ORCID (Open Researcher Contributor Identification (), en galego "Identificador Aberto de Investigador e Colaborador") é un código alfanúmerico non propietario que identifica as autoras e autores do eido científico ou académico. Aborda os problemas asociados á localización da autoría nas publicacións científicas ou nas publicacións da área das Humanidades. Á hora de recuperar as contribucións dunha persoa nestes ámbitos hai moitas prácticas que dificultan este labor: o uso de nomes persoais que non son únicos; as diferentes prácticas culturais no que á orde dos nomes se refire; a inconsistencia entre o uso das abreviaturas de nomes e o emprego de distintos alfabetos. ORCID proporciona unha identidade persistente para as persoas, de xeito semellante en que o fan os DOIs (identificadores de obxectos dixitais). A organización que xestiona ORCID ofrece un rexistro aberto e independente que busca converterse no estándar de facto para a identificación das contribucións na investigación e nas publicacións científicas. O 16 de outubro de 2012, ORCID lanzou o seu servizo de rexistro e comezou a emitir identificadores de usuario e usuaria.
Desenvolvemento e lanzamento ORCID organizouse nun principio como a Open Researcher Contributor Identification Initiative (en galego Iniciativa Aberta de Identificación de Colaborador Investigador). Naceu a finais do 2009, cun proxecto sen ánimo de lucro e impulsado por Thomson Reuters e Nature Publishing Group. ORCID usa GitHub como o seu repositorio para desenvolvemento de código e o seu primeiro prototipo estivo baseado no ResearcherID de Thomson Reuters.García-Gómez, C. (2012) p. 212 Os principios de ORCID establecen que os identificadores deben ser claros e persistentes e teñen que reflectir fielmente a atribución de autoría, ao tempo que lle permita ás persoas autoras crear e manter os seus perfís académicos e de investigación de forma libre e gratuíta (ORCID principles).García-Gómez, C. (2012) p. 211 En canto á atribución de autoría, trátase dun sistema híbrido, xa que non son só as persoas autoras quen poden confirmar unha autoría senón que tamén as institucións ás que están afiliados e incluso outras entidades da contorna social como Linkedln.
A diferenza dos DOIs, o seu control non recae nunha axencia. ORCID non está limitada a ningunha área xeográfica de coñecemento: é unha iniciativa independente, transparente e fundamentada no código aberto. Trátase dun sistema global e independente, no que participan moitos stakeholders con diferentes intereses, e que en ningún caso pode estar vinculados a unha editorial.
O rexistro lévao unha organización sen ánimo de lucro, ORCID, Inc., nacida en agosto de 2010 en Delaware, Estados Unidos de América, cun Consello de administración internacional. O seu director executivo, Laure Haak, foi nomeado en abril 2012. Desde 2016, o consello é presidido por Veronique Kiermer de PLOS (anteriormente presidira Ed Pentz de Crossref).
ORCID é de libre uso e permite total interoperabilidade con outros sistemas identificación. ORCID lanzou o seu servizo de rexistro e comezou a asignar identificadores o 16 de outubro de 2012. Formalmente, os identificadores de ORCID son especificados como URIs, por exemplo: o ORCID para John Wilbanks é https://orcid.org/0000-0002-4510-0385 (as dúas formas: https:// e http:// son aceptadas, pero https:// estableceuse como a canónica en novembro de 2017). Con todo, algunhas editoras utilizan a forma curta, e.g. "ORCID: 0000-0002-4510-0385" (como unha URN).
ORCID é un subgrupo do Identificador internacional estándar de nome (ISNI), baixo os auspicios da Organización Internacional para a Estandarización (como ISO 27729:2012) e as dúas organizacións cooperan. ISNI só identifica a autoría relativa a libros, programas televisivos, e diarios, ten reservado un bloque de identificador para uso de ORCID, que vai do 0000-0001-5000-0007 ao 0000-0003-5000-0001. É por tanto posíbel que unha persoa teña á vez, e de forma lexítima, un ISNI e un ORCID – ou o que é o mesmo, dous ISNIs.
thumb|ORCID de María Martinón-Torres en Wikidata ORCID e ISNI usan identificadores de 16-caracteres, utilizando os díxitos 0–9, separándoos con guións en grupos de catro. O derradeiro carácter,que pode ser tamén a letra "X" representando o valor "10" (por exemplo, o ORCID de María Martinón Torres é https://orcid.org/0000-0002-2750-4554 e o de Stephen Hawking é https://orcid.org/0000-0002-9079-593X). Deste xeito é un díxito de control MOD 11-2 consonte ao estándar IEC/diso 7064:2003.
Existe unha conta de ORCID para unha persoa ficticia, Josiah Carberry, como https://orcid.org/0000-0002-1825-0097, para ser usada en probas e como exemplo na documentación e material formativo.
Usos A finalidade de ORCID é auxiliar "a transición de ciencia a e-Ciencia, na que as publicacións científicas poden ser tratadas a través da minería de datos para albiscar as ligazóns e as ideas escondidas no constante volume crecente da literatura científica". Outro uso suxerido é o de proporcionar a cada persoa investigadora "un currículum vitae dixital constantemente actualizado, dando unha imaxe das súas contribucións á ciencia que vai mais aló da simple lista de publicacións". A idea é que outras organizacións usen a base de datos en aberto de ORCID para construír os seus servizos propios.
Segundo indicou a revista Nature nun editorial, ORCID, ademais de etiquetar as contribucións que fai cada científico/a, "tamén podería serlle asignado a conxuntos de datos que as persoas axudaran a xerar ou ós comentarios nas entradas de blogs dos seus e as súas colegas, ós borradores de artigos inéditos, ás edicións de entradas de Wikipedia e moito mais".
En abril 2014 ORCID comunicou os seus plans de traballo co Consorcio de estándares avanzados en información de xestión investigadora para gravar e recoñecer contribucións nas revisións por pares.
Nunha carta aberta do 1 de xaneiro de 2016 oito editoras, incluídas a Royal Society, American Geophysical Union, Hindawi, the Institute of Electrical and Electronics Engineers, PLOS e Science comprometéronse a requirirlle un ORCID a todas as persoas que editen nas súas revistas.
Membros, patrocinadores e usuarios rexistrados En marzo de 2018 ORCID contaba con 851 organizacións participantes e arredor de catro millóns e medio de rexistros. En 15 novembro de 2014, ORCID anunciou a inscrición número un millón. O 9 de febreiro de 2018, o número de contas rexistradas declarado por ORCID era de 4 423 280. As organizacións participantes inclúen moitas institucións de investigación, como Caltech e a Universidade de Cornell, e editoras como Elsevier, Springer, Wiley e Nature Publishing Group. Tamén están incluídas as empresas comerciais como Thomson Reuters, sociedades académicas e fundacións.
Entidades coñecidas polas súas bolsas como a Wellcome Trust (unha fundación benéfica) tamén comezaron a requirir o identificador ORCID ás persoas demandantes de financiamento.
Postas en funcionamento a nivel nacional En varios países, os consorcios, incluídas as axencias gobernamentais como socias, están buscando unha posta en marcha de ORCID a nivel nacional. Por exemplo, en Italia, setenta universidades e catro centros investigadores están colaborando baixo os auspicios da Conferencia de Reitores Universitarios italianos (CRUI) e a Axencia Nacional para a Avaliación dos Institutos Universitarios e Investigadores (ANVUR), nun proxecto aplicado por Cineca, que é unha asociación sen ánimo de lucro que representa as universidades, institucións investigadoras e o Ministerio de Educación. En Australia, o National Health and Medical Research Council (NHMRC) e o Australian Research Council (ARC) "animan a todo o persoal investigador que solicita financiamento a ter un identificador ORCID".
Integracións Alén de membros e patrocinadores, revistas, editores e outros servizos incluíron ORCID nos seus workflows ou nas súas bases de datos. Por exemplo: Journal of Neuroscience, Springer Publishing, a Hindawi Publishing Corporation, Europe PMC, o Japanese National Institute of Informatics's Researcher Name Resolver, Wikipedia e Wikidata. F
Algúns dos servizos en liña crearon ferramentas para exportar ou importar datos a ORCID. Entre eles: Scopus, Figshare, ResearcherID, Researchfish, a British Library (no seu catálogo de teses EThOS), ProQuest (para o seu servizo ProQuest de presentacións e teses) e Loop de Frontiers.
En outubro de 2015, DataCite, Crossref e ORCID anunciaron que as súas organizacións actualizarían rexistros de ORCID, "cando se atopar un identificador ORCID identifier nun novo rexistro de DOI"
Outras ferramentas de terceiros permiten a migración de contido dende outros servizos a ORCID, como por exemplo Mendeley2ORCID, de Mendeley.
Algúns datos de ORCID tamén poden ser recuperados como XML/de RDF, RDF Turtle, XML ou JSON.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Control de autoridades ISNI OpenID Virtual International Authority File Ligazóns externas
Paper do 2010 que fala da estrutura dos identificadores ORCID (actualizado 2012)
Categoría:Identificadores Categoría:Biblioteconomía