A ciclooxixenase ou cicloosixenase (COX), coñecida oficialmente como prostaglandina-endoperóxido sintase (PTGS), é un encima () que é responsable da formación de prostanoides, incluíndo as prostaglandinas, as prostaciclinas e os tromboxanos.

A abreviatura "COX" para este encima atópase sobre todo na literatura médica. En xenética, o símbolo oficial é "PTGS" para a familia de xenes e proteínas da prostaglandina-endoperóxido sintase (ciclooxixenase), porque a abreviatura "COX" xa se estaba usando para a familia de xenes e proteínas da citocromo c oxidase. Os nomes "prostaglandina sintase (PHS)" e "prostaglandina endoperóxido sintetase (PES)" tamén se usan para referirse á COX.

Nos humanos existen dúas ciclooxixenases, chamadas COX-1 (ou PTGS1) e COX-2 (ou PTGS2). Existe ademais unha isoforma da COX-1, chamada COX-3 e outras dúas pequenas proteínas derivadas de COX-1 chamadas PCOX-1A e PCOX-1B.

A inhibición farmacolóxica de COX pode aliviar os síntomas da inflamación e a dor. Os fármacos antiinflamatorios non esteroides (AINEs), como a aspirina e o ibuprofeno, exercen os seus efectos por medio da inhibición das COX.

Farmacoloxía

A COX-1 e a COX-2 teñen un peso molecular similar, aproximadamente de 70 e 72 kDa, respectivamente, e cun 65% de homoloxía de secuencias de aminoácidos e uns sitios catalíticos case idénticos. A diferenza máis significativa entre estes isoencimas, que permite unha inhibición selectiva de cada unha delas, é a substitución da isoleucina en posición 523 da COX-1 por unha valina na COX-2. O residuo menor Val523 de COX-2 permite o acceso a un peto lateral hidrofóbico (que a Ile523 agocha estericamente). Fármacos, como o DuP-697 e o coxibs derivados del, únense a un sitio alternativo e son considerados inhibidores selectivos de COX-2.

AINEs clásicos

Os inhibidores principais de COX son os antiinflamatorios non esteroideos (AINEs).

Os inhibidores clásicos de COX non son selectivos e inhiben todos os tipos de COX. A inhibición resultante da síntese de prostaglandinas e tromboxanos ten o efecto de reducir a inflamación, e efectos antipiréticos, antitrombóticos e analxésicos. O efecto adverso máis frecuentes dos AINEs é a irritación da mucosa gástrica, xa que as prostaglandinas normalmente teñen un papel protector no tracto gastrointestinal. Algúns AINEs son tamén ácidos, o cal pode causar danos adicionais ao tracto gastrointestinal.

AINEs novos

A selectividade pola COX-2 é a principal característica dos fármacos celecoxib, etoricoxib, e doutros fármacos deste tipo. Como o COX-2 é usualmente específica dos tecidos inflamados, hai moita menos irritación gástrica asociada con inhibidores de COX-2, cunha diminución do risco de úlcera péptica. A selectividade da COX-2 non parece negar outros efectos laterais dos AINEs, moi notablemente un incremento do risco de insuficiencia renal, e hai evidencias que indican un incremento do risco de ataque ao corazón, trombose, e accidente cerebrovascular por medio dun incremento do tromboxano non equilibrado pola prostaciclina (que é reducida pola inhibición da COX-2). O fármaco Rofecoxib foi retirado en 2004 debido a preocupacións sobre os seus efectos. Algúns outros AINEs selectivos da COX-2, como o celecoxib, e etoricoxib, están aínda no mercado.

Inhibición das COX natural

Algúns fungos culinarios como o maitake, poden inhibir parcialmente a COX-1 e a COX-2.

Unha variedade de flavonoides inhiben tamén a COX-2.

Os aceites de peixes proporcionan ácidos graxos alternativos ao ácido araquidónico. Estes ácidos poden ser convertidos nalgunhas prostaciclinas antiinflamatorias pola COX en vez de en prostaciclinas proinflamatorias.

A hiperforina inhibe a COX-1 de 3 a 18 veces máis que a aspirina.

O calcitriol (vitamina D) inhibe significativamente a expresión do xene COX-2.

Debe terse precaución ao combinar doses baixas de aspirina con inhibidores da COX-2 debido ao potencial incremento de danos á mucosa gástrica. A COX-2 é regulada á alza cando a COX-1 é suprimida pola aspirina, o que se cre é importante en mecanismos de potenciación da defensa das mucosas e diminúe as erosións causadas pola aspirina.

Efectos laterais cardiovasculares dos inhibidores da COX

Os inhibidores da COX-2 incrementan o risco de aterotrombose mesmo se se usan durante un tempo breve. Unha análise feita en 2006 de 138 ensaios aleatorizados e case 150.000 participantes sacou a conclusión de que os inhibidores selectivos da COX-2 están asociados cun risco moderadamente incrementado de episodios vasculares, principalmente debido a que se duplica o risco de infarto de miocardio, e tamén a que os réximes de tratamento de altas doses dalgúns AINEs tradicionais como o diclofenac e o ibuprofeno están asociados cun incremento similar do risco de episodios vasculares.

Os aceites de peixe (por exemplo o aceite de fígado de bacallau) propuxéronse como alternativa razoable para o tratamento da artrite reumatoide e outras condicións como consecuencia do feito de que supoñen un menor risco cardiovascular que outros tratamentos incluíndo os AINESs.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ácido araquidónico Ciclooxixenase 1 Ciclooxixenase 2 AINE

Ligazóns externas A proteína cilooxixenase

GONUTS Page: Cyclooxygenase Cyclooxygenase: Proteopedia, life in 3D Discusión do mecanismo encimático con modelos interactivos 3D

Categoría:Oxidorredutases Categoría:Eicosanoides Categoría:Proteínas de membrana