A igrexa de Västerhejde (sueco: Västerhejde kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Västerhejde, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A igrexa de Västerhejde foi construída en estilo románico durante o século XIII, pero sufriu algúns cambios durante o século XIX. O coro con ábsida e a nave levantáronse no ano 1204, e a torre construíuse en 1240. O portal sur do coro foi retirado no século XIX sendo substituído por unha gran fiestra, e a agulla da torre, que na súa orixe tiña un deseño apuntado, cambiouse en 1856 pola presente de gabletes escalonados que non se atopa en ningunha outra igrexa medieval de Gotland. A reconstrución foi necesaria xa que o edificio estaba tan arruinado que as pedras estaban caendo no seu interior. Once anos antes o consello da parroquia decidira abandonar a igrexa, pero as parroquias veciñas dixeron que debían ter coidado da súa igrexa.
A pía bautismal de arenito foi doada polo xuíz Olof Lundsberg en 1681. No exterior atopouse soterrada un pía previa que chegou a ser usada como floreiro. As vigas probablemente estiveron expostas durante a Idade Media, pero no século XVII colocouse un teito pintado. Este teito estragouse e no ano 1956 o artista Curt Viberg elaborou unha copia. O retablo, púlpito e bancos son do século XVII. No interior colga unha pintura ao óleo de Fredrik Westin que foi un regalo da princesa Uxía de Suecia e Noruega, que pasou varios veráns preto da igrexa.
Galería de imaxes
Notas
Västerhejde