Marina Vega de la Iglesia, nada en Castro Urdiales o 21 de marzo de 1923, e finada en Madrid o 11 de xuño de 2011,foi unha espía, loitadora antifranquista e cazanazis cántabra. Foi a única muller na rede española ao servizo da Resistencia francesa. Uniuse á rede española das Forzas Francesas Libres ó servizo de Charles de Gaulle con só 17 anos. Traballou para a Resistencia francesa, primeiro contra o ditador Francisco Franco dende España e logo en Francia.

Traxectoria

Historia familiar Naceu no seo dunha familia de tradición republicana. O seu pai, que fora rexistrador da propiedade en Torrelavega e deputado a cortes e director xeral de prisións nos tempos da Segunda República, foi condenado a 16 anos de prisión por "un delito consumado de masonaría", e enviado a un penal de El Puerto de Santa María (Cádiz). A súa nai formou parte do goberno da II República polo que se mudou coas fillas a Valencia cando caeu Madrid. Marina estivo durante este tempo interna no Liceo Sorolla, na Malvarrosa e tivo que vivir agochada por medo a ser represaliada. Por esta razón e para protexela, Marina foi enviada a Francia con algúns amigos da familia o 18 de xullo de 1937, residindo un tempo en París.

Na resistencia francesa Vivía en París cando estourou a segunda guerra mundial. A familia que a acollera decidiu ir a México. Marina, aínda sen ter noticias dos seus pais, tomou a decisión de volver a España. Ó chegar a Madrid localizou a súa nai, que vivía agochada. Tempo despois Marina caeu nunha depresión e a súa nai enviouna canda unha amiga súa en León. Alí coñeceu un home novo que estaba conectado co servizo diplomático francés, que foi quen a introduciu nas Forzas Francesas Libres. Ó prohibir Franco a embaixada de Francia, o servizo secreto deste país estableceuse na delegación inglesa, que foi onde acudiu Marina para ofrecerse a traballar. Marina chegou xusto cando eles estaban a buscar unha muller española non fichada e que puidese moverse libremente a través do país e foi admitida. Segundo ela indica, as oficinas da embaixada clandestina francesa estaban situadas na rúa San Bernardo, en Madrid. Ela traballou baixo as siglas FFL (Forzas Francesas Libres) de Charles de Gaulle Comezou a traballar no ano 1942 cun salario de subtenente e cando comezou a viaxar tamén lle cubrían as axudas de custo.

A raíz desta relación coa embaixada francesa fixo múltiples viaxes á fronteira franco-española sempre con documentación falsa. Introducía xente en España e traía documentos e diñeiro. Na rede de apoio estaban dende o xastre que vestía ós que cruzaban a fronteira ata os falsificadores de documentos. Un día esta rede foi descuberta pola Segunda Bis, a contraespionaxe española. Foi por iso que Marina tivo que fuxir a Francia en 1944, onde permaneceu ata 1949.

Tamén axudou a persoas que fuxían da persecución alemá. Entre 1942 e 1944 facía dúas viaxes por semana a Francia. "Non sei canta xente puiden traer comigo. Deduzo que serían xudeus franceses que fuxían dos nazis. Tamén algún inglés".

Coa fin da segunda guerra mundial comezou a limpeza dos nazis en Francia e o resto de Europa. Marina foi desmobilizada en 1945 e pasou a ser un soldado sen uniforme. Tense dito que o seu traballo era daquela localizar alemáns nazis e colaboracionistas para xulgalos. Isto provocou unha desbandada deles cara España. Porén ela declara que durante o período de paz as súas tarefas xiraban en torno á información publicada nos medios de comunicación españois e que aínda que a chamen "cazanazis" ela non foi "a Alemaña cazando a ninguén". Noutra entrevista declara que cazou "uns poucos".

Marina estableceuse definitivamente en Madrid en 1950 para coidar do seu pai que saíra do cárcere e estaba moi enfermo, dando por rematados os seus servizos e debido a que a súa nai estaba aínda en España. Casou e tivo unha filla. Foi detida dúas veces durante o réxime franquista, polo seu activismo. Ós seus 84 anos considerábase "masona, republicana, vermella e a moita honra". Premios e recoñecementos Foi condecorada polo Parlamento Europeo pola defensa da liberdade. En 2008 otorgouselle o premio "Nuestras Mujeres" dentro da cerimonia dos X premios Ana Tutor do PSOE.

Segundo declaracións de Javier Olivares, a personaxe de Lola Mendieta na serie El ministerio del tiempo está inspirada en Marina Vega.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Entrevista no Arquivo dixital da Guerra Civil Española e a ditadura franquista

Categoría:Espías Categoría:Nados en 1923 Categoría:Nados en Castro Urdiales Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Membros españois da Resistencia francesa Categoría:Finados en 2011