Santiago de Borbén é unha parroquia que se localiza no concello de Pazos de Borbén. Segundo o IGE, en 2022 tiña 520 habitantes (249 homes e 271 mulleres), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 613 habitantes.

Xeografía O río de Borbén divide esta parroquia en dúas partes: por unha banda encóntranse as aldeas de Cuartos de Borbén e O Mosteiro e, pola outra, Sequeiros e O Pousiño.

Cultura O primeiro domingo de agosto celébrase a festa na honra de Nosa Señora da Branca. Ademais é tradición que os máis pequenos participen na procesión subidos a un carro que porta a Virxe tirado polos veciños. Tamén se celebra o día do Apóstolo Santiago (25 de xullo), unha celebración que tradicionalmente é organizada polos matrimonios que levaban casados 25 anos; pero, nos últimos anos esta tradición viuse modificada dado os escasos matrimonios existentes no lugar.

Tamén cabe destacar a romaría do Santo Aparecido o último sábado de agosto. Esta romaría celébrase na aldea do Pousiño, máis concretamente no miradoiro do Santo Aparecido. É tradición que os veciños se reúnan para comer neste mesmo lugar. Pola tarde fanse xogos para os máis pequenos e á noitiña ofrécense sardiñas con pan de millo e viño para os asistentes. Ademais a xornada está amenizada por diversos grupos folclóricos. Esta celebración ten orixe no ano 1983 cando a imaxe do Santo apareceu mentres se estaba realizando unha escavación para crear unha pista forestal. A imaxe estaba rota e levouse a restaurar. Ademais elaborouse unha cruz de formigón entre os veciños para posteriormente colocar a imaxe unha vez que estivese restaurada.

Lugares e parroquias Lugares de Borbén

Parroquias de Pazos de Borbén

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Pazos de Borbén

Categoría:Parroquias de Pazos de Borbén Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de Santiago o Maior