A Igrexa de Santa María Magdalena é unha igrexa de culto católico que hai na localidade española de Matapozuelos, pertencente á provincia de Valladolid, dentro da comunidade autónoma de Castela e León. Representa un dos máis importantes exemplos da arquitectura cincocentista da provincia de Valladolid. Domina o casco urbano desta localidade da Tierra de Pinares castelá coa súa prominente torre, coñecida popularmente na localidade como «A Xiralda de Castela».

Sufriu numerosas reformas ó longo da súa historia que modificaron en parte a súa estrutura orixinal, dando lugar a un monumento de carácter singular. Alberga no seu interior unha das máis importantes mostras da arquitectura gótica tardía da provincia, cunha bóveda que cobre o presbiterio, conservando así mesmo unha gran riqueza escultórica e pictórica nos seus retablos. Por iso recibiu a catalogación de Ben de Interese Cultural en 1998.

Contexto histórico Existen probas de poboamento humano na contorna de Matapozuelos dende tempos prehistóricos. O lugar mais significativo é o pago coñecido como "Pico", onde conflúen os ríos Adaja e Eresma (a case 5 km ó nordeste do casco urbano de Matapozuelos) e hoxe se erixe a ermida da Virxe de Sieteiglesias. Nesta área atopáronse restos celtas e romanos que confirman a existencia dun campamento militar romano no lugar (a denominada Nivaria). Na actualidade, consérvase a ponte romana sobre o Adaja do canellón entre Valdestillas e Hornillos de Eresma.

Tras a invasión musulmá da Península Ibérica, na actual Terra de Medina asentáronse grupos de bérberes dedicados á gandería ovina. Afírmase a presenza musulmá en Matapozuelos na actual paraxe de "Aladín", nas aforas sureñas da actual localidade, situándose o centro daquel poboamento en torno ó pombal de Dona Vicenta.

Propiamente, Matapozuelos aparece xa mencionado no século XIII na Crónica de Rodrigo Ximénez de Rada en relación coa batalla das Navas de Tolosa. A localidade daquela época, como o resto de vilas da súa contorna, constituía un pequeno núcleo de poboación apiñado en torno á súa igrexa románica.

A comezos do século XVI iniciouse a construción da nova igrexa de Matapozuelos . Dita obra non se completaría ata mediados do século XVIII, como testemuña a inscrición no remate da fachada barroca: «Ano 1767».

Historia miniatura|A igrexa vista dende unha das rúas da vila.

A igrexa de Santa María Magdalena é o único templo da localidade piñeira de Matapozuelos. Sitúase nun promontorio emprazado no extremo sur do casco urbano, en plena intersección entre as estradas que conectan Medina del Campo con Mojados e Matapozuelos con Olmedo, as cales forman unha glorieta na que se atopa o edificio.

A parte mais antiga do templo corresponde á cabeceira, de planta rectangular, iniciada en 1544 baixo as ordes de Diego de Segovia. En 1556, a construción da igrexa atopábase estancada, xa que aínda restaba abovedar e cubrir o recentemente construído. A bóveda de dita cabeceira garda unha gran similitude coa da igrexa de San Xoán Bautista de Santovenia de Pisuerga, a cal foi realizada por Juan de Escalante. Se ben non existe un documento que certifique a autoría das trazas da igrexa de Santa María Magdalena por parte de Escalante, si se coñece a presenza deste arquitecto na localidade para ocuparse da fábrica en 1563.

As obras das naves laterais iniciáronse en 1567, con Juan de la Vega ó cargo. Completouse desta maneira o peche dos laterais do templo, abríndose a chamada «Porta do Sol». Os carpinteiros Juan Gallegón e Pedro de Coca encargáronse da montaxe dun artesoado provisional para o cubrimento. Houberon de pasar catro anos para que os traballos proseguiran, neste caso coa construción da torre primitiva. Novamente en 1594 continuouse co proceso de edificación, esta vez da man de Francisco de la Maza e co obxectivo de expandir o templo cara a dita torre, daquela exenta. Cubriuse a estrutura en madeira e encargouse a construción do coro, pero pronto xurdiron problemas coa estabilidade da torre que obrigaron a reforzar a súa cimentación mediante un perpiaño de canteira e a reparala na súa totalidade.

A finais do primeiro terzo do século XVII planificouse un proxecto de reforma parcial da obra anterior, dirixido principalmente ó faiado de madeira das naves laterais, que habían de ser substituídas por sendas bóvedas de canón. O proxecto foi retocado en 1652 por Nicolás Bueno, quen informou sobre a necesidade de reforzar as columnas interiores para poder soportar o peso das novas bóvedas de canón que se ían realizar. Executou finalmente dous anos máis tarde e contou co beneplácito dos arquitectos Mateo Martínez, Pedro Núñez e Francisco Cillero.Ficheiro Histórico Provincial, Protocolo 10.632, f 124-135 v.º. O prezo total da obra ascendeu a 40.000 reais, pagándose a realización da decoración en xeso á parte.Ficheiro Histórico Provincial, Protocolo 10.633, 19 de marzo de 1658.

Ó termo das obras do abovedamento, constatouse a inseguridade da torre e en 1659, coa visita do representante episcopal, determinouse que a súa estrutura non podería soportar o peso de grandes campás debido á abundancia de fendas, algo que podería ocasionar o afundimento da mesma. Dito visitador episcopal ordenou o derrubamento da torre e a realización dunha nova aproveitando os materiais da anterior, pero tal orde non se cumpriu ata 1671, cando o bispado deu un ultimato á parroquia ante a ameaza de afundimento.Jesús Urrea, op.cit páx. 262.

Iniciouse entón o derrubo da torre, tratando de salvar a maior parte dos materiais para a futura construción da súa sucesora. A construción como tal iniciouse en 1681, con Manuel Cillero ó cargo da cimentación da nova torre e con Francisco de las Heras Cuervo xa en 1683 como encargado da realización do corpo. A construción durou vinte e sete anos, restando sómente o cubrimento da torre, que se realizou de maneira provisional en madeira.Jesús Urrea, op.cit pág. 263.

Transcorreron case vinte anos antes de que iniciáranse os traballos de remate do último corpo da torre. No momento que a igrexa dispuxo de suficiente diñeiro nas súas arcas, púxose en contacto co arquitecto Matías Machuca, un dos mais significativos na historia do templo matapozuelano. Machuca realizou un dobre ochavo con corredores e lanterna en apenas un ano, polo que finalizou a construción da torre. Dende os primeiros intres, iniciáronse as comparacións coa Xiralda sevillana, como constatan os versos de Nicolás de Velasco Moraleja, veciño da vila, no libro de fábrica da igrexa.

miniatura|1.Retablo maior. 2.Altar do Perpetuo Socorro. 3.Retablo da Virxe do Rosario. 4.Altar de San Xosé. 5.Altar do Neno. 6.Altar de San Antonio de Padua. 7.Altar da Virxe da O. 8.Altar do Corazón de María. 9.Altar da Virxe do Carme. 10.Retablo da Dolorosa. 11.Retablo da Purísima. 12.Altar de Santa María Magdalena (desmontado).

A.Sancristía nova. B.Fachada do mediodía. C.Baptisterio. D.Coro. E.Torre. F.Fachada principal, atrio e cruceiro. G.Sancristía vella.

A relación de Machuca co templo non rematou, se non que continuou en 1731 coa sinatura do contrato de ampliación. Machuca presentou un proxecto de ensanche que non gustou, xa que supuña o derrubo das paredes laterais da capela maior.Jesús Urrea, op.cit pág. 261. Decidiuse prescindir dos servizos de Machuca e, xa en 1742, contactouse co arquitecto medinense José Castander, quen trazou os planos para «o alongamento do coro e capela para a pía bautismal... cas bóvedas correspondentes a dita obra a que se ha de executar sobre os alicerces de pedra que... se atopan feitos e fabricados». Grazas a esta última intervención, conseguiuse unir a torre ó resto do edificio, e as últimas obras tiveron lugar en 1754, coa construción da nova sancristía por frei Antonio de Manzanares no lado da Epístola, e por último en 1767, coa inauguración da portada principal realizada integramente en pedra por Andrés Añero.Jesús Urrea, op.cit pág. 262. Urrea parece cometer una errata ó sinalar os lados, afirmando que a sacristía primitiva se atopaba no lado da Epístola cando en realidade se atopaba no lado do Evanxeo.

A comezos do século XX realizouse o adro de formigón a raíz da construción da estrada Medina del Campo-Mojados, que obrigou a desprazar o cruceiro ás proximidades da portada. Para iso, realizouse un atrio de morteiro recuberto de formigón que se mantivo sen apenas modificacións ata a actualidade.

En 1979 iniciáronse os trámites necesarios para a declaración da igrexa como Ben de Interese Cultural (BIC), proceso que se prolongou ata 1998, cando a Universidade de Valladolid en colaboración coa Real Academia de Belas Artes de San Fernando fallaron de maneira favorable para a declaración do templo como BIC en categoría de monumento. Finalmente, o 16 de xullo do mesmo ano o Decreto 144/1998 outorgaba ó templo e a súa contorna inmediata a categoría mencionada.

Descrición artística O templo pódese inscribir dentro do estilo renacentista do século XVI con reformas no XVII, aínda que incorpora solucións arquitectónicas propias do gótico, e a súa torre e portada, do século XVIII, son barrocas.Felipe Heras García, Arquitectura religiosa del siglo XVI en Valladolid, pág. 121.

O material predominante da construción é o ladrillo, que aparece en tódolos muros e bóvedas, cunha disposición e modo de emprego similares ós do estilo mudéxar. A pedra está presente en arcos e soportes, e na portada barroca que se atopa na fachada norte.

No Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz dise da igrexa:

miniatura|Fachada principal, o adro de formigón e o cruceiro.

Exterior

Fachada principal A fachada principal atópase situada na parte norte do edificio, dando acceso o templo polo lado do Evanxeo. A súa porta foi realizada segundo as trazas de Andrés Añero con perpiaños de pedra de Campaspero, Santibáñez de Valcorba, Íscar e Castrojimeno, poboacións próximas á zona, e en estilo barroco. Consta dun corpo que sobresae do resto da fachada con dous laterais de dobres columnas de orde dórica con fuste estriado sobre grandes pedestais, a porta algo mais afundida é de arco de medio punto, mostrando un escudo no lintel coa lenda soli deo honor et gloria (sómente a Deus honor e gloria), sobre este primeiro corpo e enriba dun friso con métopas e tríglifos álzase outro mais estreito que o forma unha fornela avenerada que contén a imaxe de Santa María Magdalena, realizada en pedra polo escultor Froilán Basurto. Asemade, a un e outro lado da fornela álzanse unha pilastra contigua e nos extremos do corpo unha columna exenta xónica. As decoracións no resto da portada foron executadas por Isidro Plaza. Como coroamento central da portada atópase unha cruz. Rematouse en 1767, dándose por rematada a edificación da igrexa.Jesús Urrea, op.cit pág. 262.

miniatura|Fachada do mediodía.

Fachada do mediodía Esta fachada lateral está construída cun zócolo de perpiaños rectangulares de pedra branca de Campaspero e o resto con ladrillo á vista, aprécianse no seu muro catro contrafortes e entre os dous centrais e aliñada coa entrada principal atópase a porta que da acceso dende a nave da Epístola. É unha porta sinxela con arco de medio punto construído con doelas da mesma pedra que o zócolo que discorre por toda a fachada do edificio. Péchase cunha reixa de ferro e normalmente é unha entrada que non está en uso.

miniatura|Vista da torre dende o extremo oriental do templo.

Torre Anteriormente á construción no século XVIII da torre actual do templo, existía outra, citada xa en 1571.Jesús Urrea,op.cit pág. 262. Estaría situada, de maneira exenta, ós pés da nave da Epístola, e foi calzada con cantería e reforzada na súa cimentación cara a 1595 por Francisco da Maza. Concluíuse en 1602, de mano de Toribio da Cruz, e, realizada en ladrillo, rematouse cun chapitel.