María Dorinda Ramos Ramos, nada en Cerreda (Cerreda, Nogueira de Ramuín) en 31 de marzo de 1921 e finada en Madrid o 17 de decembro de 2017, foi unha mestra e empresaria galega, muller do tamén empresario Eduardo Barreiros.
Traxectoria Orfa de nai ao nacer, o pai, que era dunha familia de pequenos propietarios agrícolas, casou de segundas e deixou a Ramos coas tías na aldea de Cerreda. Un tío de Dorinda Ramos era crego nunha parroquia próxima. Ramos marchou como estudante internada ao colexio das Carmelitas de Ourense, e posteriormente diplomouse en Maxisterio. Nese tempo, en 1940, Ramos coñeceu no autobús a quen acabaría sendo o seu home, Eduardo Barreiros, e o seu socio de proxectos empresariais. Casou con Barreiros no ano 1946, xusto cando Barreiros empezaba a colleitar éxitos empresariais coa contratación de obra pública na España do primeiro franquismo.
O negocio familiar mudou á transformación de motores de gasolina en diésel e nos primeiros anos cincuenta trasladáronse a Madrid para dirixir desde alí a empresa Barreiros. Nos anos sesenta chegan a un acordo con Chrysler para a compra de accións da súa empresa, que acabará supondo, a finais da década, a saída de Barreiros da empresa familiar e a reorientación a outros sectores, como a fabricación de penso, o sector do viño ou a minaría (casiterita). Nos anos oitenta expandiron os seus negocios a Cuba, se ben Dorinda Ramos nunca se chegou a instalar na illa. Logo do falecemento do home en 1992, Ramos retirouse da vida empresarial.
Desde 1997 e ata o seu falecemento foi presidenta de honra da Fundación Eduardo Barreiros.
Vida persoal A súa filla, Mariluz Barreiros Ramos, casou co empresario Jesús Polanco.
Notas
Categoría:Empresarios do sector do automóbil Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Nogueira de Ramuín Categoría:Finados en 2017 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes