miniatura|Cuco cantando nunha árbore en Bangalore, India Os cucúlidos (Cuculidae) son unha familia de aves da orde Cuculiformes, da que forman parte os cucos. Desta familia viven en Galicia dúas especies: Cuculus canorus, o cuco común europeo, e Clamator glandarius, o cuco real ou papudo. Outros xéneros da familia son Geococcyx, Eudynamys, Phaenicophaeus, Coua, Centropus e Crotophaga, entre outros. Os Centropus e Crotophaga son ás veces separados en familias propias, os Centropodidae e Crotophagidae, respectivamente.
Os cucúlidos son aves xeralmente delgadas de mediano tamaño. A maioría son arbóreas, e unhas poucas terrestres. A familia ten unha distribución cosmopolita, aínda que a maioría das especies son tropicais. Algunhas especies son migratorias. Os cucos aliméntanse de insectos, larvas de insectos e outros diversos animais, e tamén de froita. Moitas especies realizan unha reprodución parasitaria, poñendo os seus ovos en niños doutras especies, pero a maioría das especies crían os seus propios fillos.
Os cucos formaron parte da cultura humana durante miles de anos (ver o cuco na cultura popular galega), aparecendo xa na mitoloxía grega e na doutras culturas e asociado con diversos simbolismos en distintos países. Os reloxos de cuco, orixinados na zona da Selva Negra de Alemaña, fixéronse coñecidos en todo o mundo.
Descrición
esquerda|miniatura|220px|Cuco común miniatura|esquerda|200px|O Phaenicophaeus curvirostris ten a pel de brillantes cores arredor dos ollos típica dos Phaenicophaeinae.
Os cucúlidos son aves de mediano tamaño que van dese os 17 g de peso e 25 cm de lonxitude do Chrysococcyx minutillus aos 630 g e 63 cm do Scythrops novaehollandiae.Payne R.B. (1997) "Family Cuculidae (Cuckoos)", pp. 508–45 in del Hoyo J, Elliott A, Sargatal J (eds) (1997). Handbook of the Birds of the World Volume 4; Sandgrouse to Cuckoos Lynx Edicions:Barcelona. ISBN 84-87334-22-9 En xeral presentan pouco dimorfismo sexual en canto ao tamaño, pero cando existe, o máis grande pode ser tanto o macho coma a femia, dependendo da especie. Unha das características distintivas máis importantes da familia son os pés, que son cigodáctilos, o que significa que as dúas dedas internas apuntan cara a adiante e as dúas externas cara a atrás. Hai dúas formas corporais básicas, especies arbóreas (como o cuco común), que son máis delgadas e teñen tarsos curtos, e especies terrestres (como os Geococcyx), que teñen unha constitución máis pesada e longos tarsos. Case todas as especies teñen colas longas que usan para equilibrarse e dirixirse no caso das especies terrestres ou como temóns durante o voo nas especies arbóreas. A forma das ás tamén varía segundo o seu estilo de vida, e as especies máis migratorias como o Coccyzus erythropthalmus posúen ás longas e estreitas con capacidade de realizar voos directos potentes, e as especies máis terrestres e sedentarias como os Centropus e Phaenicophaeus teñen ás arredondadas e máis curtas e un voo planado máis traballoso.
A subfamilia Cuculinae está formada polos cucos do Vello Mundo con reprodución parasitaria. Adoitan ter a forma clásica, con (xeralmente) colas longas, patas curtas, ás estreitas longas e un estilo de vida arbóreo. As especies máis grandes, como o Scythrops novaehollandiae, teñen tamén o bico máis grande da familia, que lembra o dun bucerótido. A subfamilia Phaenicophaeinae comprende os cucos non parasitos do Vello Mundo e inclúe os Centropus, Phaenicophaeus e cucos terrestres. Son cucos de hábitos máis terrestres, con patas máis fortes e a miúdo longas e ás arredondadas curtas. Esta subfamilia adoita ter plumaxe rechamante e unha zona de pel espida e moi coloreada arredor do ollo. Os Centropus son outra subfamilia (ás veces considerada familia) terrestre de cucos de patas e colas longas e ás curtas. Son aves grandes e pesadas cuxo representante máis grande, o Centropus menbeki, ten aproximadamente o mesmo tamaño que o Scythrops novaehollandiae. A subfamilia Coccyzinae comprende cucos arbóreos e de cola longa, con varias formas grandes endémicas de illas. Os Neomorphinae (cucos do Novo Mundo) son similares aos Carpococcyx de Asia en que son de patas longas e terrestres, e inclúen os Geococcyx de bico longo, que poden chegar a acadar velocidades de 30 km/h cando perseguen a súa presa, polo que se lles chama roadrunners ou correcaminos (correcamiños) na súa área nativa. A última subfamilia (ás veces considerada familia) son os atípicos Crotophagidae, que inclúen os pequenos e torpes Crotophaga (de bicos masivos e plumas brillantes) e os máis grandes Guira guira.
miniatura|dereita|Algunhas especies como Chrysococcyx maculatus de Asia exhiben plumaxe iridescente.
As plumas dos cucos son xeralmente brandas, e adoitan quedar enchoupadas cando hai chuvias fortes. Os cucos a miúdo toman o sol despois das chuvias, e os Crotophaga estenden as súas ás á maneira dos voitres ou corvos mariños para secarse. Hai unha considerable variación na plumaxe da familia. Algunhas especies, especialmente os que son parasitos reprodutores teñen plumaxe críptica, mentres que outras teñen unha plumaxe rechamante e elaborada. Isto é especialmente notable nos Chrysococcyx que teñen plumaxe iridescente. Algúns cucos lembran a falcóns pola súa plumaxe barrada ventral; o que aparentemente pode asustar a hóspedes potenciais, o que facilita que a femia acceda ao niño do hóspede para poñer alí un ovo durante a reprodución parasitaria. As crías dalgúns cucos con reprodución parasitaria teñen cores que lembran ás das crías do hóspede. Por exemplo, os Eudynamys scolopaceus de Asia que se reproducen na India teñen crías negras que lembran as dos seus hóspedes os corvos, mentres que nos Eudynamys orientalis) de Australia os pitiños son marróns igual que os seus hóspedes os Meliphagidae. O dimorfismo sexual na plumaxe non é común nos cucos, sendo máis común nas especies de reprodución parasitaria do Vello Mundo.
Os xéneros de cucos diferéncianse no número de plumas rémixes primarias da seguinte maneira:
Coccycua, Coccyzus, Phaenicophaeus, Piaya – 9 Cuculus – 9 ou 10 Pachycoccyx, Clamator levaillantii, Centropus – 10 Microdynamis, Eudynamys, Clamator glandarius – 11 Some coucals – 12 Scythrops novaehollandiae – 13
Distribución e hábitat
miniatura|upright|O Coccyzus merlini é un gran cuco das illas Bahamas e Cuba.
Os cucos teñen unha distribución cosmopolita, xa que se encontran en todos os continentes menos na Antártida. Están ausentes no suroeste de Suramérica, no extremo norte e noroeste de Norteamérica e nas áreas secas de Oriente Próximo e Norte de África (aínda que poden verse alí como aves en migración). Xeralmente só aparecen como aves errantes nas illas oceánicas do Atlántico e Índico, pero unha especie reprodúcese en varias illas do Pacífico e outra é un migrante invernal que atravesa moitas partes do Pacífico.Bogert, C (1937) Birds collected during the Whitney South Sea Expedition. 34, The distribution and the migration of the long-tailed cuckoo (Urodynamis taitensis Sparrman). American Museum novitates 933 12 p.
A Cuculinae é a subfamilia máis espallada de cucos, e está distribuída por Europa, Asia, África, Australia e Oceanía. Entre os cucos Phaenicophaeinae os Phaenicophaeus e os cucos terrestres asiáticos están restrinxidos ao sur de Asia, os Coua son endémicos de Madagascar e o Ceuthmochares está espallado por África. Os Centropus están distribuídos desde África pasando por Asia tropical e chegando a Australia e as Illas Salomón. As tres subfamilais restantes están distribuídas polo Novo Mundo, tanto en Suramérica coma en Norteamérica. Os Coccyzinae son os que chegan máis ao norte das tres subfamilias, reproducíndose no Canadá, mentres que os Crotophaga chegan polo norte como máximo ata Florida e os típicos cucos terrestres chegan ao suroeste dos Estados Unidos.
Os cucos aparecen nunha ampla variedade de hábitats. Os hábitats máis axeitados para os cucos proporcionan unha fonte de alimento (principalmente insectos e especialmente eirugas) e un lugar para reproducirse, para os que teñen unha reprodución parasitaria necesitan un ambiente apropiado para a especie hóspede. A maioría das especies aparecen en bosques, principalmente nos bosques peremnes dos trópicos. Algunhas especies habitan ou están restrinxidas a mangleirais; entre estes está o Chrysococcyx minutillus de Australia, algúns Phaenicophaeus, Centropus e os cucos dos mangleirais (Coccyzus minor) do Novo Mundo. Ademais dos bosques, algunhas especies de cucos ocupan ambientes máis abertos, que poden incluír incluso áreas áridas como os desertos no caso dos Geococcyx californianus ou o Cacomantis pallidus. As especies migratorias temperadas como o cuco común habitan unha ampla variedade de hábitats para aproveitar ao máximo os hóspedes potenciais para a súa reprodución parasitaria, desde xunqueiras (onde parasitan aos Acrocephalus, folosas) a páramos sen árbores (onde parasitran aos Anthus pratensis, picas).
Migración
A maioría das especies de cucos son sedentarios, pero algúns realizan migracións estacionais regularmente e outros realizan migracións parciais a partes da súa área de distribución.
As especies que se reproducen a altas latitudes migran a climas máis cálidos durante o inverno debido á dispoñibilidade de alimento. O Urodynamis taitensis, que se reproduce en Nova Zelandia, voa aos seus terreos de inverno en Polinesia, Micronesia e Melanesia, unha fazaña que foi descrita como "quizais a máis salientable migración sobre as augas de calquera paxaro terrestre." O Coccyzus americanus e o Coccyzus erythropthalmus reprodúcense en Norteamérica e voan a través do mar Caribe, un voo sen parar de 4.000 km. Outros longos voos migratorios inclúen o Cuculus poliocephalus, que voa desde África ata a India, e o cuco común europeo, que voa sen parar sobre o mar Mediterráneo e o deserto do Sáhara na súa viaxe entre Europa e África central.BTO Cuckoo migration tracking study
En África, dez especies fan regularmente migracións intracontinentais que se describen como polarizadas; é dicir, pasan a estación non reprodutora no centro tropical do continente e viaxan cara ao norte e sur para reproducirse nas sabanas máis abertas e desérticas e nos desertos. Esta non é a mesma situación que se dá nos Neotrópicos, onde ningunha especie ten este patrón de migración, ou en Asia tropical, onde unha soa especie o fai. O 83% das especies australianas son migrantes parciais dentro de Australia ou viaxan a Nova Guinea e Indonesia despois da estación reprodutora.
Nalgunhas especies a migración é diúrna, como no Scythrops novaehollandiae, e noutras nocturna, como no Coccyzus americanus. miniatura|O Clamator coromandus en Singapur
Comportamento e ecoloxía
A maior parte dos cucos son solitarios e raramente se xuntan en parellas ou grupos. A maior excepción son os Cotophaga das Américas, nos que evolucionou a reprodución cooperativa e outros comportamentos sociais. A maior parte dos cucos son diúrnos, pero moitas especies fan chamadas nocturnas (véxase máis abaixo). Os cucos son xeralmente unha familia de especies tímidas e reservadas, que é máis doado oílas que velas. A excepción son os Cotophaga, que a miúdo son extremadamente confiados cos humanos e outras especies.
miniatura|esquerda|A diferenza da maioría dos cucos, o Eudynamys scolopaceus é principalmente fruxívoro.