Tool é unha banda de metal progresivo estadounidense formada en 1990 nos Ánxeles (California). A súa formación actual está composta por Maynard James Keenan (voz), Adam Jones (guitarra), Danny Carey (batería) e Justin Chancellor (baixo). Este último substituíu o baixista orixinal da banda, Paul D'Amour, en 1995. Tool gañou tres premios Grammy, realizou xiras por todo o mundo, e produciu álbums que chegaron ao número 1 das listas de varios países.

Ata a data a banda publicou cinco álbums de estudio, un EP e un box set. Tool comezou facendo un son heavy metal no seu primeiro álbum de estudio, Undertow (1993), e posteriormente converteuse nunha importante banda da escena do metal alternativo coa edición do seu segundo traballo en 1996, Ænima. Os seus esforzos por unir a experimentación musical, as artes visuais e unha mensaxe de evolución persoal continuaron con Lateralus (2001), e 10,000 Days (2006), conseguindo un grande éxito de crítica e público en todo o mundo. O seu quinto álbum, Fear Inoculum, o primeiro en 13 anos, foi editado o 30 de agosto de 2019 con boas críticas. Antes do seu lanzamento a banda levaba vendidos máis de 13 millóns de álbums só nos Estados Unidos.

Debido á incorporación de artes visuais por parte de Tool e ao lanzamento de traballos longos e complexos, a banda é normalmente descrita como un grupo que transcende estilos e é parte do rock progresivo, do rock psicodélico e do art rock. A relación entre a banda e a industria musical actual é ambivalente, ás veces marcada pola censura e a insistencia do grupo na súa privacidade.

Historia Formación da banda Durante os anos 80 todos os futuros membros de Tool mudáronse a Os Ánxeles. Tanto Paul D'Amour como Adam Jones querían entrar na industria do cine, mentres que Maynard James Keenan atopou traballo decorando tendas de mascotas despois de estudar artes visuais no Kendall College of Art and Design en Míchigan. Danny Carey e Keenan tocaban na banda Green Jellÿ, e Carey tocaba con Carole King e en Pigmy Love Circus.

A historia de Tool comeza en 1989 cando Keenan coñeceu a Jones grazas a un amigo común.Kitts & Tolinski 2002, pp. 1965-1969 Os dous descubriron ter outra cousa en común á parte da fascinación pola arte contemporánea, a música. Despois de que Keenan lle puxese unha cinta a Jones co seu proxecto anterior, Jones quedou tan impresionado que finalmente falou co seu amigo para formar a súa propia banda. Maynard e Adam comezaron a tocar xuntos e a buscar un baixista e un batería. Danny Carey, veciño de Maynard, foi presentado a Jones por Tom Morello, amigo deste do instituto e co quen tocara nunha banda chamada Electric Sheep.Newquist & Maloof 2004, pp. 11-15 Carey comezou a tocar a batería con Maynard e Adam xa que sentía pena dos dous por non achar a ninguén para tocar porque as persoas que chamaban nunca volvían ou nin sequera aparecían.

Na mesma época, Paul D'Amour mudárase aos Ánxeles para traballar no cine (área na que Adam Jones estaba traballando, realizando efectos especiais para Terminator 2, Jurassic Park e Predator 2). Paul era realmente guitarrista, e xa estaba desistindo de ser músico cando un amigo presentoulle a Adam Jones, que o convidou para tocar. Unha curiosidade é que D'Amour estaba sempre de mal humor, e a sonoridade das cancións encaixou perfectamente coa súa personalidade. Coa banda formada comezaron a ensaiar regularmente na casa de Danny Carey. Despois de case chamarse Toolshed escolleron ser sinxelamente Tool, polo feito de querer que a súa música fose unha "ferramenta" para a comprensión da "lacrimoloxía", a "ciencia do choro" como terapia, que consiste en evolucionar explorando a súa dor física e emocional.

Despois de case dous anos de ensaios e de realizar concertos pola área dos Ánxeles as compañías discográficas comezaron a interesarse pola banda. Tool entrou na escena musical abrindo concertos para a Rollins Band, Rage Against the Machine e Fishbone. Finalmente o grupo acabou asinando un contrato co selo Zoo Entertainment. Nesa época gravaron demos das cancións "Cold & Ugly", "Hush", "Part Of Me", "Jerk-Off", "Crawl Away" e "Sober". De todas, só as catro primeiras entrarían no EP Opiate, lanzado en marzo de 1992 a través de Zoo Entertainment, xunto cos temas "Sweat" e "Opiate". Os membros de Tool declararon que erraran de certa maneira ao escoller os temas do EP, xustamente porque só puxeran as composicións máis pesadas e curtas, e todos os que o oíron considerábanos unha banda de thrash metal. Porén, a banda conseguiu unhas boas vendas con Opiate debido a este feito. Tool gravou un vídeo musical "Hush" (dirixido por Ken Andrews, de Failure), onde os membros da banda aparecen amordazados e nus, cunha placa escrita: "Parental Advisory: Explicit Parts" cubrindo os seus xenitais e con cinta tapando as súas bocas. Ten sentido, dende que a canción fala sobre a censura. O vídeo non foi lanzado de maneira oficial, polo feito de que a MTV nunca pasaría un clip con este contido na época. Pero iso non impediu que o tema "Sweat" aparecese na banda sonora da película 2013: Rescate en L.A. Tool comezou a abrir concertos para Rollins Band, Rage Against the Machine e Fishbone, White Zombie e Corrosion of Conformity, conseguindo unha resposta moi positiva.

Undertow

No ano seguinte, nun momento no que o rock alternativo e o grunge estaban no máis alto, Tool publicou o seu primeiro álbum, Undertow. En abril de o traballo chegou ás tendas, ou polo menos unha versión "domesticada" do primeiro álbum de Tool xa que algunhas cambiaron a portada orixinal (un debuxo dunha escultura de Adam Jones, unha especie de caixa torácica vermella con costelas en forma de tentáculos) por un código de barras xigante. A parte interior e traseira do libreto tiñan fotos como unha muller extremadamente obesa núa e soa, e outra foto da mesma muller cun home nu deitado sobre ela, á parte dunha radiografía cun enorme vibrador dentro dunha cavidade anal. En edicións non censuradas, existen tamén fotos dunha vaca lambendo os seus xenitais e un porco empalado por unha serie de garfos (esta é unha montaxe).

Undertow ten máis diversidade que Opiate ao incluír cancións que a banda decidira non publicar no EP, onde optaron por un son máis pesado. A banda iniciou unha xira que incluíu varios concertos no Lollapalooza, onde pasaron do escenario secundario ao principal grazas ao seu representante e cofundador do festival Ted Gardner. No último concerto do Lollapalooza nos Ánxeles o cómico Bill Hicks presentou á banda. Hicks fixérase amigo dos membros de Tool e era unha influencia para eles, sendo mencionado no libreto de Undertow. A popularidade gañada tras estes concertos impulsou as vendas do álbum que foi certificado ouro pola RIAA en setembro de 1993 e platino en 1995, a pesar da censura das portadas dalgúns ditribuidores como Wal-Mart.Sherry & Aldis 2006, p. 176 O sinxelo "Sober" converteuse nun éxito en marzo de 1994 e gañou o premio da Billboard ao "Mellor video dun novo artista" polo vídeo musical en stop motion que o acompañaba.

Co lanzamento do seguinte sinxelo "Prison Sex", a banda volveu a ser foco da censura. As letras e o videoda canción tratan sobre abuso infantil e provocou reaccións controvertidas. O vídeo foi creado principalmente polo guitarrista Adam Jones, que o viu como a súa "interpretación surrealista" do tema. Mentres que algúns xornalistas contemporáneos loubaron o vídeo e describiron a letra como "metafórica", a rama estadounidense da canle MuchMusic (que lle pediu a Keenan que representase á banda nunha audiencia) considerou o vídeo musical demasiado gráfico e obsceno, e a MTV deixou de emitilo despois dunhas poucas veces.

Ænima e Salival

En setembro de 1995 a banda comezou a compoñer e gravar o seu segundo álbum de estudio. Nesas datas Tool experimentou o seu único cambio na formación ata a data, deixando o baixista D'Amour o grupo de xeito amigable para centrarse noutros proxectos. Segundo Carey, D'Amour marchou porque quería tocar a guitarra en vez do baixo. Justin Chancellor, membro dos seus antigos compañeiros de xira Peach, finalmente substituíu a D'Amour, sendo elixido entre outros baixistas como Frank Cavanagh de Filter, Scott Reeder de Kyuss, Shepherd Stevenson de Pigmy Love Circus, Eric Avery de Jane's Addiction, e Marco Fox de ZAUM.

O 17 de setembro de 1996 Tool publicou Ænima ("ON-ima"). A banda contou coa axuda do produtor David Bottrill, que producira algúns álbums de King Crimson, mentres que Jones colaborou con Cam de Leon para crear o libreto do disco que estaría nomeado a un Grammy. O álbum foi dedicado ao humorista Bill Hicks, que morrera dous anos e medio antes. A banda pretendía das a coñecer o material e as ideas de Hicks, xa que sentía que Tool e Hicks "resoaban conceptos semellantes". En particular,o tema final de Ænima "Third Eye" está precedido por un anaco de actuacións de Hicks, e a carcasa lenticular do álbum e o retrouso do tema "Ænema" fan referencia a un sketch do álbum de Hicks Arizona Bay, no cal contempla a idea dos Ánxeles caendo ao océano Pacífico.

O primeiro sinxelo, "Stinkfist", tivo unha difusión limitada. Os programadores de radio acurtárono, a MTV nos Estados Unidos renomeou o vídeo musical de "Stinkfist" como "Track No. 1" debido a connotacións ofensivas, e modificouse a letra da canción.McIver 2009, p. 137 En resposta ás queixas dos fans sobre a censura, Matt Pinfield, do programa 120 Minutes da MTV, expresou o seu pesar en directo axitando o puño diante da cara mentres presentaba o vídeo e explicaba o cambio de nome.

A banda comezou unha xira en outubro de 1996, dúas semanas despois do lanzamento de Ænima. Tras numerosas aparicións nos Estados Unidos e Europa, Tool dirixiuse a Australia e Nova Zelandia a finais de marzo de 1997. Finalmente, de volta aos Estados Unidos, a banda apareceu no Lollapalooza '97 en xullo, esta vez como cabeza de cartel, onde recibiron eloxios da crítica de The New York Times. Ænima finalmente igualou o exitoso álbum de estrea de Tool en vendas e colocou ao grupo á cabeza do xénero do metal alternativo. O disco incluía o premio Grammy "Ænema" e apareceu nas listas dos "Mellores álbums de 1996" de Kerrang! e Terrorizer. Finalmente foi certificado como triplo platino pola RIAA o 4 de marzo de 2003. En 1998, Tool uniuse á xira Ozzfest nos Estados Unidos como co-cabeza de cartel antes de Ozzy Osbourne. A banda aceptou coa condición de que Melvins tamén se unise a eles porque, como declarou o seu líder Buzz Osborne, "querían polo menos unha banda na xira que lles gustase", a pesar das disuasións dos organizadores da xira.miniatura|Adam Jones É nesta época cando Maynard comeza a aparecer nos concertos totalmente rapado, co corpo pintado ou vestido de muller, engadindo máis estrañeza á "perfomance" de Tool. En medio da inmensa xira, a banda lanza o sinxelo e o clip de Ænema, concorrendo aos premios da MTV, que desta vez non censurou a creatividade do grupo. "Ænema" chega a gañar un Grammy de "Mellor Performance de Metal", en 1997.