Jonás Manuel Gutiérrez, nado en Sáenz Peña (Gran Buenos Aires) o 5 de xullo de 1983, é un futbolista arxentino, que xoga de centrocampista no Club Social y Deportivo Las Toninas, da liga do partido de La Costa. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no fútbol europeo, destacando especialmente nas filas do Mallorca e o Newcastle. No conxunto inglés disputou 205 partidos, nos que marcou 12 goles e repartiu 27 asistencias.
Foi 22 veces internacional coa selección arxentina, coa que disputou o Mundial de 2010 en Suráfrica.
Traxectoria
Vélez Sársfield Naceu en Sáenz Peña, no partido de Tres de Febrero da provincia de Buenos Aires, sendo fillo de Ricardo Gutiérrez e Mónica Montore. Antes de cumprir os dous anos sufriu a parálise da parte esquerda do seu corpo e trala recomendación médica de realizar deporte, súa nai apuntouno a unha escola de fútbol para nenos de tres anos.
Anos máis tarde ingresou na canteira do Vélez Sársfield, debutando co primeiro equipo na Primeira División en 2001. Militou catro tempadas no primeiro equipo, co que disputou ademais do torneo de liga a Copa Mercosur, a Copa Libertadores e a Copa Suramericana. Durante esta época comezou a estudar a carreira de Paleontoloxía na Universidade Nacional de La Plata.
Na súa última campaña en Vélez proclamouse campión do Torneo Clausura en 2005, sendo titular indiscutible no conxunto adestrado por Miguel Ángel Russo.
Mallorca As súas boas actuacións no seu país natal abríronlle as portas do fútbol europeo e en agosto de 2005 asinou como novo xogador do Mallorca, da Primeira División española, conxunto adestrado polo tamén arxentino Héctor Cúper. Debutou na máxima categoría do fútbol español na sétima xornada, nun partido ante o Racing de Santander en Son Moix e axiña se asentou na titularidade, disputando dende o once inicial case todos os partidos restantes, ademais de sumar dous goles contra o Betis e o Atlético de Madrid. O equipo balear ocupou os postos baixos da clasificación durante toda a campaña, chegando a ir na última posición entre as xornadas 22 e 23, momento no que Cúper foi substituído por Gregorio Manzano, pero acabou a liga na 13ª posición.
Na súa primeira campaña no Mallorca coincidiu cos tamén arxentinos Pereyra, Maciel, Peralta, Tuzzio e Pisculichi, sumándose na seguinte tempada Ibagaza, Maxi López e Trejo. Continuou como unha peza clave do conxunto de Manzano na súa segunda tempada, ata o punto de converterse no xogador máis destacado do equipo. Disputou un total de 38 partidos, nos que marcou 3 goles, contribuíndo a conseguir a permanencia de xeito máis sinxelo que o ano anterior. Nun encontro diante de Osasuna, no que marcou o segundo gol do seu equipo, celebrou a anotación colocando unha máscara de Spider-Man, celebración que repetiría en numerosas ocasións ao longo da súa carreira.
Na tempada 2007/08 incorporáronse outros dous xogadores arxentinos (Lux e Scaloni) e o andaluz Dani Güiza, cuxos goles levaron o Mallorca ata a sétima praza da liga, o seu mellor resultado en sete anos. Foi a última tempada de Jonás Gutiérrez no club, etapa que se pechou cun total de 104 partidos e 5 goles.
En xuño de 2008 rescindiu unilateralmente o seu contrato co Mallorca, acolléndose ao artigo 17 da FIFA, que permitía que calquera xogador de entre 25 e 28 anos e que levase polo menos tres anos nun mesmo club podía deixalo unilateralmente. A continuación asinou polo Newcastle inglés, club que case un ano despois tivo que pagar 2,6 millóns de euros ao Mallorca en concepto de indemnización, trala denuncia da entidade insular.
Newcastle Vestiu por primeira vez a camiseta do Newcastle o 17 de agosto de 2008, na primeira xornada da Premier League contra o Manchester United en Old Trafford, realizando un brillante partido e contribuíndo a lograr un empate ante o vixente campión de liga. Disputou un total de 33 partidos oficiais durante a súa primeira campaña en Inglaterra, na que sufriu o descenso do seu equipo ao Championship.
Trala saída do extremo zurdo Damien Duff do club de Newcastle upon Tyne, Jonás Gutiérrez abandonou a súa posición habitual na banda dereita e pasou a xogar como extremo esquerdo, formando un efectivo flanco xunto ao valenciano José Enrique. O 7 de novembro de 2009 marcou o seu primeiro gol no fútbol inglés, nun partido de liga contra o Peterborough, despois de percorrer medio campo co balón e zafarse de catro defensores rivais. Sumou outros tres goles ao longo da tempada, así como oito asistencias, e foi elixido mellor da liga no mes de abril, axudando así ao equipo a se proclamar campión da categoría e regresar á Premier un só ano despois do seu descenso.
Na tempada 2010/11 sumou 37 partidos na Premier League, con tres goles e cinco asistencias, e en setembro de 2011 renovou o seu contrato por catro anos máis. Na 2011/12 pasou a xogar máis habitualmente no centro do campo, mantendo o seu bo nivel, e o equipo acadou o quinto posto en liga, clasificándose para a Europa League. Na seguinte campaña debutou en competición europea, chegando ata os cuartos de final, onde caeu ante o Benfica.
Cancro e cesión ao Norwich City Ao remate da tempada 2012/13 foille detectado un cancro testicular, do que foi operado na Arxentina. Ao seu regreso ao club, non contou para o adestrador Alan Pardew, polo que en xaneiro saíu cedido ao Norwich City, onde se reencontrou co seu antigo técnico Chris Hughton. Con todo, unha lesión muscular, así como a destitución de Hughton, limitaron a catro partidos o seu paso polo club de Norfolk.
Regreso ao Newcastle Tras xogar varios partidos co equipo sub-21, en febreiro de 2015 regresou ás convocatorias do primeiro equipo. Reapareceu sobre o céspede o 4 de marzo de 2015, nun partido de liga ante o Manchester United. Saltou ao terreo de xogo no minuto 65 como substituto de Ryan Taylor, sendo ovacionado polo público de St James' Park, e Fabricio Coloccini cedeulle inesperadamente o brazalete de capitán. Na última xornada de liga contra o West Ham converteuse no heroe do equipo, dando unha asistencia no primeiro gol e marcando el mesmo o segundo para o 2-0 final co que o Newcastle asinou a permanencia na máxima categoría. A pesar do seu papel na salvación do club e do seu status de lenda, a directiva decidiu non renovar o seu contrato.
Deportivo da Coruña O 4 de setembro de 2015 foi presentado polo Deportivo da Coruña, co que firmou por unha tempada. Debutou co club galego na Primeira División na sétima xornada de liga ante o Granada, substituíndo na segunda metade ao uruguaio Jonathan Rodríguez. Entrou rapidamente nos plans de Víctor Sánchez del Amo, pero unha lesión en novembro cortou a súa progresión. Trala súa recuperación, o técnico preferiu a outros xogadores, polo que pechou o seu paso polo Deportivo con 15 partidos en liga e só tres titularidades (ademais de dúas na Copa do Rei).
Defensa y Justicia (1ª etapa) En setembro de 2016 regresou ao fútbol arxentino 11 anos despois, asinando como novo xogador do Defensa y Justicia. No club de Florencio Varela estivo ás ordes de Ariel Holan primeiro e Sebastián Beccacece despois, sendo titular habitual para ambos. Disputou 26 partidos de liga na tempada 2016/17, aos que sumou tres máis na Copa Suramericana.
Independiente En xullo de 2017 trasladouse a Avellaneda, seguindo os pasos do adestrador Ariel Holan, e fichou por Independiente. O equipo proclamouse uns meses despois campión da Copa Suramericana, pero Jonás Gutiérrez non puido disputar ningún minuto, ao ter xa participado nesa mesma edición do torneo co seu anterior club. Si xogou no campionato de liga, no que sumou 20 partidos, así como unha breve aparición na Copa Libertadores de 2018.
Defensa y Justicia (2ª etapa) Para a tempada 2018/19 o corpo técnico do Independiente non contou cos seus servizos, polo que rescindiu o seu contrato co club e en xullo de 2018 regresou ao Defensa y Justicia. Con todo, pouco despois da súa chegada sufriu a rotura do tendón rotuliano do seu xeonllo esquerdo, o que o afastou varios meses dos terreos de xogo. Puido disputar só seis partidos co equipo de Florencio Varela (dous na liga, tres na Copa Suramericana e un na Copa Arxentina).
Banfield En xuño de 2019 fichou por Banfield, onde se fixo coa titularidade. Con todo, despois de só oito partidos, nun encontro ante Unión de Santa Fe no Florencio Sola sufriu unha segunda rotura do tendón rotuliano, quedando na estacada varios meses. A pesar da súa lesión, o seu contrato foi renovado para unha segunda tempada. Disputou un total de 21 encontros coa camiseta de Banfield, proclamándose subcampión da Copa Diego Armando Maradona, aínda que quedou no banco na final contra o Boca Juniors no estadio San Juan del Bicentenario.
Almagro En xullo de 2021 fichou polo Club Almagro de José Ingenieros, da Primeira Nacional, xogando así por primeira vez na súa carreira na segunda categoría do fútbol arxentino. Xogou sete partidos con este equipo, o último deles Ferro Carril Oeste, e a continuación anunciou a súa retirada do fútbol, aos 38 anos de idade.
Las Toninas En xaneiro de 2025, máis de tres anos despois de anunciar a súa retirada, volveu aos campos de fútbol como novo xogador do Club Social y Deportivo Las Toninas, da liga do partido de La Costa.
Selección arxentina Foi internacional coa selección arxentina sub-20, coa que se proclamou vencedor do Campionato Suramericano Sub-20 de 2003 no Uruguai. O 7 de febreiro de 2007 debutou coa selección absoluta nun partido amigable contra Francia no Stade de France, no que Alfio Basile o colocou como titular. Durante os seguintes anos sumou máis partidos internacionais, nos que xogou en ocasións como lateral dereito, debido ás presenzas no equipo de extremos como Lionel Messi, Maxi Rodríguez ou Ángel Di María.
Foi convocado polo seleccionador e mito do fútbol arxentino Diego Armando Maradona para o Mundial de 2010, onde ocupou o lugar de Javier Zanetti no lateral dereito. Foi titular nos dous primeiros partidos, contra Nixeria e Corea do Sur, recibindo un cartón amarelo en cada un, polo que perdeu o terceiro encontro ante Grecia, onde o seu posto foi ocupado por Nicolás Burdisso. Outro Nicolás, Otamendi, foi o lateral dereito titular nos oitavos de final contra México, entrando Jonás Gutiérrez nos minutos finais como substituto de Ángel Di María. Non participou nos cuartos de final, onde o seu equipo caeu goleado por 4-0 pola Alemaña de Joachim Löw.
Palmarés Vélez Sársfield Primeira División da Arxentina (1): Torneo Clausura 2001.
Newcastle Championship (1): 2009/10.
Independiente Copa Suramericana (1): 2017.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial do xogador Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados na provincia de Buenos Aires Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Vélez Sarsfield Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Newcastle United FC Categoría:Xogadores do Norwich City FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Defensa y Justicia Categoría:Xogadores do CA Independiente Categoría:Xogadores do CA Banfield Categoría:Xogadores do Club Almagro Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2010