Tomé de Mancasola ou Tommaso Mancasola foi un monxe dominicano, que chegou a ser bispo de Samarcanda no século XIV. Traxectoria A cidade de Samarcanda era nos séculos XIII e XIV un dos principais centros do khanato de Chagatai. Segundo as fontes da época na cidade, xunto ás comunidades nestoriana e ortodoxa había unha misión dos dominicanos traballando. Desta comunidade dominicana, Mancasola e un compañeiro fixeron de embaixadores entre o papa e o khan. Mancasola posiblemente chegou alí logo de pasar por Persia.

As boas perspectivas da misión fixeron que o papa Xoán XXII erixise a diocese de Samarcanda en 1329, nomeando a Mancasola primeiro bispo da mesma. Mancasola volveu dende Roma a Samarcanda na primavera 1330, mais na súa ausencia a situación política no khanato mudara, co pasamento de Eljigidey (converso ao cristianismo) e cos gobernos de Duwa Temür e Tarmashirin (conversos ao islam), que destruíron igrexas e sinagogas. A situación mudou coa chegada de Buzan.

Mancasola apareceu novamente en Aviñón o 13 de agosto de 1342, e posteriormente volveu a Samarcanda, onde non se ten máis novas del.

Notas

Categoría:Dominicanos de Italia Categoría:Bispos católicos de Uzbekistán Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos do século XIV