miniatura|O autor a carón da edición de 2019 Con pólvora e magnolias é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Rompente en 1976.

A publicación en 1976 desta obra, xunto con Mesteres, de Arcadio López-Casanova, vai significar un cambio dentro da poesía galega. Estes dous poemarios supuxeron un redescubrimento das posibilidades da linguaxe, dos recursos formais, da dimensión estética do poema e dos temas nun momento en que a poesía socialrealista descendera de calidade debido aos excesos que dela se fixeran.

O libro recibiu o Premio da Crítica en 1977."Silvio Santiago y Méndez Ferrín, premios de la crítica", La Voz de Galicia, 27-3-1977, p. 26.

Edicións

En 1989 Edicións Xerais de Galicia publicou unha edición con comentarios na Biblioteca das Letras Galegas ao cargo de Carmen Blanco García e Claudio Rodríguez Fer. En 2019 Xerais publicou de novo a obra actualizada ortograficamente, en edición literaria dos mesmos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, e revisada tamén polo autor (ISBN 978-84-9121-489-2), sendo a novena edición.

En 2026 a Editorial Alvarellos publicou unha edición fácsimilar para conmemorar o 50 aniversario. Inclúe un Epílogo do especialista Anxo Angueira e a reprodución de manuscritos orixinais.

Características xerais A pólvora é o compromiso social e político (nacionalismo e marxismo), a poesía combativa. As magnolias son a liña intimista e existencial, o ton confesional. As dúas direccións están xa no título unidas pola conxunción copulativa e e así se manterán en todo o libro.

Na obra hai unha clara superación do socialrealismo imperante na poesía, unha reivindicación do culturalismo e dos valores formais sen renunciar á denuncia e á reivindicación. É esta combinación de fórmulas estéticas de vangarda, formalmente moi elaboradas e afastadas de calquera realismo, e de ideoloxía revolucionaria e propósitos de denuncia unha das principais características da obra narrativa e poética de Méndez Ferrín.

Pódense sinalar:

1.- Descubrimento da linguaxe: múltiples posibilidades estéticas e expresivas.

2.- Novos temas: intimismo, lembranza do pasado, erotismo, esteticismo contemplativo...

3.- Apertura estilística: versolibrismo, collage...

4.- Culturalismo: referencias míticas, históricas, literarias, artísticas...

5.- Influencias:

Célticas: Irlanda, tema do Rei Artur, O´Casey. Medievais: Cancioneiros, F. Villon, Dante, Petrarca, Cavalcanti, Jorge Manrique. Vangardistas: surrealismo francés, futurismo ruso (poesía revolucionaria sen esquecer a forma), poesía beat norteamericana (J. Kerouac), o collage do futurismo italiano. Poesía galega: Eduardo Pondal, Manuel Antonio (a familia naval de M.A. o inconformismo de Máis alá!), Álvaro Cunqueiro.

Estrutura Son 22 poemas (6 con título): Un home de 37 anos sente a necesidade de botar fóra o seu medo principal: o seu medo á morte. O poeta mostra o seu eu lírico, a súa intimidade dominada pola saudade nun fondo de proclama política chea de luxo preciosista.

1ª parte 16 poemas máis ou menos curtos, de características similares.

Nestes poemas persisten os elementos como as imaxes visionarias, o ritmo (de)cadente e os versos e o léxico marcadamente negativo que contribúen a reforzar, desde o punto de vista formal, o sentimento elexíaco co que o autor aborda os temas da obra.

A maior parte non ten título, cando o ten xa nos indica o tema do poema. Os poemas non sempre aparecen organizados en estrofas. Abundan os paralelismos e as estruturas repetitivas.

2ª parte Triste Stephen é un poema longo, en 5 partes (ou 5 poemas?), intimista; diferente polo seu carácter autobiográfico.

A primeira alusión a uns versos de Camoens (Errei todo o discurso de meus anos) están nunha primeira persoa que non se volve repetir ao longo do poema: no comezo fala de Stephen en terceira persoa e remata falando con Stephen, falando cun espello, falando consigo mesmo.

A primeira parte deste poema ten unha característica principal: trata de introducir o lector nun modo diferente de sentir a realidade, exclusivamente sensacións, cunha preocupación pola técnica sen lle importar clarificarlle quen é quen, quen é ela. Trata de sensibilizar coa súa violencia, ás veces, arrepiante.

A segunda parte é un andar no tempo, nos anos saudosos dos cincuenta e tantos (século XX), nos anos gloriosos e preguiceiros de ela, activista alemá da "Fracción do Exército Vermello": Ulrike Meinhof, e de Stephen, fronte a un hoxe do poema no que ela está presa.

Na terceira parte (os tres últimos poemas) o Triste Stephen, con corenta anos e sen esperanza, atópase totalmente só, non vendo futuro en nada máis que no traballo pola propia terra.

Este poema, recolle os catro temas recorrentes da primeira parte: morte, amor, tempo saudoso, patria. E ten tamén as outras características: estranxeirismos, arcaísmos, cientifismos. Alén da polirritmia, aliteración, anáfora e simbolismo gráfico.

3ª parte Reclamo a libertade pró meu pobo (é unha especie de epílogo).

É o poema esperanzado de alguén que non ten esperanza. Con pólvora e magnolias presenta unha visión optimista da historia que contrasta co pesimismo con que se enfoca o problema existencial. Unha historia presentada no contexto ideolóxico do marxismo e do nacionalismo radical nesta terceira parte do poemario. Predomina o ton prosaico dominado pola utilización do refrán.

Temas Ademais da pólvora e magnolias xa explicadas, aparecen estoutros temas:

1.- Tristura e nostalxia.

O libro está dominado polo ton elexíaco, a tristura e a nostalxia provocados polo paso do tempo, a perda do amor, o camiño cara á morte: Diante de Compostela doutros días. O paso do tempo trae dor, espanto, provoca a perda da paixón. A nostalxia trata de vencer o tempo e a morte coa lembranza, pero fracasa. Está en Señoras do pasado, Sentarame ben..., Atópome coa testa..., Triste Stephen... Recréase a infancia, a mocidade, a ilusión e o amor perdidos.

2.- Visión tráxica do tempo (Confucio, Heráclito, Mao, Jorge Manrique, Kerouac) .

O fluír do tempo na clásica metáfora do río é o núcleo dalgúns poemas. O tempo (ourizo) pasa moi axiña e á vida (río) xa se lle ve o final, a morte (mar). O mundo non vai parar para o poeta e lembra, por iso, a Confucio, Heráclito, Mao: todo cambia, así pasan todas as cousas. E para intentar parar o tempo, para tapar os ollos e non ver este final, busca un amor, un amor esperanzado, que poucas veces vai chegar a ser satisfactorio. Ve a súa vida como un outono.

3.- A morte (eixo temático): visión existencialista do home como un ser para a morte.

O recapacitar sobre si mesmo prodúcelle unha sensación triste, de tristura mesta. O tempo foille pasando e entra nunha profunda soidade na que descansa, pero que o fai pensar seguido na morte. Mais tamén hai unha visión innovadora: a morte vai ser moitas veces un fuxir da realidade para atopar o sosego. E busca unha morte cun fermoso rostro, de paz, de liberación, de felicidade, de ledicia, que vai atopar lembrando a Kerouac, na Terra de Bea, onde o mundo da morte é verde e frondoso, o mundo real é dun outono cobrizo, dourado e marelo.

Chegado o momento último ten a sensación de que non fixo nada, e ten medo a ese xulgamento final. E para vencer ese medo, sobre todo á morte, ten dúas válvulas de escape: a saudade, quere escapar procurando un tempo perdido (a nenez, a mocidade) e o amor, cheo dunha fonda tristura e que non é máis que unha busca na lembranza non satisfactoria.

Trátase dun proceso liberador, dialéctico, dentro dunha concepción materialista onde a morte é un proceso ordinario e natural.

4.- O Amor.

Está ligado ao paso do tempo, á tristura e á morte porque só o amor parece impedir, ás veces, o paso do tempo que leva á morte. Recréase o motivo do amor contra a morte (lémbrese a Catulo: odi et amo). O amor, o erotismo e a morte están xuntos en Estas como caída, Posturas para copular en homenaxe porque amar fai máis fácil o camiñar cara á morte. Tamén está presente o desamor, o amor como dor en Señoras do pasado e Momento último. O amor tamén é de outono, e cando chega ledamente no verán é fuxinte, é un amor que está e non está.

5.- A decadencia.

Como consecuencia de todo o anterior (tempo, morte, saudade) no libro predomina un ton decadente, outonal, esmorecente. Sobresaen os campos semánticos do devalar da natureza: outono, serán, solpor. O poeta tamén se comprace na contemplación da decadencia. Este decadentismo esteticista apréciase en Esta é a folla...: a morte e a beleza do outono no Ulla.

6.- A revolución: marxismo e nacionalismo (vencellados á temática intimista e existencial).

O tema socio-político enmarca o libro, está presente no primeiro e último poema. É unha chamada á loita de liberación nacional. Cítase a Moncho Reboiras e os mineiros mortos en Lousame. En Triste Stephen cántase a unha revolucionaria alemá, Ulrike Meinhof.

Este outono da vida do poeta ocorre nunha Patria con historia propia (Antolín Faraldo, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Xohán Xesús González...). E é falando desa Patria cando o poeta está esperanzado, aínda que el mesmo se sente vencido, e non perde a esperanza en ningún momento porque a semente está botada. Contrasta, pois, a confianza no destino futuro colectivo co pesimismo persoal.

Vista a obra no seu conxunto e de modo xeral, podemos concluír dicindo que Méndez Ferrín constrúe as súas espirais temáticas “Con pólvora e magnolias” e con estruturas reiterativas (os paralelismos, as anáforas, as xeminacións de término/versos iguais) e sistematicamente estudadas, tanto temática como estilisticamente. Toda a obra no seu conunto é espiral do lagarto e da luz verde dun Stephen manipulador de espazos como cortes de gando moi grandismo.

Símbolos Podemos destacar:

1.- As cores: branco morte ou pureza e beleza femininas. Azul: consciencia, reflexión (tradición: medo)

2.- Flores e o mundo vexetal: (asociado ás cores nos poemas) magnolia, xacinto, camelia.

3.- A morte: cor branca, crisantemos, outono, crepúsculo.

4.- O ourizo (repetido): sufrimento, actitude de illamento defensivo.

5.- A espiral (o mundo celta, as raíces culturais): retorno ás orixes, ao tempo sen límite.

6.- A pedra, a estatua: a tallada, traballada: escravitude; a sen traballar: liberdade. Estatua: escravitude, silencio, pasividade

7.- Paxaros (tradición: as relacións co outro mundo, mensaxeiros dos deuses). Pombo : morte; loia (laverca): protección da terra.

8.- Símbolos ideolóxicos e sociais. Dinamita, pólvora, ferro: a loita revolucionaria. Puño: o marxismo.

9.- Símbolos do paso do tempo: a roda, o río (a vida que pasa e leva en si a morte// Miño: Galicia).

10.- Símbolos eróticos e amorosos.

Espada: o sexo asociado ao sufrimento, a ferir, á liberdade. Señor: o mundo medieval, a coita de amor, o amor cortés. Leito vermello: paixón amorosa. Fígado: corazón.

11.- Topónimos.

Compostela: nacionalismo, reivindicacións // nostalxia da mocidade. Vilanova dos Infantes: mundo feliz da infancia, os soños. Ourense: a dura realidade da posguerra. Irlanda: loita pola liberación, pola independencia. Terra de Bea: a morte. Ferrol, Lousame: loita.

Recursos estilísticos 1.- Polirritmia e versolibrismo.

2.- Recorrencias: fónicas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas.

3.- Rupturas da norma: a agrupación en estrofas, os encabalgamentos moi abundantes (suaves e abruptos), a ausencia de puntación, os xogos con maiúsculas e minúsculas.

-Imaxes vangardistas e as influencias do futurismo italiano (collage), futurismo ruso (forma), surrealismo francés e Manuel Antonio.

-Erotismo. Novidade dentro da poesía galega (Posturas para copular en homenaxe)