Aplastodiscus lutzorum é unha especie de anuro da familia dos hílidos ou ras arborícolas comúns, endémica do bioma do Cerrado, no Brasil. É a única especie endémica dun só bioma no xénero Aplastodiscus. Posúe de 30 a 36 milímetros de lonxitude, sendo a menor do clado da especie, e diferénciase das outras especies pola duración da súa vocalización e pola cor do iris.
A descrición da especie foi publicada o día 3 de xaneiro de 2017, por cinco investigadores brasileiros. Recibiu o nome de Aplastodiscus lutzorum en homenaxe ós estudosos Adolfo e Bertha Lutz, pioneiros nos estudos das especies do xénero. Aínda non foi catalogada pola IUCN, mais posibelmente será categorizada como especie pouco preocupante.
Taxonomía A especie foi descrita o día 3 de xaneiro de 2017, por Bianca Berneck, Ariovaldo Giaretta, Reuber Brandão, Carlos Cruz e Célio Haddad na revista científica ZooKeys. Tras as análises, foi posíbel descubrir que a especie formaba parte do xénero Aplastodiscus, máis especificamente ao clado Aplastodiscus perviridis. Os individuos recollidos foron atopados en Minas Xerais, Distrito Federal e Goiás, tendo machos e femias. Os espécimes usados como referencia no estudo foron atopados en Unaí, Minas Xerais en febreiro e marzo de 2007 e todos eran machos. O holotipo era un macho e foi atopado o 12 de decembro de 2011 na Facenda San Bento, en Alto Paraíso de Goiás, Goiás, a unha altitude de 1 150 metros. Trátase dunha nova especie debido a seu tamaño reducido en relación ós outros representantes do clado, entre 30 e 36 milímetros, por presentar a iris bicolorida e tamén por presentar unha vocalización o dobre de longa que a dos outros individuos. Tamén foron feitos exames xenéticos nos Estados Unidos e en Corea do Sur que atestaron a especie. Co descubrimento da especie, existen un total de 15 especies no xénero.
Notas
Categoría:Anuros Categoría:Anfibios do Brasil Categoría:Animais descritos en 2017 Categoría:Fauna endémica do Brasil