Atmospheric Reentry Demonstrator, coñecido abreviadamente como ARD foi un demostrador tecnolóxico da ESA deseñado para estudar a reentrada atmosférica. ARD foi lanzado nunha traxectoria suborbital por un Ariane 5 o 21 de outubro de 1998 ás 16:37 GMT desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.

A nave tiña a mesma forma da cápsula de reentrada das naves do Proxecto Apollo pero cun tamaño un 20% inferior. A bordo levaba un equipo de comunicacións para establecer conexión cos satélites do sistema TDRS, un receptor GPS, o sistema de control de actitude alimentado por hidracina, o escudo térmico de 2,8 m de diámetro, tres paracaídas de 23 m de diámetro e unha baliza do sistema SARSAT para a recuperación da cápsula.

ARD foi levado ata o espazo por un Ariane 5, do que se separaou a 216 km de altura para alcanzar despois un apoxeo de 830 km e volver a caer a terra, amarando a 4,9 km do punto calculado no océano Pacífico tras 1 hora e 41 minutos de voo. O escudo térmico funcionou sen problemas, aguantando temperaturas de ata 900 °C e sendo recuperado en boas condicións.

ARD foi utilizado para probar tecnoloxías que puideran ser usadas nun posible vehículo de retorno de emerxencia da Estación Espacial Internacional.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ariane 5

Categoría:Astronáutica Categoría:Axencia Espacial Europea