmidos. Esta replicación comeza desde a orixe de replicación, onde o ADN se abre formando unha burbulla de replicación que separa o ADN de dobre febra. Este novo ADN ancórase na membrana plasmática.
No caso de Escherichia coli, antes de que ocorra a replicación, a orixe de replicación (OriC) sitúase nun polo da bacteria. Cando remata a replicación de OriC, estas secuencias migran cara ao polo oposto da célula, continuando o proceso de replicación do resto do cromosoma. Os cromosomas así situados nos polos celulares van determinar a posición do plano de división celular, asegurando que esta se produza no ecuador da célula. A fisión binaria depende da proteína FtsZ, a cal é unha GTPase do citoesqueleto que forma filamentos similares aos da tubulina. Estes filamentos forman un anel no ecuador da célula e recrutan ás demais proteínas que van intervir na división. Estas proteínas dirixen o crecemento da parede celular e da membrana plasmática cara ao interior, formando un septo que divide a célula en dúas nun proceso chamado citocinese. Outras proteínas que compoñen o anel do septo son a proteína FtsK, que se encarga de coordinar a separación dos cromosomas na división celular, tamén se encontraron en E. coli, hidrolases de mureína que cumpren un importante papel na separación das células fillas.David Bramhill. Bacterial Cell Division. Annual Review of Cell and Developmental Biology. Vol. 13: 395-424 (Novembro 1997). DOI: 10.1146/annurev.cellbio.13.1.395.
A reprodución bacteriana por fisión binaria presenta taxas de crecemento exponenciais. Por exemplo, en condicións óptimas, a bacteria Escherichia coli divídese cada 20 minutos. O ADN bacteriano ten taxas de mutación elevadas. Desta maneira, a rápida reprodución bacteriana dá amplas oportunidades para que se produzan novas cepas capaces de desenvolver resistencia a antibióticos e axúdalles a proliferar nunha gran variedade de ambientes.miniatura|450px|Fisión binaria en procariotas. 1: A bacteria antes de empezar a fisión binaria, cando o seu ADN está superenrolado. 2: O ADN da bacteria replicouse. 3: O ADN é empuxado aos polos da bacteria a medida que esta incrementa o seu tamaño e se prepara para a división. 4: O crecemento dunha nova parede celular empeza a separar a bacteria. 5: A nova parede celular desenvólvese completamente, causando a división completa da bacteria. 6: As novas células fillas teñen de novo ADN superenrolado, ribosomas e plásmidos.|centro Fisión binaria en protistas A fisión binaria pode clasificarse nos protistas en diferentes tipos segundo cal sexa o plano de división, que son: Regular: Unha célula divídese simetricamente en dúas partes de igual tamaño. Tipo ameba: A división é algo irregular con respecto ao citoplasma e perpendicular respecto ao eixe do fuso. Divisións deste tipo, teñen lugar en rizópodos. Lonxitudinal: O eixe da división é lonxitudinal. Os flaxelados posúen divisións deste tipo. Transversal: Ocorre en ciliados como o Paramecium, no que o citoplasma se divide de forma perpendicular ao eixe do fuso. Oblicua: Ocorre en opalínidos, que posúen ringleiras de cilios. A división empeza sendo lonxitudinal mais logo vólvese paralela a estas ringleiras de cilios. É intermedia entre a lonxitudinal e a transversal.
Notas
Véxase tamén Outros artigos División celular Mitose Conxugación bacteriana
Categoría:Reprodución