A igrexa de Lojsta (sueco: Lojsta kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Lojsta, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A presente igrexa foi probablemente precedida por unha stavekirke de onde procederían dúas trabes atopadas no uro oeste da da nave actual. A nave é o coro forman a parte máis antiga da actual igrexa de Lojsta. Estes datan do segundo cuarto do século XIII, e é probable que o coro chegase a estar unido á antiga igrexa de pedra durante un breve período de tempo antes de levantarse a nova nave. Durante a primeira metade do século XIV, a presente torre gótica substituíu a unha anterior situada na parte oeste da nave. Ademais, durante a construción da torre, realizáronse traballos de reconstrución no edificio.
O interior da igrexa está decorado con catro grupos distintos de frescos. O máis antigo, da época da construción da nave e o coro, é puramente ornamental. Na parede entre o coro e a nave, enriba da bóveda (que data da modernización da igrexa levada a cabo no século XIV) hai frescos do XIV que representan a Cristo como xuíz do mundo, flanqueado polos apóstolos San Pedro e San Paulo, ademais do arcanxo Miguel e de Santa Margarida. No muro norte da nave hai outro conxunto de frescos do século XV representando a Paixón de Cristo realizados polo artista coñecido como Passionsmästaren. Finalmente, hai un fragmento dun fresco de 1520 que representa a San Xurxo e o Dragón na parede sur da nave. A igrexa tamén destaca polas súas vidreiras medievais e moi bo estado de conservación. Nas tres fiestras do muro oriental do coro todos os paneis agás un son orixinais, datando de mediados do século XIII. Representan a vida, morte e resurrección de Cristo.
A igrexa tamén ten algunhas pezas de mobiliario destacables. A pía bautismal é dó século XII pero está moi desgastada. O retablo é do XIV e foi repintado no século XIX. No chan do coro hai unha tumba dun home que morreu en 1342 e dunha muller que morreu en 1344.
Na década de 1860 refixéronse as fiestras e substituíronse (agás as do coro). A igrexa foi restaurada en 1957.
Galería de imaxes
Notas
Lojsta