Arnulfo de Chocques, coñecido tamén como Arnulfo de Rœux, finado en 1118, foi unha figura prominente entre o clero participante na Primeira Cruzada, e foi escollido como patriarca latino de Xerusalén en dúas ocasións, en 1099 e dende 1112 até a súa morte.

Traxectoria Até a conquista de Xerusalén Foi fillo dun sacerdote flamengo,As evidencias disto, con todo, non son concluíntes, mais a maioría dos historiadores asumen dita hipótese. C.W. David explica en "Robert Curthose, Duke of Normandy" (1920) que o papa Pascual II escribiu en 1116 aos oponentes de Arnulfo que por "dispensa apostólica" non se debía ter en conta a "mancha no seu nacemento" (C.W. David, op.cit., p.219.). e estudou baixo Lanfranco de Canterbury en Caen. Na década de 1070 Arnulfo foi preceptor de Cecilia, filla de Guillerme I de Inglaterra. Foi tamén mestre de Raúl de Caen, un dos últimos cronistas da Primeira Cruzada. Foi capelán do exército cruzado normando liderado por Roberto de Normandía, irmán de Cecilia e fillo de Guillerme. Probablemente era un dos legados papais, baixo a autoridade do legado común da cruzada Ademar de Monteil, e logo da morte de Ademar en 1098 compartiría a autoridade sobre o clero co outro legado Pedro de Narbona.

Foi un dos maiores escépticos ás afirmacións feitas por Pedro Bartolomeu de ter achado a Santa Lanza en Antioquía, e pola oposición de Arnulfo o mesmo Pedro decidiu aceptar unha ordalía de lume. A oposición de Arnulfo a Pedro enfrontouno con Raimundo de St. Gilles, que cría no relato de Pedro. Para tentar solucionar a crise entre os cruzados, Arnulfo promoveu unha estatua de Cristo que foi colocada nunha das máquinas de asedio durante o asedio de Xerusalén de 1099. Logo da captura da cidade, descubriu a Vera Cruz na Igrexa do Santo Sepulcro, que se convertería na reliquia máis venerada do Reino de Xerusalén.

Patriarca de Xerusalén Logo de que Raimundo deixara Xerusalén, o 1 de agosto de 1099, Arnulfo foi elixido Patriarca de Xerusalén. Foi apoiado por Godofredo de Bouillon, o primeiro rei de Xerusalén; e pola súa parte apoiou a decisión de Godofredo de facer de Xerusalén un reino secular no canto dun estado eclesiástico. Porén, a súa elección foi obxecto de dúbidas sobre a súa canonicidade, xa que aínda non estaba ordenado. Antes de ser ordenado, foi substituído en decembro por Dagoberto de Pisa, a quen o papa Pascual II nomeara legado. Arnulfo foi entón nomeado arcediago de Xerusalén.

En 1112 foi nomeado patriarca, e foi considerado por parte dos cregos como demasiado duro. Foi especialmente impopular entre os cristiáns ortodoxos e siríacos ao prohibir as misas en ritos non latinos no Santo Sepulcro. Foi acusado de varios crimes, como os de manter relacións sexuais cunha muller musulmá, simonía, e especialmente de ter condonado o casamento bígamo do rei Balduíno I con Adelaida del Vasto, cando a súa muller Arda de Armenia seguía viva. Foi brevemente deposto por un legado papal en 1115, mais apelou ao papa Pascual II e foi restaurado na sé en 1116, ao probar que anulara o casamento entre Balduíno e Adelasia.

Foi patriarca até o seu pasamento en 1118.

Notas Notas

Referencias

Categoría:Bispos católicos de Bélxica Categoría:Bispos católicos de Francia Categoría:Bispos católicos de Israel Categoría:Bispos católicos de Palestina Categoría:Patriarcas católicos Categoría:Finados en 1118