A Conquista do Deserto foi a campaña militar realizada pola República Arxentina entre 1878 e 1885, pola que ingresou ó territorio e derrotou as tribos, pobos ou nacións (segundo o bando) mapuche, ranquel e tehuelche e que tivo como principais consecuencias a incorporación á soberanía da República Arxentina dunha ampla zona da rexión pampeana e da Patagonia (chamada Puelmapu polos mapuches) que até ese momento estaba dominada polos pobos indíxenas vencidos que sufriron a aculturación, a perda das súas terras e a súa identidade ó seren recolocados pola forza en reservas indias ou trasladados para servir como man de obra forzada.

Os feitos son obxecto de debate e visións diferentes, tanto dentro como fóra dese país. A posición tradicional arxentina sostén que se tratou dunha xesta militar e unha guerra lexítima respecto da efectiva soberanía da República Arxentina sobre territorios herdados do Imperio español e que respondeu aos malóns mapuches sobre a fronteira.Trímboli, Javier. Contra a posición tradicional arxentina, políticos e xornalistas arxentinos da época, denunciaron o que consideraron un "crime de lesa humanidade" cometido polo Exército Arxentino.Os días 16 e 17 de novembro de 1878 o diario La Nación, dirixido polo ex-presidente Bartolomé Mitre, publicou un artigo sobre a matanza de 60 indíxenas desarmados por tropas arxentinas ó mando do coronel Rudecindo Roca, irmá do xeneral Julio Argentino Roca, cualificando o acto como "crime de lesa humanidade" e de non respectar "las leyes de la humanidad ni las leyes que rigen el acto de la guerra" (as leis da humanidade nin as leis que rexen o acto da guerra).

A posición tradicional das comunidades mapuche, tehuelche e ranquel sostén que se tratou dunha invasión ilexítima dos huincas arxentinos sobre territorios ocupados polos seus devanceiros.

Outra postura arxentina cuestiona a actuación do Estado arxentino contra as nacións indíxenas, tanto pola violencia con que se desenvolveu a conquista, como pola imposición unilateral, a insuficiencia de dereitos e o obxectivo de beneficiar un grupo de terratenentes. Unha opinión máis recente, compartida polas comunidades indíxenas, un sector arxentino e estudosos doutras nacionalidades, sostén que se tratou dun xenocidio e un etnocidio institucional.

Nun sentido histórico máis amplo, o termo inclúe tamén as campañas previas á Conquista do Deserto, é dicir, o conxunto de expedicións militares levadas a cabo polos gobernos nacionais e provinciais arxentinos que se sucederon, en contra dos indíxenas, antes da gran campaña de 1879.

Notas

Categoría:Xenocidio Categoría:Historia da Arxentina Categoría:Conflito mapuche