A Insurrección nacional eslovaca (en , abreviado SNP) ou Levantamento de 1944 foi unha insurrección armada organizada polo movemento de resistencia eslovaco durante a segunda guerra mundial en contra do Goberno eslovaco aliado ao Terceiro Reich. O levantamento resultou un fracaso e os alemáns conseguiron sufocalo logo de dous meses de dura loita, mais a guerrilla continuou combatendo as forzas de ocupación ata a chegada do Exército Soviético a Eslovaquia en 1945.
O acoso partisano ás forzas alemás e a situación en Europa oriental precipitaron o alzamento ante a chegada de unidades alemás ao territorio eslovaco a finais de agosto. O papel principal no alzamento non o tiveron, con todo, as unidades partisanas, senón as do Exército regular eslovaco que se rebelaron contra o Goberno de Jozef Tiso. Comezou o 29 de agosto de 1944 na localidade de Banská Bystrica co obxectivo de expulsar do poder o Goberno colaboracionista de Jozef Tiso, establecer unha zona gobernada polos insurrectos e favorecer o avance do Exército Vermello a través dos Cárpatos.
Porén, as primeiras operacións foron favorables para os alemáns. As novas unidades, creadas moi axiña para esmagar o levantamento, tomaron o control do leste e o oeste do país e desarmaron as mellores unidades eslovacas, cercando os rebeldes no centro montañoso do país. As seguintes semanas, as forzas alemás non lograron esmagar como esperaban a rebelión e só lograron algúns avances territoriais fronte aos rebeldes. Estes, con todo, non puideron contar coa axuda soviética necesaria para soster a insurrección, xa que as unidades soviéticas foron incapaces de quebrantar as defensas alemás nos Cárpatos. O envío de armamento, abastos e homes por aire non foi abondo para rexeitar a contraofensiva alemá.
Alemaña tivo que enviar 40 000 soldados, abundante artillaría, tanques e aviación para enfrontarse á dura resistencia eslovaca. En outubro, un gran número de unidades alemás penetrou no país e, logo de dous meses de cruentos combates, lograron esmagar a rebelión, sufocada a finais de outubro. As unidades empregadas polos alemáns, con todo, eran unidades que non se achaban daquela na fronte, e isto fixo que o levantamento non debilitase a fronte oriental de xeito significativo. Os restos das forzas partisanas e regulares eslovacas adoptaron tácticas guerrilleiras ata a posterior chegada das forzas soviéticas. Os combates custaron arredor de 10 000 vidas a cada bando. A poboación civil sufriu a dura represión das forzas alemás enviadas a retomar o control do país. O Goberno filoxermano perdeu toda autonomía fronte a Berlín e o país quedou baixo ocupación militar alemá.
Logo da guerra, distintas forzas políticas trataron de arrogarse en exclusiva o mérito do levantamento, convertido nun episodio histórico moi polémico. O réxime comunista checoslovaco presentouno como un acontecemento iniciado e interpretado exclusivamente polas forzas comunistas. A oposición anticomunista acusou a estes de sabotar o alzamento para eliminala do poder e entregar o control do país aos soviéticos. Algúns nacionalistas eslovacos, por outra banda, afirmaron que o levantamento foi unha «conspiración contra a nación eslovaca», pois un dos seus principais obxectivos era restablecer Checoslovaquia, na que os eslovacos estarían politicamente dominados polos checos durante o período de entreguerras.
Antecedentes Xurdimento do Consello Nacional Eslovaco
Edvard Beneš, presidente do Goberno checoslovaco no exilio en Londres, iniciara os preparativos para a posible rebelión en 1943, cando mantivo os primeiros contactos cos elementos disidentes do Exército eslovaco. En novembro e decembro de 1943, varios grupos que participaron máis tarde no levantamento de 1944 —o Goberno no exilio, os demócratas e comunistas checoslovacos e parte do Exército eslovaco— formaron o clandestino Consello Nacional Eslovaco (CNE) e asinaron o chamado «acordo de Nadal», unha declaración conxunta que recoñecía a autoridade política de Beneš e aceptaba a resurrección dunha Checoslovaquia democrática e prosoviética logo da guerra. O consello, que debía coordinar a oposición a Alemaña e os seus partidarios en Eslovaquia, tratar de obter o control da rexión e manter contactos co Goberno checoslovaco no exilio, foi responsable de preparar a sublevación. O CNE, composto por representantes de diversos partidos, mostrouse dividido pronto entre comunistas e socialistas por unha banda e os representantes do resto de partidos, por outra. O obxectivo do alzamento era facilitar o avance soviético mediante o decaemento da retagarda alemá. O CNE esperaba contar co groso do Exército, con numerosos oficiais e soldados desafectos ao réxime de Tiso, como núcleo dun levantamento que abarcase a toda a sociedade eslovaca. Ao mesmo tempo, mais de xeito separado, o ministro de Defensa eslovaco, xeneral Ferdinand Čatloš, estudaba mudar de bando co groso das tropas cando considerara o momento propicio. Os intentos de Čatloš de coordinar os seus plans co CNE e os soviéticos, con todo, fracasaron, en parte pola antiga proximidade do xeneral a Tiso.
Plans de alzamento A finais de marzo de 1944, o tenente coronel do Exército eslovaco Ján Golian fíxose cargo dos preparativos de insurrección, en coordinación co Goberno exiliado, os soviéticos e os comunistas checoslovacos. Golian era xefe do Estado maior do mando militar de Banská Bystrica, no centro do país. O seu cargo, provisional ao principio, confirmouse como permanente o 14 de maio. Os conspiradores almacenaron cartos, municións e outras subministracións nas bases militares próximas a Banská Bystrica, probablemente coa aquiescencia de Čatloš, e baixo o pretexto de protexelos dos bombardeos. Golian formou ademais un mando para dirixir o alzamento. Este debía producirse en caso de ameaza de ocupación alemá ou cando conviñese polos avances dos soviéticos. O desembarco de Normandía o 6 de xuño e o comezo dunha nova ofensiva soviética o 22, convenceron o CNE da proximidade dese momento.
As dúas divisións mellor equipadas do Exército eslovaco xunto con toda a Forza Aérea eslovaca do leste foron deliberadamente trasladadas a Prešov no nordés de Eslovaquia no verán de 1944 co obxectivo de facilitar aos soviéticos o cruzamento dos Cárpatos. Ao tempo que estas forzas facilitaban a entrada na zona dos soviéticos, o resto de unidades debía repeler o esperado contraataque alemán no centro montañoso do país, nun triángulo formado polas localidades de Banská Bystrica, Zvolen e Brezno.
Os conspiradores contaban coa cooperación dalgúns destacados oficiais eslovacos, que se encargaron de facilitar os preparativos da insurrección. Destinouse aos oficiais filoxermanos a postos nos que non puidesen estorbar a operación e ordenouse o envío de material e a maioría das unidades especializadas a certas gornicións onde debía concentrarse o alzamento. As unidades da xendarmería recibiron instrucións de unirse ás unidades militares rebeldes ou aos partisanos en caso de ocupación alemá.
Plans soviéticos A finais de xullo e por suxestión do mariscal Iván Kónev, formouse a nova 4.ª Fronte Ucraína con ordes de trazar un plan para tomar os portos dos Cárpatos orientais e avanzar cara a Mukachevo e Uzhgorod en dirección á chaira húngara. O plan, presentando ao Stavka, recibiu o visto e prace deste a finais de agosto. O cambio de bando de Romanía, con todo, levou ao alto mando soviético a paralizar os plans ofensivos da 4.ª Fronte Ucraína.
O interese soviético no levantamento residía na posibilidade de empregalo para crebar as defensas de montaña da liña Arpad. Tras capturar Cracovia, os soviéticos virarían cara ao sur e penetrarían en Rutenia e máis tarde en Eslovaquia grazas á captura por parte das dúas divisións eslovacas dos portos de montaña da rexión. Mentres, os eslovacos conterían os alemáns ata recibir o socorro soviético na liña Banská Bystrica-Zvolen-Ružomberok, coa axuda da 2.ª Brigada Paracaidista checoslovaca que os soviéticos transportarían á zona. Coa estabilización da fronte a comezos de agosto, con todo, os soviéticos perderon interese nun alzamento inmediato.
A coordinación entre o Goberno checoslovaco en Londres, os conspiradores eslovacos e o alto mando soviético era, ademais, deficiente. O Goberno rexeitara o plan orixinal de Golian, remitido a Londres a comezos de agosto, que outorgaba un papel fundamental ás forzas soviéticas e, en opinión do Goberno, un demasiado secundario ás forzas eslovacas. Ademais, os contactos entre o representante militar checoslovaco en Moscova e o mando soviético foron esporádicos e non acadaron o papel de cada parte nas futuras operacións en Eslovaquia. Moscova vía con malos ollos o nacionalismo eslovaco —presente mesmo nalgúns dos comunistas da rexión— e sospeitaba que o interese do Goberno checoslovaco en desencadear un alzamento xusto antes da chegada das tropas soviéticas non era axudar a estas, senón recuperar o control político do territorio e restaurar un Goberno burgués, hostil á URSS.
Actividades dos partisanos e cambio de bando de Romanía miniatura|dereita|Entrada de tropas soviéticas en Bucarest o 30 de agosto de 1944. O país cambiou de bando mediante un golpe de Estado organizado polos principais partidos políticos romaneses e apoiado polo rei Miguel que apartou do poder o xermanófilo mariscal Ion Antonescu. O acontecemento facilitou o avance das forzas soviéticas. O número de partisanos, minúsculo a finais de 1943 e aínda máis reducido a finais de xuño de 1944 —233 guerrilleiros—, foi medrando ao longo do verán grazas á intervención soviética. Coa chegada do Exército soviético ás antigas fronteiras checoslovacas, o Partido Comunista de Checoslovaquia solicitou a axuda soviética para aumentar as formacións partisanas. O mando partisano ucraíno puxo en marcha un programa de adestramento de guerrilleiros, ao mesmo tempo que aumentaba o tamaño das unidades regulares formadas na URSS, nelas a 2.ª Brigada Paracaidista e o 1º Corpo do Exército checoslovaco. Kíiv enviou varias unidades mixtas ucraíno-eslovacas á zona entre finais de xuño e finais de agosto. Estas forzas serviron de cadros para as unidades guerrilleiras, que medraron de xeito exponencial durante estes meses. Contra finais de agosto, había uns 1 320 partisanos en Eslovaquia.
Demócratas e comunistas discrepaban no papel dos partisanos: para os primeiros, debían servir á liberación do país e quedar subordinados ao mando clandestino formado por Golian; para os segundos, debían favorecer a revolución social e a toma do poder polo partido. En maio o dirixente comunista checoslovaco Klement Gottwald asinou un acordo co secretario xeral do partido comunista soviético en Ucraína, Nikita Khrushchev, polo que subordinaba as unidades partisanas eslovacas ao mando soviético en Kíiv. Os primeiros mandos soviéticos chegaron en paracaídas o 25 de xullo. Estes solicitaron armas ao mando eslovaco, que pediu a cambio que esperasen ao alzamento para utilizalas, condición que os soviéticos só aceptaron ata o 20 de agosto. Mentres, as actividades doutras unidades partisanas levaron o Goberno eslovaco a proclamar a lei marcial o 12 de agosto e a comezar a procura de unidades partisanas nos Montes Tatras. Grazas á conivencia dalgúns membros das forzas de seguridade, estas unidades puideron retirarse sen atoparse coas do Goberno. As operacións antiguerrilleiras leváronse a cabo co fin principal de calmar as sospeitas alemás.