O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é un partido político de esquerda da comunidade autónoma de Galicia, fundado en 1982 como unha fronte unitaria integrada por diversas organizacións nacionalistas galegas co obxectivo de promover a soberanía e a autodeterminación da nación galega.
O partido xurdiu da unión de pequenos grupos nacionalistas durante a transición española á democracia. Nun primeiro momento obtivo resultados electorais modestos, pero foi incrementando progresivamente o seu apoio grazas á súa defensa dos intereses de Galicia fronte ao que consideraba unha explotación económica e unha marxinación cultural por parte do Estado español. Figuras históricas como Xosé Manuel Beiras marcaron a súa orientación inicial, centrada na construción dunha ampla fronte patriótica que combina o nacionalismo con políticas progresistas en materia de xustiza social, protección ambiental e defensa dos dereitos lingüísticos da lingua galega.
Desde o punto de vista ideolóxico, o BNG preséntase como defensor da soberanía nacional de Galicia, entendendo o nacionalismo como unha resposta democrática ás dependencias históricas. Defende unha ampliación do autogoberno, cando non a independencia plena, ao tempo que se opón ás políticas económicas liberais e prioriza o desenvolvemento rural, os servizos públicos e a preservación da cultura galega. Baixo a dirección da actual portavoz nacional, Ana Pontón, o partido moderou parte da súa retórica para atraer un electorado máis amplo, o que contribuíu ao seu ascenso electoral.
Entre os seus logros máis destacados figura o avance experimentado nas eleccións máis recentes, culminando nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, nas que obtivo un resultado histórico de 25 escanos e máis do 31% dos votos, consolidándose como a principal forza da oposición ao Partido Popular, malia que este conservou a maioría absoluta. Este crecemento reflicte unha mudanza estratéxica cara a propostas de goberno máis pragmáticas, aínda que o partido continúa atopando dificultades para converter o seu apoio electoral en acceso ao poder executivo debido ao panorama político tradicionalmente conservador de Galicia.
Historia
Orixes e formación esquerda|miniatura|A UPG e o PSG crearon en 1975 a Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG) organización antecesora do BNG. Nos anos 60 fúndase a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), partidos nacionalistas de carácter comunista e socialista. No ano 1975 fúndase a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), fronte impulsada pola UPG como plataforma de mobilización social e base para o futuro establecemento dunha candidatura electoral nacionalista. No ano 1977 a UPG e a AN-PG constituíron o Bloque Nacional Popular Galego (BNPG) que concorreu ás eleccións.
En outubro de 1981 celebrouse a primeira convocatoria para elixir o Parlamento de Galicia. Estas eleccións gañounas Alianza Popular e os partidos nacionalistas galegos acadaron un discreto resultado, o BNPG en coalición co PSG conseguiu tres escanos: Bautista Álvarez, Lois Diéguez Vázquez e Claudio López Garrido. Os tres foron expulsados da cámara por negárense a prestar xuramento á Constitución española de 1978, con carácter retroactivo, pois xa levaban varios meses exercendo o seu labor como representantes nacionalistas.
A UPG e a AN-PG acordaron a comezos de 1982 reformular o proxecto formando unha fronte nacionalista que abranguese a maior amplitude posíbel, con diversas tendencias no seu interior. A primeira xuntanza celebrouse o 15 de maio e nela participaron AN-PG, UPG, PSG, Galicia Ceibe (OLN), Asamblea de Nacionalistas Galegos, Colectivo Libertario Arco da Vella e independentes de Santiago e A Coruña que subscribiron un chamamento para a unidade do nacionalismo baixo os principios do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e do dereito de autodeterminación, do antiimperialismo, do autogoberno, da autoorganización e do pluralismo e a democracia interna e que levará á constitución dunha Comisión Xestora Nacional de 22 membros na que ademais dos grupos que participaran na xuntanza anterior están a ERGA e independentes de Vigo e o Condado, posteriormente integrouse Avance Nacionalista, formado por independentes da Coruña.
No seo da Comisión Xestora, as diferentes forzas presentaban as súas alternativas. O PSG dálle grande importancia á unidade do sindicalismo nacionalista e á participación nas institucións. Galicia Ceibe pola contra defende o boicot activo ás eleccións e a ruptura democrática. Avance Nacionalista propón que a nova organización rexeite todas as leis e procure a independencia nacional como única forma de dar sentido á soberanía. Nunha xuntanza celebrada o 27 de xuño apróbase o programa político da organización, defínese como unha organización nacionalista que non explicita a independencia, aínda que ve a creación dun Estado propio como algo preciso; a nova organización debe buscar a compatibilidade da vía institucional coa mobilización social na defensa dos intereses nacionais e populares. En posteriores xuntanzas establécense asembleas territoriais nas que se discutiu o documento aprobado antes da celebración da Asemblea fundacional. O 11 de xullo, a Asemblea de Nacionalistas Galegos decide retirarse da Comisión Xestora por considerar que a nova fronte estaba ao servizo dos partidos e pola falta dun programa político mínimo, con todo, os seus militantes continuaron a traballar a título individual na creación da nova organización.
I Asemblea Nacional esquerda|miniatura|Vista actual do estadio de Riazor. No frontón do estadio celebrouse en 1982 a asemblea fundacional do BNG. O 25 e 26 de setembro de 1982 tivo lugar no Frontón Municipal de Riazor da Coruña a Asemblea fundacional da nova fronte, previa desaparición do BNPG; esta nova forza preténdese interclasista, polo que se rexeita que o seu obxectivo final sexa unha sociedade socialista e a adopción da bandeira vermella, e asúmese a de Galiza coa estrela dos cinco cabos. O nome que resulta elixido para a nova organización é o de Bloque Nacionalista Galego, agrupando á AN-PG (que deixará de actuar tras esta Asemblea), á UPG, ao PSG e a outros colectivos independentes, xa que Galicia Ceibe decide deixar a organización ao decidirse na Asemblea Constituínte que o BNG participe nas eleccións, e o Colectivo Arco da Vella tamén a abandona por non estar conforme co nome elixido.
Nas eleccións xerais de 1982 a coalición Bloque-PSG tivo 38.522 votos, estes resultados electorais levaron a un debate interno no seo do PSG, o que leva a celebración dun Congreso extraordinario en xaneiro de 1983 no que se decide abandonar o BNG, mais un nutrido grupo de militantes do PSG segue no BNG co nome de Colectivo Socialista (CS). O PSG fusionaríase con Esquerda Galega (EG).
En abril dese mesmo ano celebráranse eleccións locais, as primeiras ás que concorría o BNG, obtendo 50.491 votos e 117 concelleiros/as.
II Asemblea Nacional En decembro de 1984 tivo lugar a II Asemblea Nacional en Santiago de Compostela. Nela definiuse a posición do BNG en aspectos fundamentais do seu proxecto político como o ecoloxismo, o feminismo, o ensino, a lingua ou a cultura.
Ao longo dese ano o BNG desenvolveu unha inxente actividade contra o desmantelamento industrial provocado pola política de "reconversión", participando activamente nas tres folgas xerais que teñen lugar en Galiza. Asemade, desenvolveu accións de protesta contra o que consideraba a apropiación e manipulación dos restos mortais de Castelao, recibindo como resposta unha dura represión policial. O recordo do político nacionalista foi o motivo do Día da Patria Galega, xornada na que o nacionalismo volveu acceder ao recinto histórico de Compostela despois de anos de prohibición.
Nas eleccións autonómicas de 1985 o BNG só acada un escano, o do portavoz nacional e candidato Xosé Manuel Beiras, mentres que Coalición Galega consegue 11 escanos, e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega gaña 3 escanos. As eleccións vólveas gañar Alianza Popular baixo o nome de Coalición Popular de Galicia.
Asemblea Nacional Extraordinaria de 1985 miniatura|180x180px|Xosé Manuel Beiras foi o único representante do bloque no parlamento galego en 1985. Os resultados electorais culminaron unha etapa de debate interno que desembocou na celebración dunha Asemblea Extraordinaria en Santiago o 15 de decembro, na que o BNG rectificou a súa táctica política a respecto da esixencia regulamentaria de acatar a Constitución para acceder ao Parlamento. Esta rectificación converteuse nun paso fundamental para o desenvolvemento do BNG no seu obxectivo de defender os intereses de Galiza.
En 1986 a UPG ten unha escisión, creándose o Colectivo 22 de marzo que deu orixe á formación en xullo do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), de carácter independentista e comunista. O BNG ten de escoller a dirección política a tomar e escolle un camiño máis moderado. O BNG, liderado por Beiras desradicalízase para tentar gañar máis votos. Na terceira asemblea, o Partido Comunista de Liberación Nacional (que despois formará a Frente Popular Galega (FPG)) é expulsado da fronte por apoiar a Herri Batasuna.
Ese mesmo ano, tería lugar en marzo o referendo sobre a permanencia de España na OTAN, no que o BNG fixo campaña a favor do non. Nas eleccións ás Cortes españolas de xuño acadaríase a cifra de 27 049 votos. Ante os actos oficiais de celebración do cincuentenario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, respondeu con actos e mobilizacións a favor do dereito á autodeterminación ante o que o BNG consideraba unha manipulación dos feitos.
III Asemblea Nacional esquerda|miniatura|En 1988 nace Galiza Nova, organización xuvenil do BNG. Nos días 7 e 8 de febreiro de 1987 tivo lugar no Carballiño a III Asemblea Nacional. A militancia aprobou os mecanismos que permitirían a actualización das tácticas e das formas de traballo político iniciando o proceso de apertura da Fronte á sociedade galega. No marco dos actos da Mesa pola Normalización Lingüística en defensa do idioma galego foi presentada unha nova imaxe corporativa.
Ante as eleccións ao Parlamento Europeo de 1987, acreditou na necesidade de configurar unha candidatura nacionalista unitaria para levar a voz de Galiza a Europa. As conversas entre as formacións nacionalistas non frutificaron, quedando o BNG como a única candidatura galega. No contexto das eleccións europeas o PCLN situárase fóra do BNG pola decisión de apoiar a candidatura de Herri Batasuna, vulnerando os acordos do Consello Nacional. En xuño celebráronse conxuntamente as eleccións europeas e municipais, o BNG obtivo 53 116 votos nas primeiras e 61 256 e 139 concelleiros/as nas segundas. Con estes resultados, converteuse na primeira organización nacionalista en número de votos.
Ante a crise que atravesaban as institucións galegas, o BNG presentara en setembro dese mesmo ano un Proxecto de Lei de medidas urxentes para o desenvolvemento económico, político, social e cultural de Galiza. Este proxecto, coñecido como Lei de Bases, configuraríase na estrutura sobre a que se habería edificar o programa do Bloque no marco político vixente daquela.
En xullo de 1988 créase a organización xuvenil nacionalista Galiza Nova, que pasaría a integrarse no BNG. A celebración do 25 de xullo tería lugar este ano co slogan "Proxecto común", que sintetizaba a liña de renovación e integración impulsada pola III Asemblea Nacional. Ante a vaga de lumes que asolagaba Galiza ese ano, o BNG impulsou, xunto con diversas asociacións e colectivos ecoloxistas, a primeira iniciativa lexislativa popular que xorde en Galiza co obxecto de defender o patrimonio forestal galego.
IV Asemblea Nacional miniatura|203x203px|Bautista Álvarez, secretario xeral da UPG, regresou ao parlamento galego en 1989, despois de súa expulsión do mesmo en 1982