thumb| Porphyrio porphyrio O camón mediterráneo é unha ave do xénero Porphyrio.
Características Trátase dunha ave cunha lonxitude duns 40-50 centímetros. A súa plumaxe é azul escuro, sendo máis claro na gorxa, pescozo e peito. O peteiro é grande e vermello, estendéndose ata a testa. As patas son vermellas e de longos dedos. As ás infracobertoiras caudais son brancas. Trátase dunha ave ligada a zonas pantanosas e lagoas, preferiblemente con matogueiras e canavais densos e abundantes. Con capacidade para nadar, o seu voo é rápido con abundantes movementos das ás.
Taxonomía O xénero porphyrio ten provocado diversos debates. A maior parte das diferenzas radican en diverxencias de tamaño ou cor, de escaso valor debido a notable variabilidade de individuos entre poboacións próximas. De feito, o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid conservan dous individuos de principios de século procedentes da albufera de Valencia que pertencen a subespecie africana. Un traballo recente baseado en análises xenéticas ten mostrado que a subespecie ibérica ten un forte parentesco coa subespecie do sueste de Asia (indicus), estando moi afastado das subescies máis próximas poliocephalus ou seistanicus.
Subespecies A complicada xenealoxía dos camóns ten sido explicada por unha orixe parafilética. É dicir, resultado de múltiples eventos de colonización, seguramente da man do home, sobre grandes distancias, dando lugar a diferentes subespecies con diversos graos de parentesco e provocando a extinción doutras. De acordo a algúns autores teñen existido ata 18 subespecies de camóns, catro delas consideradas extinguidas. As subespecies extinguidas foron p. mantelli (propia do norte de Nova Zelandia), p. kukwiedi (propia de Nova Caledonia), p. paepae (propia das Illas Marquesas) e a p. mcnabi (propia das Illas da Sociedade). Xeograficamente as dúas subespecies catalogadas máis próximas á subespecie ibérica porphyrio son: a subespecie madagascariensis caracterizada polo dorso e ás verdosas e a subespecie poliocephalus cuxa cabeza é agrisada en vez de azul.
Distribución Na época romana era unha ave frecuente no eido mediterráneo. Así o testemuñan os múltiples mosaicos e xacementos onde se representa a ave. O contexto das representación suxiren que a especie foi domesticada, cun uso puramente ornamental. Ademais diversos autores clásicos coma Diodoro Sículo, Plinio o Vello ou Alexandre de Mindo afirmaban que a especie fóra introducida. Tese refrendada pola ausencia de restos fósiles da especie no mar Mediterráneo. Entre os séculos XVII ata o XIX a especie volveu ser completamente salvaxe, entrando en perigo de extinción no século XX. Para evitar a súa desaparición, leváronse a cabo programas de reintrodución en Portugal, España e Italia. Hoxe en día a subespecie porphyrio distribúese polas zonas húmidas da metade sur da Península Ibérica e está presente nas Baleares, Sardeña e Tunisia. A subespecie madagascariensis distribúese por Exipto, mentres que a poliocephalus atópase localmente en Turquía, mar Caspio e os vales do Éufrates e Tigris.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Lars Svensson, Killian Mullarney, Dan Zetterstïons: Guía de Aves: España, Europa y Región Mediterránea. Ediciones Omega.
Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Aves de Eurasia