A dos crisoclóridos (Chrysochloridae) é unha familia de mamíferos placentarios afrosorícidos,Chrysochloridae en MSW. a única da suborde dos crisoclorideos (Chrysochloridea).Chrysochloridea en MSW.
Trátase de pequenos insectívoros escavadores que, debido ao seu comportamento subterráneo e da súa discreción, pasaron despercibidos durante moito tempo para os zoólogos.
Actualmente coñécense unha vintena de especies que habitan no sur de África incuídos os desertos de Namibia e do Kalahari, e que son coñecidas vulgarmente na bibliografía internacional como toupas douradas.Castelán, topos dorados; portugués, toupeiras-douradas; francés, taupes dorées; italiano, talpe dorate; inglés, golden moles; alemán, Goldmulle.
Porén, taxonomicamente son distintos das auténticas toupas,Bronner, G. N. & Jenkins, P. D. (2005): "Order Afrosoricida" en: Wilson D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World, 3rd ed. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0, pp. 71–81. ás que se asemellan debido a un fenómeno de converxencia evolutiva.
Por outra parte, as toupas douradas presentan unha notábel semellanza coas toupas marsupiais de Australia, tan importante que, a pesar da separación marsupial-placentario, antigamente se cría que estaban relacionados. Esta semellanza posibelmente é debida a que os crisoclóridos son placentarios moi primitivos e a que teñen hábitos similares aos dos notorictemorfos.
Características As toupas douradas viven case todo o tempo exclusivamente baixo terra, en praderías, estepas, bosques, zonas pantanosa, desertos, ou terreos montañosos. Como varios outros mamíferos escavadores con hábitos similares, teñen as patas curtas, con garras potentes, a pelaxe moi mesta, que repele a sucidade e a humidade, e a pel endurecida, especialmente na cabeza. Os seus ollos non son funcionais e están cubertos pola pel, e as orellas son só pequenas aberturas; como as toupas marsupiais, teñen unha ampla almofada de coiro para protexer as fosas nasais. O seu principal sentido é o do tacto, e son particularmente sensíbeis ás vibracións que poden indicar un perigo inminente.
O seu tamaño oscila entre os 8 e os 20 cm. Teñen os ombros moi musculados e tres garras para escavar nas patas dianteiras; non teñen quinto dedo, e o primeiro e o cuarto son vestixiais. Os pés traseiros conservan os cinco dedos e son palmados, para facilitaren a operación de padexar eficazmente a terra escavada coas garras dianterias. Aliméntanse de pequenos insectos, que encontran co sentido do oído. A tuopa dourada de Grant (Eremitalpa granti) pode percorrer 6 km cada noite buscando comida.Piper, Ross (2007): Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals. Westport, Connecticut, USA / Londres, Reino Unido: Greenwood Press. ISBN 978-0-313-33922-6.
Mentres que as especies que viven nos desertos simplemente 'nadan' a través da area solta, as outras constrúen tobos permanentes. Estes tobos son relativamente complexos na súa forma, e poden chegar até un metro baixo terra. Teñen cámaras profundas para as escacións e outras que usan como latrinas. A terra escavada é empuxada cara a arriba, e forman na superficie as típicas toupeiras. En zonas de clima extremadamente cálido, cando vai moita calor a toupa dourada de Grant refúxiase a profundidades duns 50 cm, e pode entrar nun estado de dormencia para conservar a enerxía.
As femias paren dunha a tres crías, que nacen sen pelo nun niño forrado de herba dentro do tobo. A reprodución pode producirse durante todo o ano. Os adultos son solitarios, e defenden agresivamente o seu territorio e o seu tobo dos intrusos, especialmente onde os recursos son relativamente escasos.Kuyper, Margaret (1984): Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. ISBN 978-0-87196-871-1, pp. 764–765.
Taxonomía Descricións dos taxons Suborde A suborde dos Chrysochloridea foi fundada en 1915 polo médico e paleontólogo surafricano, nado en Escocia, Robert Broom. En 1993 MacPhee e Novacek erixiron a suborde Chrysochloromorpha para as toupas douradas, pero segundo os criterios establecidos por Simpson en 1945,Simposon, G. G. (1945): "Principles of Classification and a Classification of Mammals". Bull. Am. Mus. Nat. Hist. 85: 1-350 (pp. 32-33). para os principios nomenclaturais para categorías por riba de superfamilias, Chrysochloridea é o sinónimo sénior. Familia En canto á única familia desa suborde, a dos Chrysochloridae, fora descrita en 1825 polo naturalista inglés John Edward Gray, en Ann. Philos., n.s., 10: 335.
Etimoloxías Nomes científicos Os nomes científicos, tanto Chrysochloridea como Chrysochloridae están formados sobre a base da raíz do nome do seu xénero tipo, Chrysochloris, coa adición das desinencias do latín científico -idea e ´-idae, respectivamente, amabas as dúas derivadas do grego antigo -ίδες -ídes, de είδοσ eídos, "aparencia" "aspecto".
Pola súa parte, o nome Chrysochloris está formado polos elementos chryso-, calco do correrpondente do grego antigo χρυσο- chryso-, de χρυσός chrysós, "ouro" e -chloris, adaptación do grego χλωρός chlōrós, "de cor verde amarelada".chrysochloris no Merriam-Webster's Dictionary.
Nome vulgar O nome vulgar toupas douradas deriva da coloración dourada da pelaxe destes animais semellantes, en forma e hábitos, ás auténticas toupas.
Clasificación Como lle ocorreu a moitos outros grupos de 'pequenos mamíferos comedores de insectos', a clasificación das toupas douradas sufriu unha conmoción nos últimos tempos á luz das novas informacións xenéticas hoxe dispoñíbel. Tradicionalmente colocáronse, xunto coas musarañas, os ourizos e outras criaturas pequenas de alimentación basicamente insectívora e difíciles de situar, como unha parte do caixón de xastre que constituía a hoxe desbotada orde dos Insectivora. Algunhas autoridades manteñen esta clasificación, polo menos polo de agora. Pero os máis deles sitúan ás toupas douradas, canda os tenrecs, nunha nova orde, ás veces coñecida como Tenrecomorpha, mentres que a maioría a chaman Afrosoricida, e reservan o termo Tenrecomorpha para a suborde desta orde que comprende a única familia dos Tenrecidae. Así, segundo Wilson & Reeder, en Mammal Species of the World, a clasificación é a seguinte:Afrosoricida en MSW.
Orde Afrosoricida Stanhope et al., 1998 Suborde Tenrecomorpha Butler, 1972 Familia Tenrecidae Gray, 1821: tenrecs, 34 especies en 10 xéneros Suborde Chrysochloridea Broom, 1915 Familia Chrysochloridae Gray, 1825 Subfamilia Chrysochlorinae Xénero Carpitalpa Carpitalpa arendsi Xénero Chlorotalpa Chlorotalpa duthieae Chlorotalpa sclateri Xénero Chrysochloris Subxénero Chrysochloris Chrysochloris asiatica Chrysochloris visagiei Subxénero Kilimatalpa Chrysochloris stuhlmanni Xénero Chrysospalax Chrysospalax trevelyani Chrysospalax villosus Xénero Cryptochloris Cryptochloris wintoni Cryptochloris zyli Xénero Eremitalpa Eremitalpa granti Subfamilia Amblysominae Xénero Amblysomus Amblysomus corriae Amblysomus hottentotus Amblysomus marleyi Amblysomus robustus Amblysomus septentrionalis Xénero Calcochloris Subxénero Huetia Calcochloris leucorhinus Subxénero Calcochloris Calcochloris obtusirostris Subxénero incertae sedis Calcochloris tytonis Xénero Neamblysomus Neamblysomus julianae Neamblysomus gunningi
Situación Das 21 especies de toupas douradas, nada menos que 11 están ameazadas de extinción. As principais causas son as explotacións mineiras de area, as malas prácticas agrícolas, a urbanización crecente e a depredación por parte dos cans e os gatos domésticos.Especies de crisoclóridos na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-3. Consultada o 27 de setembro de 2015.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals: Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8. Martin, Robert D. (1984) en: Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. Nova York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 126–127. Murphy, W. J.; E. Eisirik; S. J. O'Brian, O. Madsen, M. Scally, C. J. Douady, E. Teeling, O. A. Ryder, M. J. Stanhope, W. W. de Jong & M. S. Springer (2001): "Resolution of the early placental mammal radiation using Bayesian phylogenetics". Science 294238: 2351. Stanhope, Michael J.; Waddell, Victor G.; Madsen, Ole; de Jong, Wilfried; Hedges, S. Blair; Cleven, Gregory C.; Kao, Diana & Springer, Mark S. (1998): "Molecular evidence for multiple origins of Insectivora and for a new order of endemic African insectivore mammals" Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America, 95 (17): 9967–9972. Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos Mamíferos Insectívoros Afrosorícidos Taxonomía dos mamíferos
Ligazóns externas
Chrysochloridea no SIIT. Chrysochloridae na ADW. Con informacións, imaxes e bibliografía . Chrysochloridae na EOL. Con informacións, imaxes e mapas de distribución . Chrysochloridae no NCBI. Chrysochloridae no SIIT.
Categoría:Afrosorícidos