NAO foi un grupo galego de música rock orixinario da Estrada, Pontevedra. Estivo activo de 2005 a 2019, tempo no que editou catro álbums de estudio ademais de tres EPs. As letras das súas cancións caracterízanse polo compromiso político e a crítica social.
Traxectoria Foi creado en 2005 na Estrada por músicos que se coñecían doutros grupos como Xenreira ou Fusquenlha. Os seus primeiros integrantes eran Pablo Carracedo "Jasper" (guitarra), Xavi Castro "Xavinho" (voz), Gustavo Brea (guitarra), Xosé Maceira "Maki" (baixo) e Ramón (batería). Con esta primeira formación deron o seu primeiro concerto no Centro Social A Revolta do Berbés, en Vigo, e gravaron dúas maquetas en 2006: Usa a palabra e Somos NAO. En 2007 Maceira deixou o grupo e entrou no seu lugar Paul Zervero. En novembro dese ano editaron o seu primeiro álbum, As palabras espidas, nos Estudios Garate de Andoain, co produtor vasco Kaki Arkarazo. O disco incluía unha canción co poema de Rosalía de Castro "A xustiza pola man" na que a voz feminina corría a cargo de Patty Castro, fundadora e coordinadora do proxecto Mulleres Galegas Kañeras (MGK). Pouco despois Xavi deixou o grupo, e Jasper, guitarrista e compositor da maioría de temas, comezou tamén a cantar.
No 2010, lanzaron o seu segundo álbum, Coas túas mans, que foi autoeditado. A finais de 2012 comezaron un proxecto de mecenado para publicar o seu terceiro traballo, Cancións de amor e liberdade, que tamén foi autoeditado e que viu a luz o 26 de febreiro de 2013. Dende ese disco o batería do grupo pasou a ser Xosé Ramón Iglesias "Amós".
No 2014 publicaron Cartas no caderno, un EP que presentaron en abril. Tratábanse de cinco temas, sendo un deles de produción propia e que deu nome ao disco, e os outros catro versións de temas doutros artistas: "Acción galega" de Xenreira (sobre un poema de Ramón Cabanillas, convertido en himno de Acción Gallega), "Os vampiros" de Zeca Afonso, "Je veux" de Zaz e "Como o vento" de Sétima Legiâo. Tamén ese ano o grupo fíxose co galardón da categoría Metal na segunda edición dos Premios Martín Codax da Música.
No 2015, puxeron música á campaña de Nós - Candidatura Galega para as Eleccións xerais de España de 2015 coa canción “Nós, porque este soño é necesario para un soño” en colaboración con Mini e Navia Rivas. Ese mesmo ano anunciaron a futura disolución do grupo, que se faría efectiva tras a publicación dunha triloxía de discos.
No 2016 entrou Torroncho como baixista no lugar de Anxelo, que substituíra anteriormente a Paul, e lanzaron un dobre EP cos títulos Soñar e Crear. O primeiro foi gravado en Pousada Son, con Iago Pico como produtor, mentres que o segundo se gravou en Andoain. Presentouse na Sala Capitol de Santiago, con Monoulios DOP e Poetarras como abreconcertos.miniatura|dereita|thumbtime=3|"Heroes da resistencia"En xuño de 2018 lanzaron dous sinxelos, "O brazo armado" e "Cultura crítica" (este último contou coa colaboración das Tanxugueiras e de SonDaRúa), e en novembro saíu á luz Ata que o lume se apague, o seu derradeiro disco, co que iniciaron a súa xira de despedida. No 2019 foron galardoados por segunda vez co Premio Martín Códax da Música na categoría Metal.
O 7 de decembro de 2019 deron o seu último concerto diante de dous milleiros de persoas no Recinto Feiral de Amio, en Santiago de Compostela, poñendo fin a 14 de anos de traxectoria. SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo e Odolaren Mintzoa actuaron como abreconcertos.
Membros Pablo Carracedo "Jasper": Guitarra e voz Gustavo Brea "Gus": Guitarra Antón Fernández "Torroncho": Baixo X. Ramón Iglesias "Amós": Batería
miniatura|dereita|Actuación no Festival A Candeloria 2016 (Lugo) Discografía Álbums de estudio Usa a palabra (2006). Maqueta. Somos NAO (2006). Maqueta. As palabras espidas (2007) Coas túas mans (2009) Cancións de amor e liberdade (2013) Ata que o lume se apague (2018).
EPs Cartas no caderno (2014) Soñar (2016) Crear (2016)
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Dakidarría Rebeliom do Inframundo SonDaRúa
Ligazóns externas Páxina web oficial
Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais de hard rock Categoría:Grupos musicais formados en 2005 Categoría:Grupos musicais separados en 2019 Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos de rock en galego