miniatura|300px|Esquema do módulo Spektr.
Spektr (índice GRAU 11F77O) foi un módulo da estación espacial soviético-rusa Mir. Foi orixinalmente deseñado con fins militares e despois reacondicionado para servir como módulo civil. Cunha masa de 19.640 kg, foi lanzado o 20 de maio de 1995 a bordo dun Proton K.
Spektr ten a súa orixe no programa de estacións espaciais militares soviéticas. Co derrubamento do réxime comunista o programa finalizou, e Spektr, aínda sen rematar, pasou a almacenamento. Anos máis tarde os Estados Unidos acordaron con Rusia proporcionar fondos para rematar os módulos Spektr e Priroda a cambio de levar a bordo entre 600 e 700 kg de experimentos americanos. Spektr foi o quinto compoñente da Mir e foi destinado principalmente a facer observacións da Terra, como busca de recursos naturais e estudo da atmosfera. Tamén serviu para facer experimentos de materiais, biolóxicos e de tecnoloxía espacial. Dispoñía dunha pequena cámara estanca para expoñer experimentos ao espazo e para lanzar pequenos satélites. O volume presurizado total do módulo era de 62 m3 e tiña catro paneis solares (dous de 27 m2 e dous de 38 m² que proporcionaban ata 9,3 kW de potencia eléctrica que era almacenada en baterías de níquel-cadmio de 360 A-hr de capacidade.
Entre os instrumentos que levou a bordo destacan:
Balkan: un lídar para facer medicións na capa superior de nubes cunha resolución de 4,5 m mediante un láser de 5320 Ángstrom de lonxitude de onda. Phaza: espectrómetro para estudos da superficie terrestre en lonxitudes de onda de 0,3440 a 285 micrómetros cunha resolución de 200 km. Astra 2: estudaba os elementos traza da atmosfera terrestre e a contorna da Mir. Taurus/Grif: estudaba o fondo de raios X inducidos pola Mir. KOMZA: detector de gas interestelar. 286K: un radiómetro binocular. VRIZ: un espectroradiómetro para o ultravioleta. EFO 2: un fotómetro. MIRAS: espectrómetro de absorción para medir os compoñentes neutros da atmosfera.
Spektr foi destruído xunto co resto da Mir durante a reentrada controlada da estación o 23 de marzo de 2001 sobre o océano Pacífico.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Mir Proton K Kristall Priroda
Categoría:Estacións espaciais