Nicolás Redondo Urbieta, nado en Barakaldo (Biscaia) o 16 de xuño de 1927 e finado en Madrid o 4 de xaneiro de 2023, foi un sindicalista e político vasco.

Traxectoria Fillo de Nicolás Redondo Blanco, destacado dirixente socialista e un dos primeiros concelleiros do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) en Biscaia; igualmente, foi pai de Nicolás Redondo Terreros, exdirixente do PSE-EE. En 1937, en plena guerra civil española, abandonou Euskadi no barco La Habana cara a Bordeos, canda outros refuxiados menores de idade e foi acollido en Francia por unha familia mineira de Herault. Regresou a España, por reclamación da familia, en 1940.

En 1942, foi contratado como aprendiz de oficial axustador en La Naval de Sestao. Xa como obreiro metalúrxico, afiliouse ó PSOE e á UXT en 1945. Foi detido e procesado pola ditadura do xeneral Franco en numerosas ocasións debido ás súas actividades políticas e sindicais. En 1967 foi detido xunto ós históricos Ramón Rubial e Eduardo López Albizu e desterrado ás Hurdes.

Tras o Congreso do PSOE de agosto de 1972, que destitúe ó secretario xeral Rodolfo Llopis, convértese en membro da dirección colexiada do PSOE Renovado. Ante o Congreso de Suresnes de 1974, rexeita o ofrecemento para presentar a súa candidatura ó posto de primeiro secretario, chegando a un pacto co sevillano Felipe González para que este accedese ó cargo.

O 18 de abril de 1976 elixírono secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT) no XXX Congreso da central sindical socialista. Previamente exercera, dende 1971, o cargo de secretario político, predecesor do de secretario xeral.

Foi elixido deputado do PSOE por Biscaia en 1977, 1979, 1982 e 1986. En 1987 renunciou ó seu escano para amosar o seu desacordo coa política laboral e social do goberno de Felipe González, tras votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado para 1988. Convocou xunto a Comisións Obreiras (CCOO) a folga xeral do 14 de decembro de 1988, cun éxito esmagador. Tamén convocou xunto a CCOO dúas folgas xerais máis durante o goberno socialista, en xuño de 1992 e xaneiro de 1994.

O 10 de abril de 1994, no 36º Congreso, deixou paso a Cándido Méndez como secretario xeral da UXT, retirándose de toda actividade política e sindical.

Faleceu en Madrid o 4 de xaneiro de 2023 aos 95 anos de idade debido a unha pneumonía.

Distincións honoríficas Doutor Honoris Causa pola Universidade Politécnica de Valencia (2001).Doutor Honoris Causa pola Universidade Politécnica de Valencia. Doutor Honoris Causa pola Universidade de Cádiz (2008).A UCA inviste Doutores Honoris Causa a dous líderes do mundo sindical Cabaleiro Gran Cruz da Orde do Dous de Maio (2010).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Actividade parlamentaria Lexislatura Constituínte (PSOE) I Lexislatura (PSOE) II Lexislatura (PSOE) III Lexislatura (PSOE) Artigos UXT, negociación e folga (1979) Por unha política de solidariedade (1983) Algunhas reflexións sobre o Primeiro de Maio (1989) As razóns (1994) Os acenos de identidade do socialismo (1995) Puntualización (2002) Aclaración de Nicolás Redondo (2002)

Categoría:Nados en 1927 Categoría:Nados en Barakaldo Categoría:Finados en 2023 Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Cádiz Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Políticos do Partido Socialista de Euskadi Categoría:Políticos do País Vasco Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Politécnica de Valencia