A igrexa de Hall (sueco: Halls kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Hall, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia A igrexa de Hall data na súa totalidade do século XIII. As súas partes máis antigas son a nave e o coro, construídos no segundo cuarto do século. A torre é un pouco posterior. Estilisticamente é un edificio de transición entre a arquitectura románica e gótica. Cunha columna centrar e catro tramos, formado dous corredores, a nave da igrexa é a estrutura máis sinxela que encaixa na definición dunha igrexa de salón.
Internamente a igrexa está decorada con frescos que foron descubertos durante unha restauración no ano 1956. Os frescos da parede norte do coro son do século XIV e representan a árbore da vida, a María con Cristo, a Cristo na cruz e a Cristo nunha mandorla. Os frescos da parede sur son de 1603 e representan a dous homes con roupas renacentistas axeonllados con Cristo na cruz. Na nave tamén hai frescos do século XIV onde se amosa a Coroación da Virxe e a psicostasia.
A cruz triunfal é unha copia da orixinal, que no presente se atopa no Museo de Gotland en Visby. A orixinal, do século XII, supostamente é unha das esculturas de madeira coa súa pintura orixinal máis antigas de Europa. A meirande parte do resto do mobiliario é de despois da Reforma. Os bancos son dos séculos XVII e XVIII e o púlpito de 1619. A igrexa ten tamén un barco votivo de 1871.
Galería de imaxes
Notas
Hall