Bonifacio IX, nado co nome de Pietro Tomacelli en Nápoles cara a 1356 e finado en Roma o 1 de outubro de 1404, foi un nobre napolitano e Papa nº 203 da Igrexa católica, entre 1389 e o seu falecemento. Foi o segundo Papa do Cisma de Occidente.
Traxectoria Naceu no seo dunha familia nobre pero empobrecida.
Un dos seus primeiros actos como Papa foi a excomuñón de Clemente VII, que exercía tamén o pontificado desde Avignon. O antipapa Clemente respondeu coa excomuñón de Bonifacio.
O enfrontamento eclesiástico entre Bonifacio IX e Clemente VII estendeuse ao terreo político, e o recentemente elixido Papa coroou en 1390 a Ladislau como rei de Nápoles, para enfrontalo a Lois de Anjou, a quen Clemente coroara en 1389.
Bonifacio tamén logrou acabar coas últimos brasas do movemento comunal romano, recuperando o castelo de San Angelo e fortificándoo xunto con outros puntos estratéxicos de Roma.
Trala morte de Clemente en 1394 a sé de Avignon elixiu Papa ao cardeal Pedro Martínez de Luna, que adoptou o nome de Bieito XIII. As potencias europeas viron unha oportunidade de acabar co Cisma, e recorreron a un informe que a Universidade de París publicara en xaneiro de 1394, propondo tres vías non violentas para acabar co cisma:
A via cessionis propugnaba a abdicación voluntaria e simultánea dos dous papas seguida dunha nova elección. A via compromissi supuña estudar os dereitos de ambos os dous Papas por unha comisión arbitral que decidiría quen era o Papa lexítimo. A via concilii defendía a convocatoria dun concilio ecuménico que decretase quen sería Papa.
Bonifacio IX rexeitou as tres solucións, mentres Bieito XIII só se opuxo totalmente á vía conciliar. A falta de acordo provocou a ameaza das potencias europeas aos pontífices de retirarlles os respectivos apoios, ameaza que só cumpriron os monarcas que apoiaban a Bieito, pero que non supuxo a fin do Cisma, xa que o Papa, malia non contar con apoios, seguiu sen someterse.
Noutra orde de aspectos, destacou durante o pontificado de Bonifacio IX a celebración de dous xubileus, en 1396, convocado por Urbano VI, e en 1400, no que fixeron aparición en Roma os "Bianchi" ou "Albati", grupos de penitentes flaxelantes que procesionaban encarapuchados, con hábitos brancos e cunha cruz vermella debuxada nas costas. Esta orde provocou tal número de disturbios e sucesos sanguentos que Bonifacio condenou á fogueira ao seu líder e disolveu aos adeptos.
Un ano antes Bonifacio fixera un chamamento á cristiandade occidental para socorrer ao emperador bizantino Manuel II, ameazado polo sultán otomán Beyazid. Tal chamamento non espertou entusiasmo algún, aínda que o Imperio Bizantino se salvaría pouco despois, prolongando a súa existencia algunhas décadas máis, pola fulminante irrupción de Tamerlán, que obrigou a Beyazid a retirarse.
As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Cubus de mixtione (Cubo de mestura), facendo referencia a que no escudo de armas da familia figuran uns cubos entrelazados.
Véxase tamén
Categoría:Papas Categoría:Finados en 1404