A igrexa de Stenkumla (sueco: Stenkumla kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Stenkumla, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby. Na idade media a igrexa estaba dedicada a San Lourenzo.

Historia e arquitectura A parte máis antiga da igrexa é a torre, que foi construída a comezos do século XIII. Orixinalmente estivo unida a unha igrexa románica do século XII, pero esta foi substituída polo presente edificio en distintas etapas. O coro é de mediados do século XIII, mentres que a nave foi construída a comezos do XIV. Dende a idade media a igrexa permaneceu case inalterada.

A nave case cadrada está soportada por un único piar central. As paredes están decoradas con frescos do século XV, realizados polo artista coñecido como Passionsmästaren. Un conxunto de frescos representa a Paixón de Cristo e outro varias santas, que probablemente son Santa Bríxida, Santa Sabela, Santa Bárbara, Santa Catarina e Santa Margarida. As fiestras da nave e do coro teñen fragmentos das vidreiras orixinais. No coro hai outro conxunto de frescos, que datan do século XIII. Representan a San Lourenzo, San Pedro, San Bertomeu e San Paulo. O coro tamén ten un tabernáculo de madeira do século XIV.

Baixo o arco do presbiterio entre o coro e a nave hai unha cruz triunfal do século XII. Foi descrita como a mellor peza de arte da igrexa e fíxose para o anterior edificio románico. Representa a Cristo cravado na cruz só a través das súas mans; os pés colgan libres e de feito están cubertos con zapatos. O resto do mobiliario é de despois da Reforma, como o retablo de arenito, feito en 1681. O púlpito é de mediados do século XVII e a pía bautismal do século XVIII. A igrexa tamén ten dúas pedras rúnicas do século XI.

No seu cemiterio atópase a tumba de Konrad Petterson Lundqvist Tector, un ladrón e asasino que foi decapitado no exterior da igrexa o 18 de maio de 1876.

Galería de imaxes

Notas

Stenkumla