Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012,Manuel Fraga, 60 años de pasión por el poder, en El País o 15 de xaneiro de 2012. foi un político galego.
Foi profesor catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas.
Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido. Tivo as carteiras de ministro de Gobernación e vicepresidente segundo do Goberno durante o mandato de Arias Navarro. Foi un dos pais da Constitución española de 1978.
Presidiu Alianza Popular e o Partido Popular e foi o terceiro presidente da Xunta de Galicia, o que ocupou o Pazo de Raxoi durante máis anos, dende o 5 de febreiro de 1990 ata o 29 de xullo do 2005.
Traxectoria Formación e comezo da vida política A súa nai, Marie Iribarne Duboix, era unha francesa de orixe vasca. O seu pai, Manuel Fraga Bello, era un emprendedor de Vilalba que marchara á emigración a Cuba onde coñeceu a súa muller. A pesar de nacer en Vilalba, Manuel Fraga foi levado con dous anos de idade a Cuba, onde viviu ata os catro. En 1928 volveu a Vilalba, onde o seu pai será nomeado alcalde de Vilalba durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, e onde el será criado polas súas tías.
Comezou o bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, pero continuouno en Vilalba. Durante a guerra civil estivo internado nun colexio en Lugo e realizou exercicios espirituais no Mosteiro de Samos.
Estudou dereito e política ao mesmo tempo nas universidades de Santiago de Compostela (1939) e na Complutense de Madrid (1940), licenciándose das dúas en 1944. En 1945 ingresou por oposición co número un da súa promoción, no corpo de letrados das Cortes Españolas. En 1947 ingresou, tamén co número un, na Escola Diplomática. Ese mesmo ano casou con Carmen Estévez e acadou a cátedra de Dereito político na Universidade de Valencia, logo de facer unha tese sobre o xurista xesuíta Luis de Molina.
Comezou a súa carreira política durante a ditadura franquista. En 1951 foi designado secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. En 1953 ocupou a secretaría xeral do Consello Nacional de Educación e o ano seguinte a secretaría xeral técnica no Ministerio de Educación Nacional como colaborador de Joaquín Ruiz-Giménez. En paralelo continuou a súa formación e en 1953 foi nomeado catedrático de novo, desta volta de Teoría do estado e Dereito constitucional na facultade de Ciencias políticas e Económicas da Universidade Complutense de Madrid, posto que conservaría ata a súa xubilación en 1987. Logo da destitución de Ruiz Giménez, en 1956 nomeárono subdirector do Instituto de Estudos Políticos, onde deu cursos nos que se teorizaba sobre a reforma política progresiva do réxime franquistaBiografía de Manuel Fraga en Biografías y Vidas, e ao ano seguinte, en 1957 foi designado procurador en Cortes, Conselleiro Nacional, membro do Consello de Estado e Delegado Nacional de Asociacións, unha das delegacións da Secretaría Xeral do Movemento, naquela altura levada por José Solís.
Ministro de Información e Turismo En xullo de 1962 foi nomeado por Francisco Franco ministro de Información e Turismo, con competencias sobre os medios de comunicación, o turismo e a portavocía do goberno. Nese posto relanzou o turismo exterior de España baixo o slogan de Spain is different! e reestruturou e renovou a rede de Paradores. Desta época é tamén o seu baño en Palomares (1966), unha localidade almeriense onde un avión estadounidense deixara caer accidentalmente catro bombas de hidróxeno, tres en terra e unha no mar, para demostrar que o turismo na zona non entrañaba riscos. Na década dos sesenta os ingresos por turismo convertéronse no principal capítulo da economía española.
Tamén en 1966 redactou e promoveu a aprobación dunha lei de prensa, coñecida despois posteriormente como a Lei Fraga, que pretendía ser unha apertura do réxime ao eliminar a censura previa, pero que lle mantiña ao goberno a potestade de secuestrar as publicacións e castigar os seus produtores se considera os seus contidos inaxeitados, que ademais estaban definidos de forma ambiguaCASTRO TORRES, Carmen. La prensa en la transición española. 1966-1978, Alianza Editorial, Madrid, 2010, páx. 51.. A Lei de Prensa permitiu a aparición de publicacións que, se ben non abertamente críticas co réxime, non pertencían ao organigrama franquista, como Triunfo, Cuadernos para el Diálogo ou o xornal MadridCASTRO TORRES, Carmen. La prensa en la transición española. 1966-1978, Alianza Editorial, Madrid, 2010, páx. 36.. A lei, á que se opuxo internamente Luis Carrero Blanco, daquela xefe de goberno, non impediu por exemplo a dimisión de Miguel Delibes como director de El Norte de Castilla ante os intentos de control gobernativo, o secuestro do xornal ABC en 1966 ou o peche do Madrid durante catro meses de 1968.
En 1967 encargouse el tamén da redacción da Lei de liberdade relixiosa, que recoñecía a existencia doutros cultos distintos do catolicismo oficial do estado. O ano anterior, aínda que non directamente como acción do seu ministerio, colaborara na redacción do bosquexo da lei orgánica do Estado, que reestruturaba a organización do franquismo e aseguraba a monarquía como forma futura de goberno.
Como voceiro do goberno encargouse de informar da aplicación da pena de morte. Particularmente sinalado foi o caso de Julián Grimau, o máximo dirixente do PCE no interior, que foi fusilado en 1963 acusado de crimes de guerra durante a guerra civil. Como voceiro do goberno xustificou a condena, e negou as acusacións de tortura que xurdiron cando se coñeceu que durante os interrogatorios Grimau se precipitara dende unha fiestra, argumentando que o fixera o mesmo Grimau. Tamén meteu presión como ministro á familia de Enrique Ruano, que morrera tamén defenestrado durante un interrogatorio da policía, para que cesase nas súas protestas. Torcuato Luca de Tena, daquela director do ABC, confesara que Fraga tamén o presionara para publicar anotacións manipuladas do diario íntimo de Ruano para que se vise que era unha persoa inestable, propensa ao suicidioJUNQUERA, Natalia. "No se tiró, lo mataron", El País, 17/1/2009.. Tamén foi o responsable, en 1968, de comunicarlle á prensa o decreto de estado de excepción.
Desde finais de 1963 e durante todo 1964, Fraga dirixiu unha campaña de publicidade institucional denominada «Vinte e cinco anos de paz», coa que o goberno pretendía mellorar a imaxe do réxime no interiorDE RIQUER, Borja. La dictadura de Franco (vol. 9 de Josep Fontana e Ramón Villares (directores), Historia de España), Crítica / Marcial Pons, Barcelona, 2010, páx. 483..
Fraga foi considerado, canda José Solís Ruiz, o representante do sector máis reformista do franquismo partidario de realizar pequenas reformas institucionais, que adecuasen a ditadura ao que os cambios económicos e sociais esixíanDE RIQUER, Borja. La dictadura de Franco (vol. 9 de Josep Fontana e Ramón Villares (directores), Historia de España), Crítica / Marcial Pons, Barcelona, 2010, páx. 488-89.. Cando estoura o caso Matesa, que implica a diversos membros do Opus Dei que formaban parte do goberno, Fraga, oposto a ese sector, difunde as novas"Fraga amanecía más temprano", Miguel Ángel Aguilar, El País, 15/1/2012.. Como consecuencia, Franco destitúe os responsables do caso Matesa, pero tamén a Fraga, que abandona o goberno.
Embaixador e vicepresidente durante a transición Así pois, a finais de 1969 abandona temporalmente a política e ocupa o posto de director xeral da fábrica de Cervexas El Águila.
En 1973 regresa á primeira liña política. En primeiro lugar, vai na terna que o Consello do Reino lle presenta a Franco, para que este designe presidente de goberno, xunto con Luis Carrero Blanco e Raimundo Fernández-Cuesta, de onde sae elixido Carrero. En segundo lugar é nomeado ese mesmo ano embaixador en Londres, posición dende onde avoga pola reforma política paulatina, e onde coincide con Fernando Morán, cónsul xeral que logo sería ministro do PSOE. Nese tempo fúndase GODSA, unha sociedade anónima que funcionaba como cobertura legal dun club político, prohibido pola lexislación da época, e que reunía a persoas vencelladas ao reformismo conservador e entre eles Fraga.
En decembro de 1975, finado Franco, foi nomeado vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación do primeiro goberno da monarquía, o dirixido por Carlos Arias Navarro, co que volve de Londres e establécese en Madrid. Como ministro encárgase da seguridade e de realizar algúns avances na apertura democrática do réxime durante a transición española. Así, mentres lle negaba o permiso de manifestación á oposición o Día Internacional dos Traballadores de 1976 ou declaraba que non podía garantir a seguridade da comunista Dolores Ibárruri se regresaba do exilioGALLEGO, I.. Desarrollo del Partido Comunista, París, Colección Ebro, 1976, pp. 18, 272., permitía a celebración do XXX Congreso de UXT, na que Nicolás Redondo era elixido secretario xeral, mantiña reunións con líderes do PSOE, como Felipe González, e proclamaba unha primeira, pero reducida, amnistía. O 19 de xuño de 1976, o xornalista Cyrus Sulzberger publica no New York Times unhas declaracións privadas de Fraga nas que este lle manifestaba a necesidade de legalizar o Partido Comunista tras unhas primeiras eleccións democráticas, o que lle valeu as críticas dos sectores inmobilistas do réxime.
Tamén foi Fraga ministro do Interior durante os sucesos de Vitoria-Gasteiz. Mentres o ministro estaba en Alemaña, a policía cargou contra un grupo de obreiros reunidos nunha asemblea na Igrexa de San Francisco desa cidade vasca, co resultado de cinco mortos (dous no momento e tres ao longo dos meses seguintes como consecuencia das feridas). Os feitos non foron investigados nin xulgados. Do mesmo xeito, e só dous meses despois, teñen lugar os sucesos de Montejurra, unha localidade navarra que acollía unha romaría de carlistas. Os carlistas, naquela altura unha das forzas de oposición ao réxime e membro da Xunta Democrática, vense atacados por un grupo de carlistas de ultradereita e outros ultradereitistas españois e estranxeiros. O ataque saldouse co asasinato por arma de fogo de dous carlistas progresistas. Segundo o xeneral da Garda Civil José Antonio Sáenz de Santa María, o ataque fora coñecido e mesmo promovido polo goberno, e en concreto por Manuel Fraga e Carlos Arias Navarro, que tentaban que o carlismo regresase ao sector tradicionalista de ultradereitaCARCEDO, D. Sáenz de Santa María. El general que cambió de bando. Madrid: Temas de Hoy. pp. 148-155..
Considerado do sector máis aperturista do goberno, xunto ao ministro de Exteriores, José María de Areilza, cando cae o goberno e Arias Navarro e substituído por Adolfo Suárez, Fraga é apartado e non figura como ministro.
Creación e primeiros anos de Alianza Popular miniatura|Fraga nun acto electoral durante a transición española. En 1976 funda Reforma Democrática, partidario de avanzar cara a un sistema democrático e de autonomías rexionais sen unha ruptura coa legalidade vixente.